Sobran motivos para que o campo saíse á rúa; sen dúbida, o fastío chegou a un límite inimaxinable; se non, de que forma se explica a capacidade de mobilización vivida nestes últimos dous meses?
Para entender as mobilizacións desde un punto de vista obxectivo creo que hai que atender tres factores importantes:
Por unha banda, a tremenda desafección que hai cara ao campo desde as cidades. O trato paternalista que se lle dá ao campo nalgúns ámbitos da lexislación, amósanos como facer o noso traballo e como tomar determinadas decisións cunha estrita “tintura ecoloxista” non axudaron a crear esa necesaria relación entre quen produce alimentos e quen os consome. A esquerda erixiuse en defensora sen concesións da natureza e a ecoloxía, e venos como bárbaros contaminadores con intereses puramente economicistas.
Ademais, declaracións coma as da vicepresidenta facendo alusión a que os que se manifestaban na rúa eramos “a patronal do campo” non axudan.
Doutra banda, está a capitalización que está facendo a ultradereita da defensa do sector primario. Esta situación está a levar o sector a un contexto de trincheiras, no que “ou estás comigo ou contra min”, aproveitando para botar por terra o traballo que fixeron as organizacións agrarias durante décadas. A utilización das mobilizacións do campo por puros intereses políticos a escasos meses dunhas eleccións europeas é dunha mesquindade tan grande que non pode ser menosprezada.
"A utilización das mobilizacións do campo por puros intereses políticos a escasos meses dunhas eleccións europeas é dunha mesquindade tan grande que non pode ser menosprezada"
E, por último, a tan nomeada nova PAC, unha política europea desacertada, influída por partidos ecoloxistas do norte de Europa na súa redacción e ante a cal moitos xa nos manifestamos hai catro anos. Medidas que pretenden unha maior sostibilidade e respecto cara ao medio ambiente, pero non contaron con aqueles que deben levalas a cabo e chocan coa rendibilidade das explotacións, coas propias prácticas agrícolas e mesmo coa pura lóxica campesiña.
Pero non nos enganemos, o Cambio Climático veu para quedar, as prácticas agroambientais que ata agora levamos a cabo deberán ser reorientadas e non podemos ser tan inocentes de pensar que imos recibir os pagamentos compensatorios da PAC sen obrigarnos a cumprir certas esixencias. Estamos de acordo en que será necesario un cambio nas formas de afrontar os nosos cultivos, pero ese cambio non pode chegar enfrontado ás prácticas tradicionais, aos cultivos más rendibles en cada zona ou tratando de impoñer rotacións forzosas ou cultivos non adaptados.
As novas normativas de benestar animal deben procurar o mellor escenario para unha correcta produción, pero sen interferir na calidade do produto final. Non podemos ser meros espectadores cando se trata a rendibilidade das nosas explotacións agrícolas e gandeiras.
De igual xeito, cómpre que a burocracia non sexa un lastre más co que cargar no traballo diario das explotacións. A lexislación que permita un trato áxil, rápido e sinxelo coas Administracións debera ser unha máxima que se ha de ter en conta.
Sen dúbida, é tamén imprescindible dotar a Lei de cadea alimentaria dun carácter sancionador real con capacidade e medios, ademais de cun observatorio de prezos para denunciar de forma rápida calquera desequilibrio que se presente.
Despois de expoñer o meu punto de vista, moito me temo que algúns fixeron moi ben o seu traballo, xerando un clima de estrés propicio para que saiamos de todo isto cun campo máis desunido que nunca, con rifas sementadas intencionadamente que só buscan debilitarnos para, desa forma, facernos máIs “manexables” aos seus intereses e necesidades. Non deixa de sorprenderme como fomos quen de seguir a certas “influencers de campo” que, con insultos, obscenidades e berros histriónicos, cargaban contra todo o que zumegase unha chisca de sindicalismo agrario. Creo que debemos ser conscientes da proximidade das eleccións europeas e como por parte duns e outros se tenta arrimar a ascua das mobilizacións agrarias aos seus intereses políticos.
Non caiamos na resposta fácil de que todo depende de Europa; tanto a Administración central coma as autonómicas teñen capacidade de decisión e a elas temos que esixirlles o seu compromiso firme coa defensa do sector primario.
Por tanto, creo que non son só xustas, senón que foron moi necesarias as mobilizacións; iso si, ben encamiñadas, con ideas claras e posturas ben argumentadas, sen accións de barullo innecesario e coa única intención da defensa dun sector primario forte, con futuro e rendible.
Gustaríame pensar que sairá de aquí un sector más forte, con logros conseguidos e freando políticas agrarias desacertadas, pero... sairemos máis unidos?