JORGE HERNÁNDEZ

O tamaño non importa

Recentemente, tras a publicación por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) da Lei de ordenación do sector lácteo, mediante a cal se fixou o límite en 850 UGM para as explotacións novas, volveu á palestra o tan manido tema do tamaño das granxas e a súa vinculación coa rendibilidade.

Deberiamos ter claro que dentro da Unión Europea somos probablemente o país que ten unha lexislación máis laxa respecto da nova construción e do tamaño das granxas leiteiras e que, ademais, era necesaria unha regulación que impedise aberracións coma a que se propoñía en Soria con 23.000 vacas, que puxesen en apuros moitas granxas da cornixa cantábrica e de Castela e León. Creo firmemente que é un tamaño suficiente para que unha granxa poida ser viable economicamente; ademais, debemos procurar facilitar que as granxas xa existentes e cuxa capacidade estea próxima ás 850 UGM poidan medrar se cómpre ou se a súa viabilidade así o require.


O bo gandeiro é aquel que fai rendible e viable a súa gandería, que produce, por riba de todo, leite de altísima calidade, que é quen de gozar do seu traballo e transmitirllo á sociedad [...], independientemente do tamaño

Durante anos vendéusenos como lóxico e exitoso o crecemento continuo e en ocasións desmesurado, “o modelo americano” dicían. Case sempre esta idea partía da propia industria (que mesmo financiou o crecemento dalgunhas ganderías ás que posteriormente deixou de recoller o leite en épocas de excedentes) ou de empresas do sector que só miraban polos seus intereses económicos. Calquera que coñeza un pouco o sector lácteo americano sabe que calquera granxa con 300 vacas en muxidura posúe unha base territorial de 600- 800 acres (250-350 ha), algo que dista moito da realidade do sector produtor en España na maioría das zonas.

Ademais, nos vindeiros anos, haberá que facerlles fronte cada vez máis frecuentemente aos ataques que ve- ñen dende os grupos animalistas, ultraecoloxistas e xentes urbanas alleas ao sector en xeral, aos que probablemente sexa máis fácil explicar o modelo produtivo dunha granxa de 100 vacas que o dunha de 1.000. 

Esta idea, comprada por algúns gandeiros coma unha verdade absoluta, só serviu para crear disputas no sector, catalogando a uns (os grandes) coma competitivos e bos gandeiros fronte aos outros (os pequenos) como pouco rendibles e sen futuro.

Pero, quen é grande ou pequeno? Quen estableceu esa liña imaxinaria entre o bo e o malo? Eu, que son pequeno, ou polo menos así me considero (muxo 80 vacas e teño 160 animais) sempre crin que o bo gandeiro é aquel que fai rendible e viable a súa gandería, que produce por riba de todo LEITE DE ALTÍSIMA CALIDADE, que é quen de gozar do seu traballo e transmitirllo á sociedade de forma que poida axudar a mellorar a percepción que o cidadán ten de nós, independentemente do tamaño.

Obviamente, o crecemento e o dimensionamiento das granxas é preciso para facer máis fácil a conciliación ou a rendibilidade de certos investimentos, pero, por favor, non usemos isto como arma ofensiva para atacar o outro.

A única verdade absoluta que existe no sector lácteo é que para que haxa rendibilidade debemos recibir un prezo xusto e, por desgraza, disto sabemos un pouco. Entendamos que cando un gandeiro pecha, non se vai un competidor, marcha un compañeiro, e o tamaño non che vai proporcionar a forza necesaria para enfrontar os abusos da industria (que seguirán...).

Deixamos atrás case dous anos nos que o sector pasou unha das peores crises que lembramos e tan só hai uns meses que alcanzamos un prezo digno que nos permite ter rendibilidade, pero que ninguén se engane, temos ese prezo porque NON HAI LEITE. Que ninguén crea que as caritativas almas da Inlac pensaron que, coma se nos dispararon os custos e estabamos coa auga ao pescozo, era imprescindible subir o prezo de compra.

Agora que somos menos de 11.000 (e que seguiremos a perder activos) quizais chegou, por fin, o momento de deixar de ollar para o embigo e pensar que todos sumamos, todos facemos forza e todos somos sector. Por favor, as leccións que as dean os mellores, non os máis grandes!