A Xunta promove o consumo de produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nos comedores escolares

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), promove o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nos comedores escolares. A iniciativa -enmarcada na campaña “Come local”- arranca hoxe, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Alimentación.

Así, este venres comezan as degustacións de produtos provistos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida en distintos centros educativos galegos. En concreto, a campaña chegará inicialmente a un total de 15 comedores escolares das provincias da Coruña e Pontevedra, con vistas a ampliala ao resto da comunidade.

Cabe salientar que varios destes centros destacan por contar coa distinción de “Comedores Escolares Km 0”, debido á súa aposta polas producións de proximidade á hora de confeccionar os seus menús. Ao abeiro da campaña “Come local”, os escolares non só terán acceso agora ás degustacións, senón que tamén se lles impartirá unha charla informativa para que coñezan a importancia de consumir produtos locais e como poden identificalos de xeito sinxelo grazas ás distintas etiquetas dos selos de calidade.

A maiores, a Agacal busca coa iniciativa fomentar a participación dos estudantes no concurso internacional de carteis da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), dedicado aos “Heroes da Alimentación”. Por colaboraren nestas accións, todos os alumnos implicados entrarán no sorteo dunha cesta de produtos galegos con certificado de calidade.