O 24 de outubro, o Consello Portugués de Saúde do Ubre (CPSU) organizou en Póvoa de Varzim, distrito de Porto, a súa Conferencia Anual. O evento, que alcanzou a súa décima edición, reuniu especialistas internacionais co obxectivo de ampliar os coñecementos acerca da saúde do ubre. O estrés animal e a optimización do muxido foron dous dos puntos máis analizados.
Bioseguridade
O primeiro dos relatorios correu a cargo de Tiago Tavares, que se centrou na bioseguridade. O experto en calidade do leite insistiu en que “a prevención non é un custo, senón un investimento esencial para a sostibilidade e a rendibilidade das ganderías”.
Denunciou a falta de cultura biosegura no sector lácteo. “Non se trata de produtos caros nin de receitas universais, senón de coherencia, constancia e observación. Manter os silos pechados, evitar aves e roedores, limpar corredores e manexar correctamente os xatos son accións tan preventivas para a saúde do ubre coma o uso de desinfectantes”.
Vertebrou a súa exposición na preparación do muxido, o predipping, e na desinfección posterior, o postdipping, os dous piares da prevención da mastite. Sinalou que o obxectivo principal é obter tetos limpos, secos e desinfectados, e unha vaca estimulada para liberar o leite rapidamente.
En canto ao muxido automático, identificou dúas feblezas principais na actualidade: por unha banda, a preparación, no caso de que as vacas non estean tan limpas como deberan; pola outra, a posible maior propagación dunha enfermidade ao muxir a mesma máquina a un gran número de exemplares.
Estrés e inmunidade
A continuación, o veterinario Oriol Franquesa ofreceu unha dobre conferencia, antes e despois do café. En primeiro lugar, centrouse no estrés e na inmunidade; despois, expuxo os desafíos nutricionais no estado sanitario do ubre. “Ambos son temas complicados porque non dispoñemos de indicadores”, adiantou.
Presentou o estrés coma unha resposta evolutiva útil, cuxo problema radica na súa cronicidade. “O agudo mobiliza enerxía e permite sobrevivir; pola contra, o crónico activa o cortisol, que reduce o consumo e apaga funcións que causan inmunosupresión, mastites secundarias e problemas reprodutivos”.
Para este profesional os factores críticos máis relevantes en vacas de alta produción son o estrés térmico, a sobredensidade, o deseño inadecuado de instalacións, o confort durante o muxido e a espera, o transporte e os cambios de grupo, ademais do secado e a desteta.
“A observación é a base do diagnóstico”, apuntou, xa que os ruminantes mostrarán dalgunha maneira se o ambiente non lles gusta. Prudente ante outras fórmulas existentes, prefire investir primeiro en manexo, ventilación e auga limpa.
No que atinxe aos desafíos alimentarios, lembrou que a nutrición é o soporte do sistema inmunitario. “As vacas de altísima produción esixen unha dieta equilibrada para soster o seu rendemento, pero tamén a defensa inmunolóxica. As deficiencias en vitamina E, selenio, cobre ou zinc reducen a capacidade de resposta fronte ás infeccións intramamarias”.
Na súa intervención, Franquesa defendeu o traballo en equipo, así como un enfoque baseado na inspección visual, na temperatura e no olor máis que en análises teóricas: “Controlar a temperatura da mestura no presebe, entre 20 e 25 ºC, é un punto práctico crucial”, recalcou.
Análise de datos
A última exposición da mañá foi impartida por Lorena Nodar, especialista en saúde mamaria e análise de datos, que se internou na interpretación da información para controlar a mastite bovina. “Os datos nunha granxa son verdades parciais; só ao integralos vemos a realidade”. O eixo da súa exposición foi unha granxa de 1.500 vacas en Canadá, que experimentou un incremento do reconto celular somático tras ampliar o seu rabaño.
Comentou que, “a primeira vista, os rexistros clínicos eran bos, pero o control leiteiro revelaba unha epidemia silenciosa de infeccións subclínicas, sobre todo nas xatas”. Segundo o seu criterio, o erro común é centrarse só nas mamites clínicas porque son visibles e custosas a curto prazo, mentres que as subclínicas pasan desapercibidas, pero reducen a produción e perpetúan os contaxios.
Puxo en valor a revisión regular e continua do control leiteiro e advertiu que “se as mastites aparecen nos primeiros 30 días de lactación, o problema ten a súa orixe no secado ou no preparto; se xorden na metade ou ao final da lactación, adoitan ser ambientais ou de contaxio entre vacas, e, se afectan máis ás primíparas, hai deficiencias na recría ou na xestión das xatas”.
A oradora abordou despois a vacinación como parte do control integral, non como substituto do manexo: “Vacinar sen mellorar o ambiente non serve. Se eliminas un patóxeno e o ambiente segue sucio, outro ocupará o seu lugar”, advertiu.
Muxido
Pola súa banda, Tom Greenham tamén expuxo dúas conferencias compatibles, pero separados no tempo. Para comezar, afondou nos robots e na súa adecuación segundo o rabaño; posteriormente, centrouse na eficiencia e optimización do muxido. Entre ambas as charlas, José Guilherme interveu para presentar un relatorio no que tiveron protagonismo os pequenos ruminantes.
Greenham, especialista na saúde do ubre e na optimización das máquinas de muxidura, salientou a importancia da tetoeira como elemento fundamental e a necesidade de que o seu deseño se adapte rigorosamente ao tipo de teto predominante no rabaño.
Aproveitou para explicar que o muxido non depende só do baleiro e da pulsación, senón que interveñen outros elementos, como a interacción dinámica entre a forma do teto, o material da tetoeira, a forma do canón, a profundidade da boquilla e o baleiro real presente na boca da tetoeira.
“A eficiencia nun sistema de muxido consiste en obter a máxima produtividade co menor gasto necesario para conseguir leite vendible no menor tempo posible. O robot é unha parte do sistema. A eficiencia depende tanto da fisioloxía da vaca como do deseño do manexo”, explicou.
O encontro rematou cunha sesión aberta ao debate entre os participantes, na cal se analizaron temas como a comunicación entre o persoal da granxa, a importancia do impacto da asesoría na calidade do leite e a idea de xeneralizar ou non os mesmos índices de saúde mamaria en todos os países.