Destacas que as vacas son seres que senten. A que te refires?
É unha declaración da Comisión Europea e de distintos tratados que estableceron que os animais teñen as mesmas emocións básicas ca os humanos. Teñen a capacidade de percibir e sentir emocións como o estrés ou o medo, pero tamén satisfaccións relacionadas co confort, a alimentación, a exploración ou a cohesión social con outras vacas. Ese é o marco no que nos movemos: as emocións básicas non son exclusivas do ser humano, senón que todos os seres vivos poden percibilas, integralas e experimentalas.
Que aspectos da gandería teñen maior impacto nese benestar dos animais?
Desde o inicio da avaliación do benestar animal establecérase un acordo internacional entre axencias, institucións e unidades académicas. Esta avaliación debe basearse en parte no propio animal, en como se atopa. Aí está a clave: como percibe e como sente. A outra parte corresponde ao ámbito produtivo, que inclúe o aloxamento, a estrutura das instalacións e, moi especialmente, o manexo. Cada vez hai máis evidencias científicas que demostran a importancia da relación humano-animal e do medio nos estados afectivos e na saúde do gando.
Como funciona a medición dos sentimentos das vacas?
Por unha banda, temos a parte de percepcións e, por outra, a dimensión afectiva, que é a que agora concentra unha grande corrente de traballo de numerosos grupos de investigación. Estase intentando parametrizar, cuantificar e, sobre todo, dispoñer de indicadores validados que poidan usarse na granxa de maneira fiable e viable. É un camiño en desenvolvemento que require tempo e rigor para xerar protocolos que integren estas dimensións. O concepto de benestar amplíase a medida que avanza a ciencia e a etoloxía, que nos axudan a comprender mellor os animais e os efectos que teñen neles os seus estados afectivos.
Este coñecemento sobre o comportamento pode achegar vantaxes para mellorar a saúde do rabaño?
Por suposto. Existe un esforzo por valorizar o comportamento animal e a etoloxía como unha grande ferramenta de diagnóstico. A través de sensores ou de estudos observacionais é posible identificar comportamentos dun animal enfermo: cambios na súa actividade, alteracións na súa rutina ou desviacións respecto do esperado. A partir de aí ábrense moitas posibilidades, desde traballar máis en prevención ata adaptar o ambiente para evitar adversidades, adestrar os animais para facilitar o seu manexo ou mesmo introducir estímulos positivos que melloren os seus estados afectivos. A etoloxía ofrece múltiples aplicacións e está a gañar cada vez máis presenza no ámbito veterinario.
Que beneficios adicionais pode achegar esta perspectiva do comportamento animal?
O seu valor esténdese máis alá do individuo e alcanza a xestión dunha granxa e mesmo a todo un sector. Tamén pode contribuír a que a sociedade apoie máis a gandería se percibe que se traballa para mellorar o benestar dos animais e o seu coñecemento. É un enfoque no que todos gañamos: se coidamos dos animais, tamén melloramos a súa saúde e, en consecuencia, a produtividade. Antes abordábase de forma parcial, pero agora é necesario un enfoque integrado.
Como pode influír a selección xenética no benestar do rabaño?
A selección xenética é clave porque existen condicionantes da personalidade e do temperamento dos animais, ademais de factores ligados á propia raza. Todo iso inflúe en como interactúan co que os rodea. A capacidade de adaptación, a flexibilidade ou mesmo a resiliencia teñen un compoñente xenético moi elevado. Dispoñer de información xenética ou de xenotipado que nos permita saber como un animal pode ser máis resiliente a unha enfermidade, ou como pode manifestala antes, resulta de grande axuda na práctica veterinaria.
Que indicadores condutuais son máis efectivos para identificar que necesitan os animais?
No ámbito do comportamento animal podemos detectar de forma moi directa cando algo non vai ben. Un exemplo claro é o estrés crónico, que se manifesta en alteracións da conduta tanto en cebadeiros coma en granxas. Obsérvanse comportamentos que non son propios da especie, como unha vaca que se senta coma un can, que usa o cubículo ao revés ou que repite estereotipias sen función. Estes sinais indican que algo está a fallar. O coñecemento das condutas específicas da especie tamén permite interpretar mellor determinadas situacións: unha vaca illada é unha vaca estresada. A partir de aí, pódense aplicar estratexias de manexo, como o uso de estímulos visuais ou acústicos para reducir o estrés. Algunhas destas posibilidades aínda están por explorar.
Ademais, existen traballos que van máis alá de evitar o sufrimento e buscan promover estados positivos. No proxecto europeo LIFT: Lifting Farm Animal Lives, por exemplo, estamos a validar indicadores de benestar positivo; non se trata só de mitigar a dor, senón de valorar o que lle achega a un animal un estado afectivo positivo, como mellora a súa capacidade de adaptación ao espazo e como reduce o seu custo biolóxico. Para iso é necesario empregar varios indicadores que ofrezan unha visión integrada e completa da realidade.
Cales son os principais factores que explican a curta vida produtiva das vacas?
É importante abrir este debate, e o congreso de Anembe foi unha boa oportunidade para facelo. Normalizamos que unha vaca marche da gandería no segundo parto. Asumiuse como un statu quo que debería romperse. Bioloxicamente, unha vaca pode vivir 20 anos e, porén, abandonan as granxas cunha media de pouco máis de 5 anos, o que supón apenas un 25 % da súa esperanza de vida. Este fenómeno non só ocorre en vacún, tamén en porcino e noutras especies de granxa. Desde un punto de vista de sostibilidade, isto non encaixa dentro dos limiares aceptables e debería revisarse como conseguir que os animais permanezan máis tempo na granxa, sans e con calidade de vida. Actualmente, as métricas que utilizamos están moi condicionadas por criterios económicos e culturais, pero non por unha visión estratéxica de sostibilidade.

Como pode abordarse esta cuestión desde un enfoque estratéxico e sostible?
Debemos pensar na lonxevidade funcional, é dicir, en alongar a vida dos animais sempre que se manteña a súa calidade de vida. Isto implica considerar os factores que restan benestar e, ao mesmo tempo, potenciar os que o promoven. Para o sector é un punto estratéxico que non pode ignorarse. Ademais, deixamos de lado o piar ambiental e os dilemas éticos asociados. Atopámonos con animais produtivos que son eliminados prematuramente e, no outro extremo, animais que permanecen na granxa cunha calidade de vida moi baixa ou sometidos a tratamentos que teñen un impacto ambiental.
Quizais habería que entrar a valorar tamén certas pautas de manexo?
É un bo punto, e pode que haxa que comezar a pensar nun cambio de paradigma. Ata agora valoramos a lonxevidade dun animal desde o seu nacemento ata a súa morte, pero con matices de produtividade. Distínguense fases produtivas e non produtivas e, dentro das produtivas, mesmo se descontan os períodos de secado. Porén, eses momentos cumpren unha función esencial: permiten a recuperación e restauración da glándula mamaria e do metabolismo xeral da vaca.
Moitas veces forzámolas para que o fagan máis rápido, cando en realidade precisan eses tempos de descanso. O periparto é unha etapa crítica, na que a vaca afronta un enorme desafío biolóxico, como é pasar da xestación a producir grandes volumes de leite. Por iso non deberiamos considerar o período seco como improdutivo, senón como unha parte necesaria da bioloxía do animal.
É necesario revisar como se conciben os tempos de descanso e desenvolvemento da vaca?
Así é. Podemos facer unha analoxía cos humanos: cando dicimos “pasei a tarde sen facer nada”, asociámolo a algo negativo por falta de produtividade, cando en realidade eses descansos son necesarios para recuperar enerxía. Coas vacas sucede o mesmo. Son animais sometidos a un forte desafío e moitas veces acurtamos os seus tempos de descanso, adiantando o primeiro parto ou forzando a lactación cara a cifras que non sempre se axustan ás necesidades individuais. Iso implica que non deixamos desenvolver o animal o suficiente antes de esixirlle unha produción elevada.
Creo que debemos comezar a individualizar a nosa forma de traballar, revisar prácticas habituais e entender que detrás de cifras estandarizadas hai procesos biolóxicos reais. Afastámonos da bioloxía da vaca e do lugar no que vive, que tamén mudou: granxas máis grandes, maior automatización e novas formas de relación humano-animal. Non é que as granxas grandes sexan peores en benestar, pero, dado que todo cambiou tanto, deberiamos cuestionar por que seguimos aplicando protocolos de maneira automática, como se fosen inamovibles. Hai vacas que chegan ao período seco producindo aínda unha gran cantidade de leite e iso indica que debemos repensar as nosas prácticas e achegarnos máis á bioloxía do animal.
Canto de importante é medir todos estes datos e de que forma axuda isto a alongar a vida dos animais?
É fundamental e, ademais, está moi conectado co marco deste congreso de Anembe, centrado na sostibilidade. No lado oposto atopamos a vulnerabilidade, ou unha menor resiliencia. E aquí tamén entra en xogo o benestar dos gandeiros. Que ocorre cando unha vaca enferma, por exemplo, de mastite ou de coxeira? Moitas veces o gandeiro séntese sen ferramentas para facer cambios, e a única saída é substituír o animal.
Deberiamos dar ese salto cara á sustentabilidade, en termos de proporcionar a gandeiros e veterinarios un conxunto de ferramentas claras e protocolizadas: saber o que medir, como facelo e como actuar en cada situación. Evidentemente, hai que contextualizar cada granxa, pero a falta de indicadores xera unha vulnerabilidade que repercute tanto no traballo dos gandeiros coma na profesión veterinaria. No ámbito da lonxevidade aínda faltan moitos indicadores que permitan avaliar calidade de vida e permanencia, e que axuden a deseñar plans de implementación realistas e útiles nas ganderías.
Titulas unha das túas exposicións como “Vivir máis ou vivir mellor”. Por cal te decantas?
No contexto dos animais de granxa e do sector vacún, creo que é fundamental unha proposta combinada. É importante revisar como podemos mellorar a calidade de vida dos animais, xerando ambientes que os motiven e lles permitan aprender habilidades para amortecer estresores: adaptarse máis rápido a un novo alimento, non sufrir en exceso cando unha compañeira deixa a gandería... Podemos intervir para crear ambientes máis favorables. A calidade ten un peso importante, pero tamén, tal e como está a situación actual, alongar a vida dos animais é unha dirección na que debemos avanzar.
Como pode integrarse de forma efectiva o benestar animal na sostibilidade gandeira?
Son dous conceptos con moitas dimensións que deben ser avaliados mediante indicadores diversos, pero está demostrado que están intimamente conectados. O benestar animal enunciouse mesmo coma un cuarto piar da sostibilidade.
En calquera caso, cando o benestar se ve comprometido, a sostibilidade de tamén se resente: peor rendemento, menor calidade, máis baixas, maior uso de antibióticos... Todo isto impacta nos seus diferentes piares. En sentido inverso, un ambiente estimulante que permita satisfacer necesidades do animal tradúcese en mellor saúde, mellor rendemento e maior benestar xeral.
Contan os gandeiros con ferramentas suficientes para medir e mellorar o benestar animal?
No ámbito da investigación dispoñemos cada vez de máis métricas, pero no día a día precisamos achegarlles eses indicadores aos gandeiros, de maneira que poidan medilos e valoralos eles mesmos. É un campo no que a transferencia de información é clave e onde resulta esencial garantir que as ferramentas que se desen-volvan respondan realmente ás necesidades dos produtores, ou mesmo que sexan eles os que impulsen determinadas liñas de investigación. Desa forma, conséguense traballos máis orientados e útiles. En calquera caso, segue a ser unha área na que queda moito por facer.