Cunhas medias anuais en 2024 de 15.479 quilos producidos por vaca, 1.147 puntos ICO e 83,16 puntos de cualificación morfolóxica, Casa do Rego liderou a listaxe de Africor Lugo das mellores ganderías da provincia segundo estes tres criterios. Non quixemos perder a ocasión de falar con Fernando e Pedro Rego para descubrir cal é o segredo do seu éxito. Más en Vaca Pinta 54.
CASA DO REGO
Localización: Láncara (Lugo)
Propietarios: Pedro Rego e Fernando Rego
N.º total de animais: 135
Vacas en muxidura: 60
Media de produción: 48 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,80 %
Porcentaxe de proteína: 3,40 %
RCS: 100.000 céls./ml
Venda do leite: Entrepinares
Prezo do leite: 0,48 €/l máis primas por calidades
A gandería Casa do Rego, situada no concello lucense de Láncara, vén de ser distinguida por Africor Lugo como a mellor gandería da provincia en combinación de índices de produción, ICO e cualificación morfolóxica, un galardón que recolleron nos últimos seis anos consecutivos. Propiedade dos irmáns Fernando e Pedro Rego, esta explotación familiar conta con 135 animais, arredor de 60 vacas en muxido e unha importante base de xovencas, que lles permite seleccionar un rabaño de excelente calidade.
A granxa suma unha longa traxectoria que comeza nos anos 70, cun establo tradicional de tipo canadense que cambiaron radicalmente en 2012, ano no que inauguraron a primeira fase das instalacións actuais con sistema de muxido robotizado. Segundo Fernando Rego, “naquel momento pasamos ao sistema de cubículos e do circuíto para o muxido ao robot”.
Os piares fundamentais do seu éxito son tres: o manexo eficiente dos animais, a calidade das forraxes e unha selección xenética rigorosa. “Non gardamos un segredo para isto. A clave —di Fernando— é facer as cousas ben e ter, como sempre na vida, un pouquiño de sorte”. O que lles dá o maior impulso é saber quedar cos mellores exemplares en canto a produción e índices xenéticos.
CASE VINTE ANOS COMO TÉCNICO DE APAREAMENTOS EN AFRICOR LUGO
Fernando Rego compaxina o seu labor na gandería familiar cun posto técnico en Africor Lugo, onde leva dende 2006 traballando no servizo de apareamentos. O seu traballo consiste en ofrecerlle asesoramento a preto de 400 ganderías na elección de touros e na mellora xenética dos seus rabaños.
É isto unha vantaxe ou máis ben unha responsabilidade extra? “É algo complementario, porque podo recomendar nas demais granxas o que a min me funciona na miña. É unha bagaxe profesional que axuda en todos os sentidos”, asegura.
Con este servizo, desde Africor Lugo búscase mellorar a selección xenética en cada granxa, indicándolle ao gandeiro que touro é o máis axeitado para inseminar cada vaca. “Tamén seleccionamos as mellores femias —apunta—, especialmente cando hai exceso de recría, para centrar os recursos nas que teñen máis potencial”.
Toda a súa experiencia profesional permítelle aplicar en Casa do Rego criterios innovadores en mellora xenética, adaptando a selección tanto vía macho coma femia e combinando o uso de seme sexado con datos xenómicos para garantir unha maior fiabilidade nos resultados.
A evolución ao longo destes anos foi clara: “Antes mirábase sobre todo a produción de leite e, agora, teñen forza características como a velocidade de muxido ou a colocación dos tetos, que son esenciais nos muxidos robotizados”. Ademais, hoxe en día trabállase case todo por vía telemática, empregando os programas da Confederación de Asociacións de Frisona Española (Conafe), e aínda que tamén hai visitas presenciais ou gandeiros que veñen á oficina, “perdeuse algo o contacto directo”, comenta.
Outra innovación neste campo que xa pisa con forza é a xenómica. “É un investimento clave —explica—, porque che permite facer seleccións máis acertadas. Cun custo asumible, podes garantir mellores resultados, sobre todo se aplicas os mesmos criterios que cos touros tamén nas femias”.
Está claro que esta dobre faceta, como técnico especializado e como gandeiro, dá lugar a unha retroalimentación constante: o coñecemento adquirido no campo técnico revírtese na excelencia da súa propia granxa.
UN MANEXO QUE MARCA A DIFERENZA
Unha das claves do éxito da Casa do Rego está no deseño e funcionamento das súas instalacións, pensadas para garantir o benestar animal, a eficiencia do manexo e o máximo rendemento produtivo. A nave principal de produción, construída en 2012, ten 60 metros de longo por 22 de ancho, e acolle o núcleo do rabaño en muxido.
“Gustounos separar ben as zonas: alimentación, descanso e muxido, para que o robot funcione sen interferencias”, detalla Rego. Así, poden facer o mantemento, encamar ou traballar nos cubículos sen que nada altere a rutina das vacas.
Esta nave está equipada con 70 cubículos con cama de serraduras e carbonato e 70 prazas de cornadiza; ademais conta cun sistema de ventilación progresivamente mellorado: “Primeiro colocaron tres ventiladores na zona de cubículos e, máis recentemente, catro máis na zona de alimentación con sistema de rego intermitente, que regan un minuto e ventilan quince”. Tal e como recoñece Fernando, “notamos ben o seu efecto. Agora, mesmo nos días máis calorosos, as vacas aguantan moito mellor; antes víalas coa lingua fóra, sufocadas. Iso xa case non pasa”.
Do muxido encárgase un único robot instalado en 2012, que lles está permitindo acadar medias moi destacadas: 15.300 kg de leite por vaca e ano, en lactación normalizada, e máis de 20.000 en lactación real. A produción diaria por vaca achégase aos 48 quilos, mesmo algún día chega aos 50, con calidades medias de 3,80 % de graxa e 3,40% de proteína, e un reconto celular moi controlado, de arredor de 100.000 céls./ml.
O deseño funcional da granxa complétase cunha nave de recría e vacas secas construída en 2019, de 60 x 14 metros, con cama quente. Aquí conviven as xovencas de entre nove e dez meses e as vacas secas, en espazos amplos e ventilados. “As secas están moito mellor así. Adaptar cubículos para lotes tan variados non era viable e, por iso, optamos pola cama quente. Poden deitarse onde queren e teñen moito espazo, algo ben importante para elas”, aclara Fernando.
A recría máis nova segue un proceso progresivo de transición entre naves. As xatas nacen en boxes individuais e pasan por cortes intermedias ata integrarse cos lotes de xovencas máis adultas. Unha vez inseminadas e confirmadas como preñadas, trasládanse a unha nave con acceso ao exterior, onde permanecen ata preto do parto. Despois, incorpóranse ao lote de produción.
Para a xestión de residuos destinan dúas fosas de xurro cubertas cunha capacidade duns dous millóns de litros e, para o ensilado do millo, catro silos de paredes. Pola contra, a herba consérvana en rolos. Ademais, contan con placas solares instaladas en 2021, un investimento feito sen grandes expectativas, pero que axuda a amortecer o consumo, sobre todo desde que se instalaron os ventiladores.
A aposta polo detalle é evidente mesmo nos comedeiros, recubertos con chapa de aceiro inoxidable para facilitar a limpeza, e tamén nos bebedoiros, individuais con auga fresca ao instante. “Estes bebedoiros soltan a auga ao momento e as vacas beben máis. A auga non queda estancada e así evítase que a tiren ou xoguen con ela”, indica.

CULTIVOS PROPIOS E RACIÓNS A MEDIDA SEN ESCATIMAR
Outra das prioridades de Casa do Rego é a alimentación das súas vacas de leite e tamén do resto do gando. “Agora mesmo, no verán, estamos facendo a ración para as de produción mañá e tarde, pois, cando é inverno, facemos só unha ración ao día”, matiza Fernando. Componse de 35 kg de silo de millo, 15 kg de silo de herba e 8 kg de concentrado, xa que “a maiores, comen arredor de 5,5 kg de penso no robot”.
Esta alimentación, con dobre distribución diaria no verán, responde á maior necesidade nutricional das vacas durante os meses cálidos: “Sempre comen un pouquiño máis. Estabamos facendo 3.800 kg e case non chegaba, por iso empezamos a facer mañá e tarde, 2.000 quilos pola mañá e 2.000 á tarde”, describe Fernando, revelando como adaptan a alimentación para manter unha produción constante e alta durante todo o ano.
No caso das vacas secas e as xovencas, a dieta é diferente pero igualmente coidada, pois están comendo herba seca, penso e melaza.
Pola súa parte, a atención á recría é meticulosa, con especial coidado durante as primeiras fases da vida: “As xatas, cando nacen, alímentanse de leite e, a partir dos primeiros días, xa teñen penso e auga a disposición. Aos 60 días comezamos a desteta segundo como vaia a becerra”. A partir da desteta, comen penso a discreción e herba seca; no seguinte lote, continúan coa herba seca e o penso só llelo dan á mañá e á tarde e, seguidamente, xa pasan á ración de xovencas.
Sobre a alimentación, o gandeiro lucense subliña a prioridade sobre a calidade: “Non estamos intentando abaratar a alimentación, estamos facendo o que nos parece que é o mellor para as vacas”. Esta filosofía demostra unha aposta clara pola saúde e a produtividade animal antes que polos aforros inmediatos.
Con respecto ao cultivo de forraxes, Pedro e Fernando traballan arredor de 30 ou 32 hectáreas, nas que combinan cultivos de millo e raigrás. “Este ano sementamos 14 hectáreas con rotación de millo e raigrás, e o resto só con raigrás”, comenta Fernando.
Para a conservación da herba decántanse polo uso da técnica de ensilado en rolos: “Levamos seis ou sete anos ensilando todo en rolos. É como abrir un silo novo cada día e podemos ir gastando por parcelas, dependendo da calidade da herba. Este ano usamos film de dúas cores para diferenciar os cortes”.
O cultivo e a colleita son labores que realizan eles mesmos na maior parte con maquinaria propia. “Só pagamos para sacar o xurro, botar o fertilizante ou realizar a colleita do millo, o resto é todo propio,” conta.
O ciclo do millo é outro aspecto importante, adaptado ao clima e ás condicións locais. “Estamos a botar un ciclo 400. Sementamos normalmente no mes de maio e recollemos a finais de setembro,” sinala valorando os desafíos climáticos: “Se o verán é moi caloroso e seco, hai que ensilar antes porque, se se seca moito, o millo é palla, e non queremos ter unha forraxe moi seca”.
A súa estratexia é aproveitar o que a terra e o clima lles ofrecen para garantir unha alimentación óptima e constante, cunha combinación de cultivo propio e complementos que aseguren boas producións do gando: “Aquí non reparamos en abaratar, senón en facer as cousas ben para as vacas”. Para o manexo das forraxes e o deseño das racións contan co asesoramento técnico de Ángel Ávila.
Dende cando traballa con Casa do Rego?
Comecei a colaborar con eles entre 1994 e 1995. A granxa funcionaba baixo o sistema canadense, con vacas atadas que saían ocasionalmente a pastar. Empecei facendo axustes na ración. Os actuais propietarios, Fernando e Pedro Rego, aínda eran adolescentes, e quen xestionaban a explotación eran os seus pais. Naquel entón, tiñan unhas 25 vacas e o manexo era laborioso.
Como evolucionou a granxa desde entón?
O cambio foi radical cando se trasladaron ás novas instalacións con cubículos e sistema robotizado. A transformación foi impresionante: pasaron de producións de 25-30 litros a picos de 50-51 litros por vaca, mantendo, ademais, excelentes calidades, o cal é fundamental para o seu cliente actual, Entrepinares.
En que consiste o seu asesoramento?
Principalmente, en analíticas de silo e axustes de alimentación. Un dos cambios clave foi recomendarlles que ensilasen o millo máis verde, o que mellorou significativamente a aceptación do robot por parte das vacas. A día de hoxe, o manexo está tan optimizado que, ás veces, a miña visita é máis para tomar un café que para resolver problemas.
Ademais, dende hai tres anos traballamos con lactacións prolongadas: inseminamos moito máis tarde, porque non ten sentido inseminar unha vaca aos 60 días cando está a producir 60 litros de leite, e conseguimos lactacións de ata 30.000 litros cun só parto. Así, obtemos lactacións longas, menos partos, menos problemas sanitarios e máis tranquilidade para o gandeiro.
Cal é o obxectivo da ración actual?
Buscamos o máximo de produción, graxa e proteína. Entrepinares premia por sólidos, así que é unha prioridade. En 2024 lograron medias de 15.479 quilos por vaca con 3,82 % de graxa e 3,37 % de proteína, aínda que nos meses de máis calidade aínda melloran estes datos. Tamén teñen recontos celulares moi baixos, o cal confirma o bo manexo.
Como inflúe o sistema de muxido robotizado na alimentación?
Permite unha alimentación de precisión, adaptada a cada vaca, o que axuda a aproveitar ao máximo o seu potencial xenético.
Que importancia teñen as calidades das forraxes?
Fundamental. Sempre explico que non se trata só de amidón ou quilos de materia seca, senón de dixestibilidade. Cando conseguimos millos con boa dixestibilidade tanto de fibra como de amidón, non só melloramos a produción senón tamén os sólidos. Ademais, todo isto favorece que as vacas asistan ao robot. Se o alimento non se dixire ben, as vacas ruminan durante horas sen moverse do cubículo.
Como xestionan o ensilado de herba?
Antes usaban silo en pila, pero as condicións meteorolóxicas de Galicia non sempre axudan. Agora, optan por ensilado en bólas, o cal lles permite traballar en días bos sen depender de maquinaria externa. A pesar de ser un pouco máis caro, conservan mellor a forraxe, reducen problemas como a mamite e clasifican as bólas segundo a calidade, o que lles permite facer mesturas axustadas a diario.
Están intentando mellorar algún aspecto máis?
Si. O obxectivo é aumentar aínda máis a graxa e a produción por vaca. A idea é producir máis co mesmo número de animais, o que mellora a sostibilidade e reduce a pegada de carbono.
Por que considera importante o asesoramento técnico?
Porque sempre hai novidades. Un exemplo recente é a substitución do ácido palmítico por isolicitinas para aumentar a graxa sen afectar a percepción do consumidor. O palmítico xa non ten boa imaxe, así que reducimos o seu uso de 300 a 100 gramos e optamos por tecnoloxías máis sostibles e eficaces. En Casa do Rego sempre están abertos a innovar e iso facilita moito o meu traballo.
LACTACIÓNS PROLONGADAS
A reprodución e a selección xenética son dúas pezas fundamentais no funcionamento da granxa de Fernando e Pedro, e abórdanas cunha estratexia que combina planificación, experiencia e datos precisos.
A reprodución das xovencas comeza arredor dos 15 meses, sempre que estean en condicións óptimas. “Ás veces, se temos moitas xovencas para inseminar todas xuntas, atrasamos algunhas en función do seu estado e do seu tamaño”, puntualiza. No caso das vacas en produción, decántanse por lactacións prolongadas: “Ata os 150 días posparto non inseminamos ningunha vaca e, nalgunhas moi produtoras, agardamos incluso ata os 200 días. Así dámoslles tempo a recuperarse”.
A granxa conta desta maneira cun intervalo entre partos de arredor dos 490 días, con medias de inseminacións por preñez de 1,6 a 1,8 nas xovencas, e entre 2,5 e 3 nas vacas adultas. O manexo da fertilidade baséase nun control visual do celo, apoiado pola información que ofrece o robot de muxido. En casos puntuais, recorren á sincronización ou a tratamentos hormonais, segundo criterio veterinario.
A decisión de continuar inseminando unha vaca está ligada á súa idade e ao seu rendemento. “A partir do terceiro parto, se a vaca empeza a dar problemas de fertilidade ou mamites, prolongamos esa lactación e vai para o matadoiro. Temos moita recría, así que entra unha xovenca no seu sitio e listo”, acepta Fernando. “En quinto parto xa non inseminamos practicamente ningunha, salvo excepcións moi destacadas”.
Nos últimos anos, a granxa aplicou sistematicamente bolos de fertilidade en vacas con antecedentes problemáticos. “Cremos que axudan e, como a fertilidade aquí é bastante boa, podemos aplicalos sempre que o vemos necesario”, cre.

PARA A MELLORA XENÉTICA: CRITERIOS CLAROS
A estratexia reprodutiva compleméntase cun enfoque moi definido na mellora xenética. Desde 2016, a granxa está xenotipada ao 100 %, o que permite facer unha selección precoz e eficaz. “A xenética axuda moito a mellorar o rabaño, pero o máis importante é ter os criterios claros. A min gústame que as vacas dean leite, pero tamén que teñan bos ubres e sexan morfoloxicamente correctos. Se teñen boa morfoloxía, o robot tamén funciona mellor”, resume.
A selección de touros faise combinando datos de produción e tipo. “Os touros que máis me gustan son os equilibrados, con bos ubres, boas patas e importantes quilos de leite”.
Desde 2022, todas as vacas da granxa son fillas de touros de Xenética Fontao. “Podería dicir que máis do 95 % das vacas actuais veñen de touros de Fontao e, se miramos os ascendentes, superamos o 90 %”, confirma.
Fernando é partidario dos touros xenómicos e de utilizar moitos por campaña: “O touro probado responde aos criterios de hai catro anos. O xenómico representa o que se busca hoxe”. Aínda así, tamén repite con touros probados que lle deron bos resultados.
Outro punto fundamental no plan xenético de Casa do Rego é o uso de seme sexado. “En xovencas poñemos practicamente todo sexado”, remarca Fernando destacando que esta práctica lles permite controlar mellor o número de femias dispoñibles para a recría. Nas vacas adultas tamén se utiliza, pero con máis selectividade: “Se temos unha vaca boa, con xenética interesante e boas calidades, poño sexado as dúas primeiras inseminacións. Nas vacas máis normais, optamos por seme convencional e nas que menos me gustan, cruzamento xa de primeiras”. Esta planificación permítelles equilibrar a produción de xatas sen xerar un exceso de recría e, ao tempo, mellorar o perfil xenético do rabaño. Para estes cruzamentos, combina diferentes razas como belga, limusina ou rubia galega, segundo necesidades. “Non utilizo un só tipo de raza, vou poñendo o que teño dispoñible. Todo vai para venda”.
Comercializa xovencas e vacas principalmente a través das poxas organizadas por Africor Lugo e tamén a clientes particulares, co obxectivo de manter o equilibrio no número de vacas en muxido, pois “queremos estar sempre entre as 60 ou 65 no robot”. Aínda así recoñece que non sempre é doado cadrar oferta e demanda ao mesmo tempo, e sinala que agora é unha boa época: “Hai máis movemento tanto de animais para vida coma para matadoiro e estamos manexando bos prezos”.
PENSANDO NUN SEGUNDO ROBOT
Cando en 2012 puxeron en marcha a nova nave da granxa, Fernando e Pedro tomaron unha decisión que marcaría un antes e un despois na súa forma de traballar: a robotización do muxido. “Daquela estaba controlando granxas en Africor Lugo con robots e gustábame moito o sistema, así que apostamos por el desde o principio”, lembra Fernando. O cambio foi radical, xa que pasaron dun establo canadense con circuíto de muxido a unhas instalacións con cubículos e robot de muxido.
Hoxe en día, as vacas fan unha media de entre 2,5 e 2,8 muxidos ao día, dependendo da época do ano. O sistema funciona mediante colares que permiten a identificación individual de cada animal e controlan a súa actividade. Desde hai catro anos, empregan un sistema de tráfico guiado coas vacas, que facilita o acceso ao robot en función da súa necesidade de muxido. “As vacas circulan moi ben e hai moita menos intervención manual. Axiliza o traballo e permítenos detectar calquera problema de produción ou saúde de forma inmediata”, explica.
A implantación do tráfico guiado naceu dunha necesidade: “Un ano botamos un millo moi seco e as vacas non querían entrar no robot. Tiñamos que empurralas moito e decidimos cambiar o sistema”, aclara. Hoxe, considera que o robot é “o sistema ideal para unha explotación familiar”, xa que ofrece liberdade de horarios sen perder control sobre o rabaño. A tecnoloxía permite detectar desviacións de produción, mamites e outros problemas de maneira automática. “Iso si, ao non facer o muxido manual, podes deixar pasar cousas se non estás pendente das alertas, pero é un sistema moi completo”, engade.
Desde 2015, Casa do Rego vende todo o seu leite á queixería Entrepinares. Isto inflúe tamén na selección das vacas, xa que deben primar os niveis de graxa e proteína. “Ás veces descartamos vacas boas porque non teñen os valores axeitados para este tipo de industria. Pagan un pouco máis polas calidades e iso lévanos a seleccionar nese sentido”, razona o gandeiro. Actualmente, reciben 0,48 €/litro, con primas adicionais de 5 euros por tonelada a partir do 3,80 % de graxa e de 8 euros por tonelada a partir de 3,20 % de proteína.
Mirando ao futuro, Fernando e Pedro barallan a posibilidade de instalar un segundo robot. “Non sería para muxir 120 vacas, senón para ter máis capacidade de manobra, sobre todo cando coinciden moitas xovencas a piques de parir”, especifica. Esta opción tamén lles permitiría aliviar a presión diaria e gañar tempo libre: “Se tes dous robots con 45 ou 50 vacas cada un, as esixencias non son as mesmas. Non tes que saír correndo da casa se hai unha alarma”.
Con todo, é optimista co momento actual do sector: “Estamos nunha época dourada, o leite está ben pagado, a carne tamén e a recría ten bo prezo”. Iso si, advirte dun problema estrutural que se mantén, como é a falta de man de obra. “Por iso se automatiza tanto, porque non hai xente para traballar. Hoxe ou te adaptas ao que tes ou estás vendido”, alerta.
A súa estratexia é clara: tecnoloxía, control e autonomía como camiño de futuro.