Como foi a túa traxectoria profesional ata o día de hoxe?
Estudei na Facultade de Veterinaria de Lugo. Despois empecei realizando tarefas de saneamento, unha etapa que me permitiu ter un contacto directo co mundo rural e co vacún, aínda que non era un ámbito alleo para min. Máis tarde, traballei en clínica durante un par de anos e, posteriormente, incorporeime a unha das cooperativas que acabaría formando parte de Campoastur, onde desempeño o meu labor na actualidade.
Que funcións e tarefas realizas no teu día a día como veterinario en Campoastur?
Desenvolvemos un servizo de control de reprodución xunto con outros profesionais da empresa e outro de defensa sanitaria gandeira, dentro da ADSG. Tamén traballamos nun centro de desteta de xatos que proceden maioritariamente de ganderías socias de Campoastur. Ademais, colaboramos en distintos programas de innovación e investigación con entidades rexionais e europeas.
Como e cando xurdiu a idea de lanzar Campoastur Next?
Naceu dunha forma moi natural, nunha comida con compañeiros de dirección. Falabamos de que había un grande apego por parte dos gandeiros históricos que cofundaron a cooperativa, pero percibiamos que entre a xente nova existía máis dispersión, menos relación e unha conexión máis débil coa estrutura cooperativa. Tamén somos conscientes de que nos vindeiros anos haberá menos xente no campo, así que necesitabamos entender mellor esa mocidade e reforzar ese vínculo.
Así mesmo, Campoastur precisa que as novas xeracións se integren nos seus órganos de dirección e de decisión. Por iso pensamos en desenvolver un programa completo de formación, acompañamento e experiencia, algo que non quedase nunha soa xornada, senón que tivese continuidade no tempo. Así naceu Campoastur Next hai apenas dez meses e, desde entón, estamos traballando nel dunha maneira moi activa.
Cales son os tres eixes nos que se divide esta iniciativa?
O primeiro é a formación. Definímolo xunto coa xente nova. Antes de estruturalo organizamos talleres previos nos que, desde a parte técnica da cooperativa, expuxemos aquelas áreas nas que considerabamos importante poñer o foco para favorecer a súa mellora e aprendizaxe. A partir de aí deseñamos reunións periódicas cunha combinación de teoría e práctica, porque cremos que esa é a mellor maneira de afianzar coñecementos.
Polo de agora dividimos o contido en nove áreas: alimentación, uso agronómico dos recursos da terra, xestión técnico-económica, benestar animal, automatización e robótica, recursos humanos e asociacionismo, bioseguridade, novas tecnoloxías e recría. A idea é repetir esta fórmula cada tres ou catro meses. No caso da recría, por exemplo, queremos contar con expertos de referencia a nivel nacional que acheguen unha parte teórica e compartan a súa visión sobre como debe enfocarse correctamente para que as explotacións sexan competitivas no futuro, combinándoo sempre con práctica no campo.
O segundo eixe é o das experiencias. Para min son moi importantes porque moitas veces o que un máis lembra son precisamente esas vivencias compartidas. Cando visitas un lugar especial ou convives con outras persoas nun contexto formativo, xérase un vínculo que perdura. Como o ambiente está sendo moi bo, decidimos organizar viaxes de formación a eventos e a empresas referentes do sector. Tamén temos prevista unha xornada de dous días con visitas a granxas de referencia e unha viaxe a un país europeo, en setembro ou outubro, para coñecer modelos de éxito.
O terceiro é a comunidade. O que pretendemos é que a xente nova que participa no programa forme unha rede, se relacione, manteña o contacto e comparta os seus propios problemas e inquedanzas. Buscamos que poidan constituír un grupo capaz de trasladarlle propostas á cooperativa para axudarnos a entender mellor cales son as súas necesidades, as súas expectativas e que visión teñen de futuro. Desde Campoastur queremos que se sintan unha parte activa da cooperativa.
No módulo de nutrición, que ferramentas tedes pensado ensinarlles aos mozos?
Xa celebramos unha primeira formación dedicada á alimentación o pasado mes de decembro nos servizos centrais de Campoastur, en Otur, e despois visitamos a gandería Chaca Otur. Nesa xornada, da man dos técnicos Carlos Martín e Javier Murias, centrámonos na calidade das forraxes e da ración como base tanto dunha alta produción coma da durabilidade dos animais na granxa.
Abordouse como son as boas forraxes, como avaliar un silo, cal debe ser a valoración xeral do TMR, como interpretar o enchido ruminal e que características das feces nos interesan nas vacas. Despois, na visita á gandería, retomamos e revisamos sobre o terreo os coñecementos traballados previamente. En calquera caso, a alimentación é un ámbito moi amplo e non pode darse por pechado nunha soa xornada, así que volveremos sobre el máis adiante.
Que mínimos debe cumprir unha gandería no ámbito da bioseguridade?
O mínimo debería ser contar cun rexistro de entrada e control de accesos á granxa. En territorios como Galicia ou Asturias, a vivenda familiar está moi integrada coa propia explotación e iso fai que poida entrar todo tipo de visitas. Por iso, aínda que de bioseguridade se fala moito, é necesario avanzar de verdade na implantación de programas concretos.
Este tema cobrou aínda máis forza coa aparición de enfermidades emerxentes como a dermatose nodular contaxiosa, a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica. Nese sentido, creo que o desenvolvemento dun programa de bioseguridade segue sendo unha das grandes tarefas pendentes en moitas ganderías.
Que contidos lles transmitiredes aos mozos sobre a recría?
Empezaremos polo encalostrado. A partir de aí abordaremos a lactación, o desenvolvemento ata a desteta, os problemas sanitarios asociados a ese momento e tamén a transición e o realoxamento entre os animais lactantes e os xa destetados. Despois entraremos na avaliación do desenvolvemento.
Hai, ademais, unha parte moi importante relacionada co momento da inseminación e coa avaliación do peso ao nacer. E, necesariamente, debemos incluír a influencia que ten a recría dentro da conta de resultados da empresa gandeira. Moitas veces invístese moito diñeiro en recría, pero non sempre se fai coa planificación adecuada. Por iso é moi importante axustar a porcentaxe de animais destinados á recría ás necesidades reais da explotación. Excederse sen previsión pode xerar estrés nas instalacións e aumentar os problemas de desenvolvemento.
Como se pode conseguir que a xestión do día a día e a parte normativa se convertan en procedementos simples e que non consuman tantas horas?
Aquí xogan un papel fundamental as novas tecnoloxías e a aparición de programas de xestión, que axilizan moito o traballo dos gandeiros. Pero tamén ten que existir unha comunicación moito máis fluída e directa entre o sector e a Administración. O peso desta cuestión non pode recaer só no gandeiro. Se estamos buscando remuda xeracional e, ao mesmo tempo, poñemos trabas ou impedimentos, algo non está funcionando.
Creo que todas as estruturas implicadas —cooperativas, empresas de servizos e, sobre todo, a Administración— temos que mellorar esta situación. Do contrario, corremos o risco de que dentro duns anos o problema sexa aínda maior.
Que outras facilidades se lles podería dar a estes mozos para animalos a formar parte do sector ou para que a súa incorporación non sexa tan dura?
A rendibilidade é un factor clave, aínda que é difícil de abordar, porque depende en boa medida dos mercados. Estamos nunha situación complexa, condicionada pola guerra e por decisións políticas que nos superan. No que si debemos traballar é en que estes mozos sexan tecnicamente capaces de ser competitivos, mesmo nun territorio como a cornixa, con pouca superficie dispoñible. Teñen que poder acadar boas producións e utilizar de maneira correcta as ferramentas de xestión.
Outros piares fundamentais son a conciliación e a calidade de vida. Creo que moita xente estaría disposta mesmo a sacrificar parte da rendibilidade a cambio de dispoñer de tempo para levar unha vida normal, comparable á do resto da poboación. Por iso é importante que poidan ter días de descanso e desconexión. Para logralo fan falta servizos de substitución, apoio en granxa e empresas de servizos que axuden a liberar carga de traballo. A maquinaria, por exemplo, pode permitir que quen xestiona unha explotación dedique máis tempo a dirixila e menos a tarefas que poderían externalizarse ou automatizarse. Se non se avanza nesa liña, a actividade seguirá percibíndose como pouco atractiva.
Cales son os próximos pasos a dar desde Campoastur Next?
O primeiro é chegar a máis xente. Queremos que todo o mundo saiba que é un programa aberto e que pode participar quen queira. Estamos facendo un esforzo importante nas redes sociais, pero aínda percibimos que hai mozos que non saben que estamos aquí. Interésanos contar cun gran altofalante para trasladar que calquera que teña interese pode sumarse. Ao final, isto é recíproco: nós necesitamos que o reciban con ilusión e que participen.
Ademais, valoramos incorporar novas áreas de formación, como a podoloxía, e estamos abertos a suxestións. Outra posibilidade é dividir en dous algúns dos bloques xa previstos, para afondar máis nos contidos e ampliar a formación.
Por último, non hai que esquecer que os nosos socios tamén se dedican á produción de carne. Por iso temos pendente organizar no último trimestre de 2026 unha formación específica para gandería de carne, que consideramos igualmente moi importante.