CONCLUSIÓNS DO PROXECTO LAKTIS

E se a sostibilidade do sector lácteo empezase por escoitar ao gandeiro?

E se a sostibilidade do sector lácteo empezase por escoitar ao gandeiro?

A xornada final do proxecto Laktis, impulsado por CLUN, CLAS, Capsa Food, Agaca e Medrar Innovation Office, reuniu o 16 de xuño no CFEA Pedro Murias, de Ribadeo, a máis dun cento de gandeiros, técnicos e axentes de innovación para compartir resultados, presentar a Guía Branca de boas prácticas e pechar unha etapa de traballo cunha idea moi clara: a sustentabilidade só será útil se se constrúe desde a granxa.

Baixo o título “Menos pegada, máis futuro: sustentabilidade práctica para o sector lácteo”, o proxecto Laktis celebrou un encontro concibido como demo day, aínda que para moitos dos participantes acabou sendo algo máis ca unha xornada final. Foi un día de balance, de demostración e tamén de arranque dunha nova conversa sectorial.

“Este martes vivimos en Ribadeo un día que dificilmente esqueceremos”, resumiu Hugo Criado, CEO de Medrar Innovation Office, ao valorar unha cita que reuniu nun mesmo espazo a gandeiros, técnicos, cooperativas, industrias, Administración, ciencia, empresas tecnolóxicas e axentes de innovación. “Houbo rigor, debate, transferencia, dinámicas participativas e visitas, pero tamén emoción, risas e a visión de que o futuro é prometedor”, sinalou.

Durante o seu desenvolvemento, a iniciativa pretendeu acelerar a transición cara a unha gandería láctea máis sostible, baixa en carbono e aliñada cos retos da Política Agraria Común. Para iso, traballou directamente con ganderías galegas e asturianas co fin de validar ferramentas de medición de pegada de carbono, identificar casos piloto, promover estratexias de mitigación de emisións e elaborar unha Guía Branca de boas prácticas orientada a facilitar a toma de decisións no sector.

Criado subliñou que unha das maiores aprendizaxes do proxecto foi precisamente evitar que a sustentabilidade quedase nunha etiqueta ou nun exercicio administrativo. “O importante é converter os datos en decisións reais na granxa, non nunha mera etiqueta de cores”, afirmou. Desde o seu punto de vista, Laktis permitiu seguir “tecendo sector” desde un enfoque multiactor, “partindo da gandería cara arriba” e coa mirada posta nun modelo no que “todos somos importantes”.

Unha guía para converter a sustentabilidade en decisións de granxa

Un dos momentos centrais do encontro foi a presentación da Guía Branca Laktis, un dos principais resultados do proxecto. Victoria Carballeira, sustainability project manager en Medrar Innovation Office, expuxo as mensaxes clave do documento, elaborado a partir do traballo realizado durante os últimos meses e coas ganderías e o medio rural como eixo central das recomendacións.

A guía parte dunha premisa contundente: a sustentabilidade non pode deseñarse de costas ao gandeiro. Calquera estratexia de descarbonización será útil só se nace da realidade diaria das explotacións, dos seus ritmos, dos seus custos, das súas limitacións e das súas posibilidades de mellora. Por iso, o proxecto Laktis sitúa o gandeiro no centro do proceso, seguindo o modelo AKIS, non como receptor pasivo de coñecemento, senón como protagonista do diagnóstico, da toma de decisións e da solución.

O documento tamén advirte de que a pegada de carbono deixou de ser un concepto reputacional para converterse nun indicador de competitividade. Medir emisións xa non é só unha cuestión de imaxe, senón unha ferramenta que pode influír no acceso a mercados, na diferenciación do leite, na eficiencia das explotacións e na capacidade do sector para anticiparse a futuras esixencias normativas e comerciais.

Neste punto, a Guía Branca chama a atención sobre as singularidades do sector lácteo da cornixa cantábrica. O seu modelo apóiase en explotacións familiares, base forraxeira, pradarías, peche do ciclo de nutrientes e un forte vínculo co territorio. Esas fortalezas conviven, con todo, con dificultades estruturais como o minifundismo, as condicións edafoclimáticas, a presión administrativa e o relevo xeracional. A guía recolle ademais unha paradoxa especialmente relevante: a cornixa cantábrica concentra o peso produtivo do sector lácteo español e Galicia representa unha parte esencial das entregas de leite a nivel nacional, pero ese crecemento produtivo convive cunha caída continuada do número de gandeiros.

Un dos achados máis importantes do proxecto é que a metodoloxía cambia o resultado. A análise de 17 ganderías con cinco metodoloxías distintas permitiu detectar o que a guía denomina un “efecto ferramenta”: unha mesma explotación pode obter resultados moi diferentes segundo o software ou o sistema de cálculo utilizado. Nalgúns casos, as diferenzas aproximáronse ao 50% para unha mesma granxa, algo que pode alterar a súa clasificación ambiental, condicionar as recomendacións que recibe e mesmo afectar á súa posición ante a industria, a Administración ou o mercado.

Por iso, a guía insiste na necesidade de avanzar cara a unha maior harmonización metodolóxica. As diverxencias entre ferramentas non son menores: dependen dos factores de emisión utilizados, das bases de datos de referencia, dos límites do sistema, do peso asignado a categorías como alimentación, xurros, enerxía ou cambio de uso do solo e da forma en que se interpreta cada práctica de manexo. Sen un marco común, oficial e adaptado ao territorio, a medición pode xerar desconfianza en lugar de orientar a mellora.

Outra mensaxe central do documento é que as medidas máis aceptadas son aquelas que o gandeiro pode controlar. A clave non está só no potencial técnico de redución de emisións, senón na viabilidade real de cada medida: o seu custo, a súa facilidade de aplicación, o seu retorno económico, o risco que supón para a produción e o acompañamento técnico dispoñible. Neste sentido, a Guía Branca conecta a sustentabilidade con decisións moi concretas de manexo: axustar mellor as dietas, mellorar a eficiencia alimentaria, aumentar a lonxevidade das vacas, optimizar o uso de nutrientes, reducir perdas, mellorar a sanidade animal, coidar a recría e producir máis e mellor con menos recursos.

A innovación, segundo recolle o documento, non debe entenderse só como dixitalización. Tamén é facer mellor o que xa ocorre cada día na granxa. Unha explotación máis sostible non é necesariamente aquela que incorpora máis tecnoloxía, é aquela que logra integrar ferramentas útiles nunha xestión máis eficiente, rendible e comprensible para quen toma as decisións.

A guía conclúe cunha demanda clara do sector: a transición sostible necesita menos burocracia e máis acompañamento. Os gandeiros reclaman estabilidade normativa, proporcionalidade, formación, asesoramento técnico, ferramentas sinxelas e datos que sirvan realmente para mellorar a xestión. A sustentabilidade, advirte o documento, non pode converterse nunha carga administrativa máis sen retorno para a explotación.

En palabras de Hugo Criado, a xornada de Ribadeo quizais non foi só un demo day. “Quizais foi un kickoff”, sinalou. “O día un dunha nova etapa na que o coñecemento sobre sustentabilidade no sector lácteo xa está enriba da mesa. Unha etapa na que o gandeiro debe ser o verdadeiro protagonista”.

Ciencia, Administración e cadea de valor arredor dunha mesma mesa

A apertura institucional contou coa participación de Manuel Valín, director do CFEA Pedro Murias; Diego Canga, director xeral adxunto en funcións da DG AGRI da Comisión Europea, e Juan José Cerviño, da Dirección Xeral da PAC da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Desde primeira hora, o CFEA Pedro Murias converteuse nun punto de encontro entre quen producen, investigan, transforman, asesoran e regulan. Nos corredores, entre conversas informais, percibíase unha preocupación común: como facer que a sustentabilidade non sexa un discurso imposto desde fóra, senón unha ferramenta útil para a competitividade das explotacións.

O programa incluíu unha ponencia científica a cargo de David Yáñez, investigador do CSIC, quen abordou a cuestión “Da pegada de carbono á decisión na granxa: que di a ciencia”. A súa intervención puxo contexto ás emisións de gases de efecto invernadoiro na actividade gandeira e, en particular, na produción leiteira.

Yáñez explicou que é fundamental entender de onde proceden as emisións, que peso teñen as distintas contribucións dentro e fóra da granxa e por que resulta imprescindible medilas correctamente antes de tomar decisións. Tamén lembrou que moitas emisións proceden de procesos naturais e que existen límites tecnolóxicos na redución, polo que as medidas deben analizarse con rigor.

“O sector leiteiro mellorou de maneira considerable nos últimos anos no seu esforzo por reducir emisións, moitas veces asociado a melloras de eficiencia”, apuntou. Ao seu xuízo, agora o reto está en contabilizar ben esas melloras e comunicalas. “É importante que o sector saiba trasladar ese esforzo á sociedade e ao consumidor, para que sexan conscientes do traballo que se está facendo”, engadiu.

A continuación, Kilean Watson, director xeral de Arla Foods España, ofreceu unha ponencia maxistral aplicada baixo o título “Sustentabilidade que se paga: como unha cooperativa europea está impulsando o cambio nas granxas”. A súa intervención serviu para conectar a experiencia dunha cooperativa europea cos debates abertos no sector lácteo español: como recoñecer economicamente as boas prácticas, como xerar incentivos reais e como evitar que a sustentabilidade sexa só unha esixencia sen compensación.

Ganderías que inspiran: sustentabilidade cos pés na terra

Ademais das ponencias, a xornada combinou espazos de debate, networking, stands, dinámicas participativas e unha visita técnica. A primeira mesa redonda, moderada por Carlos Ares, director xerente de Agaca, levou por título “Ganderías que inspiran: sustentabilidade cos pés na terra” e permitiu coñecer experiencias vinculadas á aplicación práctica de medidas sostibles nas explotacións.

Nela participaron Pablo Senande e Cristina Lago, alumnos do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa; Pelayo Méndez, de Gandería El Dios, en Miudes (Asturias), e Tino Díaz, de Casa de Polo SC, en Barreiros (Lugo).

Pelayo Méndez defendeu unha visión moi ligada á práctica diaria. Desde a súa experiencia en Gandería El Dios, explicou que a sustentabilidade se traballa en decisións concretas: a eficiencia na alimentación, o mantemento da curva de lactación para lograr vacas máis persistentes, a xestión de residuos ou a eficiencia enerxética.

“Todo isto ten sentido sempre que teña un retorno económico para a gandería”, sinalou. Para Méndez, a sustentabilidade debe apoiarse en tres piares: que a granxa sexa rendible, que exista responsabilidade social co equipo e coas persoas que traballan nela, e que se prioricen o benestar animal e o respecto polo medio ambiente.

“Cando unes eses tres bloques, a granxa é máis sostible e tamén máis eficiente”, afirmou. Entre as medidas que citou figuran a redución do uso de fertilizantes químicos, unha mellor eficiencia alimentaria, producir máis leite cos mesmos recursos e reducir o emprego de materias primas como a soia cando sexa posible.

A presenza de alumnos de EFA Fonteboa engadiu á mesa unha mirada de futuro. A sustentabilidade, máis alá dos indicadores, apareceu tamén como unha cuestión xeracional. Que modelo de explotación se quere construír e que condicións necesita o sector para que os mozos vexan na gandería unha opción profesional viable.

Cooperativas e industria: pancas para que a sustentabilidade chegue a escala

A segunda mesa, moderada por Nuria M. Arribas, directora xerente da Inlac, abordou o papel de cooperativas e industria como pancas de transición cara a un sector lácteo máis sostible. Nela participaron Ángel Miranda, director da División Agrogandeira en CLUN; Higinio Mougán, adxunto á Presidencia e ao Consello Reitor de Agaca, e Estefanía Iglesias, directora de Calidade e Sustentabilidade Industrial de Grupo Central Lechera Asturiana.

Arribas destacou que a mesa permitiu abordar unha sustentabilidade ambiental necesaria desde unha visión de cadea. “Estamos de parabén no sector porque grazas a proxectos de ámbito nacional conseguimos que se financien necesidades reais de industrias e cooperativas en materia de sustentabilidade ambiental”, indicou.

A directora xerente da Inlac puxo o acento na colaboración público-privada e na utilidade destes proxectos para probar ferramentas directamente sobre o terreo. “Permiten aplicar as necesidades reais de industrias, cooperativas e gandeiros, mellorar a pegada de carbono e traballar con indicadores e ferramentas claras que poidan utilizarse no día a día”, explicou.

Desde Grupo Central Lechera Asturiana, Estefanía Iglesias compartiu a experiencia dunha organización que xa calculou a pegada de carbono das súas 800 ganderías socias. “É un traballo moi complexo, que esixe moito dato e moito coñecemento para que sexa realmente efectivo para o gandeiro”, sinalou.

Os relatores defenderon que o debate non debe centrarse unicamente no dato de emisións por litro de leite, senón en indicadores que o gandeiro poida comprender e xestionar. “Ao gandeiro quizais non lle di tanto canto emite un litro de leite, pero si entende que, se mellora a alimentación, axusta a proteína e mantén a cantidade e calidade do leite, mellora a eficiencia, mellora a súa produtividade, reduce custos e, polo tanto, tamén mellora a súa pegada”, enumerou Iglesias.

Ao seu xuízo, as ferramentas de sustentabilidade deben funcionar como cadros de xestión para mellorar a produtividade da granxa, non como unha carga engadida. Deben ser útiles, simples e pedirlle ao gandeiro a menor información posible.

Ademais abriron unha reflexión sobre como lograr que a sustentabilidade se pague. Para iso, apuntaron, é necesario que o consumidor aprecie o esforzo dos gandeiros, non só por producir un alimento san e de calidade, senón por achegar valor ecosistémico ao territorio. “Os gandeiros traballan o campo, contribúen á biodiversidade, ao secuestro de carbono e á xestión do territorio. Como sociedade temos que ser capaces de dar valor a todo iso”, afirmou Miranda.

Iglesias, Mougán e Miranda advertiron tamén sobre o risco de que a sustentabilidade se traduza en máis burocracia. “O gandeiro está cargado de obrigas administrativas e cada vez se lle pide máis información. Hai que simplificala e facer que sexa útil para a súa propia xestión”, defenderon desde Agaca.

Nas súas intervencións, reclamaron tamén mecanismos reais de compensación para as melloras ambientais. “Sen futuro para os gandeiros españois, non hai futuro para o sector lácteo español”, concluíu Iglesias.

Do proxecto á rede: deixar capacidade instalada no territorio

No terceiro debate, “Do proxecto á rede: como deixar capacidade instalada no territorio”, participaron Carmen Muíños, xefa de Sección Técnica na Subdirección Xeral de Innovación e Dixitalización do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; Mariana B. Tocha, Country Lead Spain & Portugal de Root Global, e Mario Rouco, xerente de Desenvolvemento de Negocio de Innogando. Coa moderación de Hugo Criado, CEO de Medrar, a conversa centrouse en trasladar as aprendizaxes do proxecto a estruturas estables que permitan seguir acompañando o sector máis alá de Laktis.

Carmen Muíños destacou a importancia de xerar redes e de pasar de xornadas puntuais a grupos de traballo que se manteñan no tempo. “O valor principal destes proxectos, máis alá da innovación e dos datos que se poidan conseguir, está en manter o contacto entre actores do sector de distintas partes da cadea alimentaria”, manifestou.

Para a representante do Ministerio, a sustentabilidade debe entenderse en sentido amplo. “Ás veces tendemos a focalizala só no aspecto ambiental, pero tamén falamos de sustentabilidade económica e social”, sinalou. Na súa opinión, traballar en sustentabilidade tradúcese moitas veces en mellores prácticas, redución de custos, mellor xestión do persoal e mellor xestión de insumos. “É unha aposta a longo prazo na que temos que estar todos unidos”, engadiu.

Mario Rouco, de Innogando, valorou especialmente a capacidade de Laktis para reunir nun mesmo espazo todos os perfís necesarios para avanzar. “Para nós este tipo de proxectos son moi positivos porque permiten que participen todas as partes: gandeiros, cooperativas, empresas tecnolóxicas e tamén a formación, que é fundamental porque hai que ir desde a base”, recalcou.

Rouco subliñou que a medición e a mitigación de carbono son retos que chegaron para quedar, pero insistiu en que non poden abordarse de forma illada. “Esperamos que isto non quede aquí e que sirva como primeiro paso de cara ao futuro”, destacou.

A mesa deixou unha idea compartida: o proxecto termina, pero a rede debe continuar. A capacidade instalada non consiste só en documentos, ferramentas ou informes, senón en relacións de confianza, coñecemento compartido e estruturas que permitan acompañar as explotacións cando teñan que tomar decisións.

Unha dinámica participativa para decidir onde investir

Pola tarde, desenvolveuse unha dinámica participativa centrada no deseño do plan de sustentabilidade dunha granxa real. Baixo a pregunta “En que investirías?”, participaron empresas e entidades como Innogando, Pentabiol, Entomo, AINIA, C-Lock Inc, Bioprana e Agricarbon, que presentaron solucións vinculadas á innovación, á eficiencia, á medición e á redución de emisións.

O formato obrigou a aterrar o debate. Despois dunha mañá de ponencias e mesas redondas, os asistentes tiveron que priorizar. Que medidas son máis urxentes? Cales son máis importantes de cara aos próximos doce meses? Que investimentos poden xerar un impacto real nunha explotación concreta?

Mediante votación en sala a través de código QR, os participantes seleccionaron as solucións que consideraban máis relevantes. A dinámica permitiu visualizar unha das claves do proxecto: non todas as medidas valen para todas as granxas, e a sustentabilidade esixe elixir, adaptar e acompañar.

A xornada finalizou cunha visita técnica ao Centro de Alimentación de Gando Vacún, CAVI, de CLUN, e á gandería Villameitide, socia da cooperativa. O percorrido permitiu completar o sentido práctico da xornada: saír da sala, pisar territorio e conectar os debates técnicos coa realidade das explotacións.

Continuar construíndo un sector lácteo máis competitivo

Desde a organización destacaron que o encontro permitiu reforzar un dos principais enfoques de Laktis: levar a transferencia de coñecemento ao territorio gandeiro e achegar ciencia, innovación, solucións, cooperativas, industria e Administración á realidade diaria das explotacións. Neste sentido, a xornada situou o gandeiro no centro do proceso, non só como destinatario de recomendacións, senón como protagonista na construción de solucións útiles e aplicables.

Hugo Criado expresouno como unha forma de traballar que esixe colaboración e xenerosidade. “Persoas e organizacións con miradas distintas, mesmo competidoras, compartiron un mesmo espazo para pensar xuntas como acelerar unha sustentabilidade que sexa útil, aplicable e xusta para as explotacións”, sinalou. “O ego debe estar baixo e a autoestima alta, porque só así poderemos dar ese gran salto que todos necesitamos”.

O proxecto Laktis está promovido por un consorcio multiactor que agrupa diferentes elos da cadea de valor do sector lácteo, entre eles CLUN, CLAS, Capsa Food, Agaca e Medrar Innovation Office, xunto con empresas e entidades especializadas en innovación, sustentabilidade e tecnoloxía aplicada ao sector agrogandeiro.

Coa celebración desta xornada final en Ribadeo, Laktis pechou o seu calendario de actividades consolidando un espazo de diálogo e transferencia entre os distintos axentes da cadea. Pero, como apuntaron varios dos participantes, o peche tivo tamén algo de comezo: unha invitación a seguir construíndo un sector lácteo máis competitivo, conectado co territorio e preparado para afrontar os novos retos ambientais e económicos sen perder de vista a quen sostén todo o sistema, a gandería.

“Oxalá dentro dun ou dous anos miremos atrás e poidamos dicir que foi bo apostar por un modelo aberto, colaborativo, cos egos baixos e a autoestima alta”, concluíu Criado.