GANADERÍA O RUBIO. SANTA COMBA (A CORUÑA)

Cuando la pasión por la genética conquista lo más alto del pódium

A gandería coruñesa O Rubio, situada en Santa Comba, vén de asinar un dos fitos máis destacados da súa traxectoria: lograr o título de vaca gran campiona de Galicia no último Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga, celebrado no marco da Moexmu. Detrás deste recoñecemento hai unha historia familiar moi ligada ao sector primario, unha clara aposta pola mellora xenética, un manexo cada vez máis profesionalizado e unha nova xeración que xa mira cara ao futuro con decisión.. Máis en Vaca Pinta 59.

Ganadería O Rubio

Localización: Santa Comba (A Coruña)

Propietarios: María del Carmen Romero, David García e Elisabeth Amarelle

N.º total de animais: 480

Vacas en muxido: 220

Media de produción: 41 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,90 %

Porcentaxe de proteína: 3,60 %

Venta de la leche: Reny Picot

Precio do leite: 0,4550 €/litro + calidades e IVE

O nome de Ganadería O Rubio soou con forza no sector o pasado 11 de abril, cando O Rubio King Doc Barni se proclamou vaca gran campiona do Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga, celebrado no marco da Moexmu, en Muimenta (Cospeito, Lugo). Poucos días despois, viaxamos ata Santa Comba para coñecer de preto o traballo que hai detrás deste recoñecemento.

Á fronte da explotación están David García, Elisabeth Amarelle e María del Carmen Romero, pais e avoa de Iván García, un mozo que, con tan só 23 anos, ten moi claro cal será o seu futuro. A piques de rematar a carreira de Veterinaria, xa participa de forma activa na xestión do rabaño e espera incorporarse plenamente á granxa en canto finalice os seus estudos.

En paralelo, o seu irmán Iker, de 16 anos, tamén comeza a orientar o seu camiño cara ao sector e, tras rematar a ESO, cursará un ciclo medio de produción agropecuaria no Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa para sumarse canto antes ao proxecto familiar.

Dous irmáns novos, con vocación gandeira e as ideas moi claras, chamados a dar continuidade a esta explotación coruñesa que hoxe conta cuns 480 animais, dos cales 220 son vacas en produción.


“Pouco a pouco fomos mellorando, porque non sabiamos moito, pero vontade tiñámola toda”

Unha gran campiona que culmina anos de afección

“É un hobby que temos desde pequenos, sen ter tradición no mundo dos concursos”, explica Iván. “Primeiro a min e despois ao meu irmán sempre nos chamou a atención. Cando tiña 16 anos, aproveitando que o concurso rexional se celebraba en Santa Comba, decidimos participar con dúas xatas e, a partir de aí, picounos aínda máis o bicho”, recoñece.

Os comezos, lembra, foron modestos. “Con moitas ganas e pouca idea, ao principio participabamos con vacas e xatas, e pechabamos moitas seccións”, afirma. Pero aquela etapa tamén foi, sobre todo, unha aprendizaxe: “Pouco a pouco fomos mellorando, porque non sabiamos moito, pero vontade tiñámola toda”.

Así, o ano pasado lograron o título de vaca nova campiona de Galicia con O Rubio Thunder Mascastorm ET e este ano, con O Rubio King Doc Barni, acadaron o de gran campiona. “Agora, despois de moitos finais de pista, empezamos a conseguir algúns premios”, resume Iván.

Para el, os concursos teñen un valor que vai moito máis alá dos resultados: “Reúnen moitas das nosas grandes paixóns: os animais, a mellora xenética e, por outra parte, compartir tempo con xente que ten as nosas mesmas afeccións. Quedamos co grupo que formamos a nivel de Galicia, e tamén coa xente que coñecemos fóra, en España ou en Europa”.   


 “Os concursos son un bo reclamo para a xente que vén da cidade, para que se acheguen ao sector e coñezan como tratamos os animais”

Manexo das vacas de concurso

Os animais de concurso non se preparan só unhas semanas antes de saír á pista. O seu manexo forma parte da rutina diaria da explotación. “Traballamos con eles desde pequenos. En xeral, aos catro ou cinco meses xa empezamos a seleccionar os animais que nos parece que poden competir mellor ese ano ou o seguinte”, explica Iván.

Durante todo o ano manteñen separadas entre tres e cinco vacas e arredor de oito xatas e xovencas. Nos momentos previos a concursos importantes, como a Moexmu, o grupo amplíase. “Antes desta edición estivemos traballando con sete vacas e doce xovencas, das que ao final levamos un total de doce animais”, apunta.

A clave está en integrar ese traballo dentro do funcionamento normal da granxa. “Todos os días hai que dedicarlles un pouco de tempo. Témolo protocolizado e incluído no traballo diario: tomas de penso, lavado, encamado e coidado. Así é máis fácil levalo todo”, afirma.

Tamén a alimentación se axusta ás súas necesidades. Para estes animais traballan cunha fórmula específica de penso, deseñada entre Iván e Benigno Rey, nutrólogo da Cooperativa Xallas. “É unha fórmula máis alta en proteína e con menos amidón. Buscamos manter os animais nunha liña competitiva, en forma, que produzan máis leite incluso cas outras e que poidan manterse ben”, explica. Ademais, a base forraxeira complétase con avea comprada especificamente para elas.

Aínda que recoñece que os concursos poden axudar á imaxe da granxa, Iván non os formula como unha actividade económica. “No que respecta ao negocio —bromea—, perdemos cartos”. “Pode repercutir algo na venda de animais e axudar á imaxe global da granxa, pero non é no que nos temos que centrar como actividade económica. Para nós non deixa de ser un hobby”, recalca.

Si defende, en cambio, o seu papel como ferramenta de achegamento á sociedade. “Moitas veces vexo que o primeiro contacto que teñen moitos rapaces hoxe cunha vaca é unha das nosas que ven nos concursos. É un reclamo para a xente que vén da cidade, un bo plan de fin de semana para ver o concurso, achegarse ao sector e coñecer como tratamos os animais. Un labor tan importante coma ese xa xustifica este tipo de convocatorias”, afirma.


“Xenotipar permite duplicar a fiabilidade que tes na proba de cada animal. Pasamos dun 40 % de fiabilidade a preto dun 80 %”

Autodidactas en xenética

A aposta de O Rubio pola xenética vai máis alá da pista dos concursos morfolóxicos. A gandería participa con frecuencia nas poxas da zona, tanto para incorporar novos exemplares como para comercializar animais propios. De feito, Iván recoñece que parte desa inquietude pola mellora naceu precisamente aí. “Os primeiros animais que compramos foron a base dos que destacaban sobre o resto”, lembra.

Hoxe, ademais de compradores, tamén son vendedores habituais. “Queremos que as poxas sigan tendo ese papel de facilitar exemplares con maior potencial xenético ao resto das ganderías”, apunta.

Esa visión conéctase co traballo diario de selección. Nos últimos anos deron un salto notable en cualificación morfolóxica. “Pasamos, fundamentalmente nos últimos seis anos, dunha cualificación morfolóxica de 78 puntos a estar agora por enriba dos 83 puntos no rabaño”, concreta Iván. Para el, esta mellora non só se nota na imaxe do animal, senón tamén na súa funcionalidade: “Permitiunos mellorar en produción e ter animais máis lonxevos. Nunca descoidamos a produción, os sólidos nin os trazos de saúde, pero cremos que a morfoloxía é moi importante, é a base do animal”.

A selección de touros responde a criterios moi definidos sen facer grandes diferenciacións entre xenómicos e probados. “Intentamos buscar touros moi equilibrados”, resume. Traballan sobre todo co sistema americano GTPI, aínda que comparan tamén como responden os animais noutros sistemas, como o canadense ou o español. Normalmente buscan que “o composto de tipo sexa maior de 2; ubres maior de 2; patas por enriba de 1, mirando sempre os trazos lineais de cada touro; produción por enriba de 750 libras de leite, calidades positivas e trazos de saúde, sobre todo fertilidade e células somáticas, correctos”.

O xenotipado é outra das súas ferramentas de traballo. “Practicamente a totalidade do rabaño está xenotipada en España, con Conafe, e entre un 15 e un 20 % ten proba americana tamén”, indica. Para Iván, é un piar importante: “Xenotipar permite duplicar a fiabilidade que tes na proba do animal. Pasamos dun 40 % de fiabilidade a preto dun 80 %”.

Utilizan seme sexado nos animais que queren empregar como nais de recría e futuras reprodutoras. “En xeral, o 90 % do seme frisón que usamos é sexado. Podemos usar algunha dose de convencional nalgún animal moi interesante a nivel morfolóxico ou dunha familia concreta con problemas reprodutivos, pero o habitual é sexado”, subliña. No resto empregan cruzamento cárnico, principalmente azul belga, e angus en xovencas. Os xatos cruzados permanecen na explotación uns 20 ou 25 días antes de venderse.

Ademais, todos os anos adoitan vender unhas corenta primíparas paridas. Polo de agora, os embrións que producen son só para uso propio. “Facemos, case todos os meses nos mellores animais, tanto flushing e transferencia de embrións como inseminación in vitro”, sinala. Empezaron hai catro ou cinco anos con embrións comprados e importados, e os resultados foron bos. Como apostan moito pola xenética e consideran que é un activo importante, estas son ferramentas para aproveitala e avanzar mellor e máis rápido.


“Nas vacas de leite usamos area para as camas porque nos permite ter maior limpeza e controlar ben as células somáticas e as infeccións de ubre”

Instalacións en evolución

Actualmente, Ganadería O Rubio suma unha media de produción arredor dos 41 litros por vaca e día, cun 3,90 % de graxa, un 3,60 % de proteína e un reconto celular medio mensual por debaixo das 200.000 células. Son cifras que chegan nun momento de transición, despois de incorporar recentemente o terceiro muxido e de estar inmersos en novas melloras de instalacións.

A súa nave principal construíuse en 2004 e hoxe alberga o lote de produción, as vacas secas e a recría desde a fase previa á inseminación ata que quedan xestantes.

Manteñen un único grupo de produtoras, pero a súa idea a curto prazo é diferenciar dous lotes. En 2011 levantaron unha nave específica para recría e, máis tarde, incorporaron unha sala de muxido traseira de 16x2, unha amamantadora e unha nova nave para etapas temperás de recría.

Tamén contan cun almacén nas instalacións antigas, onde gardan parte da forraxe; silos de trincheira de formigón e unha nave recente destinada a maquinaria.

A zona de produción conta con cama de area. “Nas vacas de leite usamos este material porque é o que nos permite ter maior limpeza nos animais, controlar ben as células somáticas e as infeccións de ubre”, apunta. Nas primeiras etapas de recría traballan con cama quente de palla e, máis adiante, en preinseminación, con cubículos de colchoneta. Iván recoñece que as colchonetas responden a unha decisión tomada no seu momento, pero que están valorando reorganizar esta parte: “Igual non foi a opción máis acertada e, mentres non fagamos cambios nas naves, non poderemos modificalo”.

A limpeza realízase con arrobadeiras en todos os lotes agás nos animais máis pequenos. En produción intentan que pasen cada dúas horas para manter as zonas o máis secas e limpas posible e controlar problemas como a dermatite.

En canto a bebedoiros, revísanos e hixienízanos diariamente. “Intentamos ter máis cantidade da necesaria para que non haxa competición entre animais”, puntualiza.

A ventilación e o control do estrés por calor tamén foron gañando peso na explotación. “Como en toda Galicia, depende moito do verán que veña”, explica Iván. “Podemos ter anos como o pasado, sen grandes baixadas de produción nin fertilidade, e outros, como hai dous, nos que se nota moito”.

Hai seis anos instalaron ventiladores e rega por aspersión, un sistema que lles permite soportar mellor os días de calor. “Onde máis se nota é na inxestión. Hai menos sobras desde que colocamos os ventiladores e, sobre todo, a fertilidade subiu un par de puntos”, sinala.

O benestar complétase con cepillos rascadores nos lotes de produción. Para Iván, porén, o obxectivo non está en engadir elementos sen máis, senón en que o ambiente sexa correcto. “Creo que non é necesario enriquecer unha atmosfera se o ambiente xa é correcto para os animais. O que buscamos é darlles as mellores condicións posibles”, insiste.

Tamén investiron en enerxía. Desde hai catro anos traballan con paneis solares e, desde hai dous, con baterías. “Permítennos almacenar corrente nos puntos de maior produción”, admite. Co terceiro muxido, o do mediodía encaixa especialmente ben coa produción solar: “Nese momento consumimos o que producimos”.


“Intentamos favorecer o desenvolvemento ruminal o máis rápido posible. É a maneira que temos de manexar as diarreas e reducir o seu impacto”

Recría: prevención desde o primeiro día

O manexo da recría é un dos puntos nos que máis énfase poñen. “O que intentamos é traballar en prevención —di Iván—. Cremos que a mellor maneira de solucionar problemas é evitar telos”.

Nos primeiros días, os xatos permanecen en boxes individuais para controlalos mellor. “Os tres, catro ou cinco primeiros días son o período máis crítico para nós”, explica. Cando empezan a tomar ben e se mostran activos, pasan a outros boxes, separando xa as femias que quedarán na granxa dos machos e cruzados, que se aloxan fóra e se venderán.

As nais vacínanse fronte a rotavirus, coronavirus e E. coli. Tras o nacemento, o encalostrado é prioritario. “Temos como máxima intentar encalostrar antes das catro horas desde o nacemento, ben con sonda ou deixando que mamen directamente”, concreta Iván. Tamén manteñen reservas abundantes de calostro conxelado para previr calquera insuficiencia.

Desde os catro días teñen penso starter, auga e forraxe a libre disposición. “Intentamos favorecer o desenvolvemento ruminal o máis rápido posible. É a maneira que temos de manexar as diarreas e reducir o seu impacto”, apunta.

As becerras toman leite de transición entre tres e cinco días e despois pasan a leite de vaca ata que entran na amamantadora con 15 ou 20 días. Alí consomen leite en po, comezando con 6 litros diarios e subindo progresivamente ata 11 litros. A desteta realízase aos 85 días.

A instalación da amamantadora, hai cinco anos, supuxo un cambio importante. “Pasamos dunhas instalacións moi malas a mellorar bastante”, recoñece Iván. Ao principio afrontaron algún que outro problema, pero lograron reconducilos. “A día de hoxe, grazas ás pautas de vacinación adecuadas e a unha boa ventilación, apenas temos casos de pneumonía. O crecemento dos animais é moito mellor que antes, con maior desenvolvemento, e iso nos permitiu adiantar algo a inseminación. Sobre todo, a nivel de xestión de man de obra, foi un elemento que nos axudou moito”.

Tras este período, pasan a un lote con cama quente e arrobadeira, onde están aproximadamente ata os oito meses, consumindo unha ración similar á das vacas en produción, de alta enerxía. Máis adiante cambian a lotes de preinseminación, cunha ración máis rica en proteína e fibra, baseada nas forraxes propias.

A primeira inseminación en xovencas realízase actualmente entre os 13,5 e os 14 meses. Intentaron baixar a idade a uns 12 meses, pero observaron que o rendemento posterior non era igual. “Aínda que tivesen tamaño e desenvolvemento suficiente, ao parir non rendían igual que os animais inseminados un ou dous meses máis tarde”, admite Iván.

En vacas, atrasaron o período de espera voluntario ata arredor dos 120 días. “Realizamos todas as primeiras inseminacións a celo natural e a fertilidade mellorou moitísimo desde que aumentamos ese período”, sinala.

A detección de celos apóiase agora en colares, incorporados hai algo máis dun ano. “Non é que tivésemos grandes problemas de detección de celos nin de animais enfermos, pero supoñíanos moitas horas de traballo”, considera. A ferramenta permítelles rexistrar actividade, detectar celos e revisar animais con posibles problemas a partir dos datos do primeiro muxido do día.

Onde máis notaron a mellora é nas xovencas: “Era onde peor se vían os celos. Agora non só os detecta, senón que temos un rexistro desde o momento en que se coloca o colar. Iso permítenos afinar máis e non inseminar demasiado pronto por medo a non volver ver o celo”.

Apenas sincronizan animais e tampouco traballan con tratamentos específicos para aumentar a fertilidade. “A fertilidade ao final reflicte a alimentación e o coidado que se lles dá. Creo que é mellor mellorar o manexo, a alimentación, a detección de celos e a inseminación que suplementar ou aplicar protocolos para curar un mal que non deberías ter”, defende Iván.

A media de partos aproxímase aos tres, condicionada por unha porcentaxe de reposición e de primíparas aínda alta.


“Somos autosuficientes tanto en millo como en herba. De feito, a nosa idea é medrar en número de animais, contando con ter comida suficiente”

Forraxes propias e racións axustadas

A alimentación apóiase nunha base territorial ampla e nunha estratexia de autosuficiencia. Segundo explica David García, traballan cunhas 160 hectáreas, das cales arredor de 105 se destinan a ensilados. Unhas 85 hectáreas seméntanse a millo e aproximadamente 40 ou 45 rotan con herba; o resto son pradeiras permanentes. Arredor do 60 % da superficie é en propiedade e o 40 % en alugueiro.

As fincas máis afastadas están a uns seis quilómetros, aínda que a maioría se sitúan nun raio de dous ou tres. Parte da superficie está sen concentrar, aínda que en trámite de concentración parcelaria, e outra zona, concentrada hai 10 ou 15 anos, conta con parcelas máis grandes.

“Somos autosuficientes tanto en millo como en herba. De feito, a nosa idea é medrar en número de animais, contando con ter comida suficiente”, afirma David. Nunca se formularon a opción de vender parte dos seus cultivos a outros gandeiros. Nese sentido, prefiren ter reservas e, no caso de lograr moitas sobras, optar por deixar algún terreo sen cultivar para ter máis flexibilidade.

Traballan con pradeiras de raigrás e tamén con 20 ou 30 hectáreas de mesturas mellorantes do solo, a base de vezas e trevos. En millo, a súa filosofía é usar ciclos curtos, de 280 ou 300, polas condicións frías da zona. Só nunhas parcelas próximas a Val do Dubra, con temperaturas máis favorables, empregan un ciclo 500.

A sementeira realízana en canto o tempo llelo permite, a finais de abril ou principios de maio, e o ensilado adiántano en canto ven o millo en estado óptimo. “Se está para o 15 de setembro, non esperamos ao 20. Queremos poder sementar as pradeiras a tempo e evitar problemas de inverno”, afirma.

A media de rendemento en millo sitúase entre 40.000 e 45.000 quilos por hectárea. En herba fan un único corte para silo e nas pradeiras permanentes aproveitan o segundo corte para herba seca. “Tratamos de facer herba seca da mellor calidade posible. Como temos base territorial suficiente, non necesitamos máis dun corte para silo. Así facemos herba seca e aforramos palla”, explica David.

As racións das vacas en produción repártense dúas veces ao día, cun carro pola mañá e outro pola noite. A ración de produción está composta actualmente por 11,5 quilos de concentrado, 9 quilos de silo de herba e 33 quilos de silo de millo. A maiores, elaboran racións para xovencas e secas. Nas secas non usan palla, senón herba seca. “Algunha vez fomos en contra do que dicían algúns nutrólogos, pero a nós funciónanos así”, afirma o gandeiro.

Salvo o picado, realizan eles mesmos todos os traballos agrícolas, xa que na granxa dispoñen de maquinaria propia suficiente. “Unha das cousas que máis me gusta desde pequeno é a maquinaria. Sempre tiven paixón por ela e intentamos ter todo o necesario para depender o mínimo posible de empresas de servizos”, recoñece David.

A capacidade de almacenamento de xurro era, ata agora, un dos grandes condicionantes. “Para a granxa que temos, quedábanos ridícula. Case tiñamos que estar aplicando e baleirando xurro todas as semanas”, aclara. Actualmente, están rematando a construción dunha nova fosa de oito millóns de litros. Con ela, sumarán arredor de 10 millóns de litros de capacidade. “Mentres non medre moito a explotación, creo que estaremos cubertos”, afirma. As fosas actuais, que inicialmente eran abertas, foron cubertas e esta nova tamén será cuberta.

Socios da Cooperativa Xallas

Sara Cracia
Sara Gracia, técnica veterinaria da Cooperativa Xallas
“O reto hoxe non é só producir, senón acompañar o gandeiro na xestión e na toma de decisións con datos reais

Con cantos socios conta hoxe en día a Cooperativa Xallas e cal é a súa actual estrutura?

Actualmente contamos cuns 1.500 socios, aínda que en activo hai arredor de 400. Se incluímos explotacións non socias que tamén traballan connosco, sumamos unhas 500 granxas. Operamos sobre todo en Santa Comba, Mazaricos, Trazo, Ordes ou Tordoia, aínda que tamén temos presenza en Lugo e Lalín.

O equipo humano está formado por 26 persoas. No equipo técnico somos seis: cinco veterinarios e un enxeñeiro agrónomo. Todos traballamos directamente no campo e, ademais, cada un ten certa especialización.

Que enfoque lle dan ao servizo veterinario?

O noso obxectivo é ofrecer un asesoramento integral. Non se trata só de intervir en momentos puntuais, senón de acompañar as ganderías no seu día a día, axudándoas a xestionar mellor aspectos clave como a reprodución, a alimentación ou a organización xeral da explotación. Ademais, estamos moi implicados na parte agronómica, que é fundamental neste tipo de granxas.

No contexto actual, con enfermidades emerxentes como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica, é clave trasladarlles información actualizada aos gandeiros e darlles ferramentas de prevención. En reprodución e alimentación, o traballo é case máis de xestión: definir obxectivos co gandeiro e acompañalo para alcanzalos.

Que servizos concretos ofrecen?

Contamos con asesoramento en reprodución, alimentación e calidade do leite, ademais dun servizo de substitución. A maiores, o servizo agrario está gañando moito peso dentro da cooperativa. En reprodución e alimentación realizamos visitas programadas, xeralmente quincenais, nas que non só abordamos o tema concreto da visita, senón que analizamos a granxa no seu conxunto: falamos co gandeiro, revisamos incidencias e buscamos melloras continuas.

Estamos facendo un esforzo importante en formación, especialmente en todo o relacionado coa dixitalización e a robotización. Moitas granxas están incorporando robots de muxido e novos sistemas de xestión, e é importante que o equipo técnico estea preparado para acompañalas nese proceso.

Como se formula o futuro do sector?

O principal reto é a falta de man de obra. Por iso vemos unha tendencia clara cara á automatización e á robotización, non só para reducir a dependencia de persoal, senón tamén para mellorar as condicións laborais.

Ademais, hai unha demanda crecente de análise de datos reais. Os gandeiros queren información precisa para tomar decisións e o noso desafío é acompañalos nese proceso de interpretación e xestión.

Benigno Rey
Benigno Rey, veterinario da Cooperativa Xallas e asesor en alimentación e reprodución en Ganadería O Rubio
“Buscamos que as produtoras inxiran arredor de 25 quilos de materia seca ao día, axustando en función da calidade das forraxes”

 

Como é o traballo de asesoramento que realiza?

As visitas son semanais. En reprodución revisamos todas as vacas desde o parto ata que están listas para volver ciclar. Despois, a partir duns 120 días, valoramos o seu estado para a inseminación, moitas veces mediante sincronización.

Así mesmo, facemos diagnósticos de xestación a partir dos 23 días e confirmámolos posteriormente. Aos 60 días realizamos o sexado das xestacións. Ademais, revisamos as vacas próximas ao secado e calquera incidencia que poida xurdir.

Aínda que a visita sexa de reprodución, tamén falamos de alimentación, do estado xeral dos animais ou de calquera problema que poida haber. O feito de estar cada semana permite detectar incidencias con rapidez, algo clave nunha explotación deste tamaño.

Que destacaría do manexo reprodutivo en O Rubio?

Son moi constantes. Seguen os protocolos de forma moi rigorosa e iso é fundamental. Ademais, están apostando forte pola mellora xenética mediante a transferencia de embrións, o que lles permite avanzar máis rápido en calidade do rabaño. Tamén utilizan seme sexado nos animais de maior valor e carne nos demais, algo moi ben formulado.

En canto á alimentación, como están formuladas as racións?

A base da ración en vacas en produción é penso, silo de herba e silo de millo. Buscamos que inxiran arredor de 25 quilos de materia seca ao día, axustando en función da calidade das forraxes. As vacas secas teñen unha ración máis baseada en herba seca, con algo de millo e penso, intentando aproveitar ao máximo os recursos propios. En xovencas, a alimentación vai cambiando segundo a idade e o desenvolvemento, adaptándose tamén ao espazo dispoñible.

Que papel xoga o asesoramento en forraxes?

É clave. Canto mellor sexa a calidade da materia prima, máis doado é formular racións equilibradas e obter bos resultados produtivos. Se o corte non se fai no momento óptimo, a dixestibilidade e o valor nutritivo baixan, e iso repercute directamente na produción.

Para terminar, cales diría que son os puntos fortes desta gandería?

En reprodución, sen dúbida, a constancia no traballo e o cumprimento dos protocolos; en alimentación, o coidado pola calidade das forraxes. É unha explotación que presta atención a eses detalles e iso nótase nos resultados.

Un terceiro muxido compatible coa xornada continua

En Ganadería O Rubio moxen as súas frisonas cunha sala traseira de 16x2, con 32 puntos totais, o que lles permite un muxido áxil: “En apenas unha hora e media, ou algo menos, están todos os animais muxidos”, explica Iván.

A rutina baséase nun muxido limpo, rápido e práctico, que realizan dúas persoas para evitar o sobremuxido, lograr unha estimulación correcta e manter o tempo adecuado entre o despuntado, o secado e a colocación.

A mediados de xaneiro deron o paso ao terceiro muxido, unha decisión que levaban tempo valorando. “Foi un cambio baseado fundamentalmente en buscar a comodidade do persoal e dos animais”, sinala Iván. Moxen ás cinco da mañá, ás doce do mediodía e ás oito da tarde.

A produción subiu arredor de cinco litros por vaca. Antes tiñan dous muxidos con intervalos desiguais, un de trece horas e outro de once, o que provocaba moito goteo e leite nas camas pola mañá. “En saúde de ubre foi onde máis notamos a mellora. Baixamos bastante as células somáticas e reducíronse as mamites clínicas, os problemas de ubre e de ligamento”, apunta.

O secado selectivo aplícase desde antes de que fose obrigatorio. “Tivemos un brote de mamites en secado hai preto de dez anos e, a partir de aí, implantamos o secado selectivo porque nos daba mellores resultados que secar todos os animais con antibiótico”, detalla. Utilizan o control leiteiro e o rexistro de mamites clínicas para decidir que animais tratar.


“Co terceiro muxido buscamos a comodidade do persoal e dos animais”

Coidar o equipo humano

Un dos aspectos que Iván subliña con máis claridade é a xestión do equipo humano. A granxa conta con sete empregados. Cinco encárganse do muxido, organizados en dúas quendas de xornada continua; outro traballador atende tarefas xerais como recría e camas, e outro dedícase principalmente á maquinaria. O seu pai, David, leva o control da agricultura, a alimentación e os carros e, mentres, Iván comeza a asumir a xestión do rabaño.

A implantación do terceiro muxido pensouse tamén para mellorar a organización laboral. “Fixémolo buscando non só aumentar produción, que é o menos importante de todo, senón a comodidade dos animais e tamén da xente que traballa aquí”, apunta Iván. “Queriamos implementar a xornada continua e ofrecer un posto máis atractivo”.

O seu obxectivo é a estabilidade: “Temos unha mestura entre xente que leva moitos anos connosco e xente que empezou recentemente. Buscamos que permanezan o maior número de anos posible connosco, porque somos unha pequena empresa e non podemos estar todo o tempo formando persoal novo. Temos que coidar o que temos”.

Para Iván, este será un dos grandes retos do futuro. “O mellor gandeiro non vai ser só o que máis ou máis barato produza, senón quen mellor xestione o seu persoal e o seu equipo humano”, valora.


“O mellor gandeiro non vai ser só o que máis ou máis barato produza, senón quen mellor xestione o seu persoal e o seu equipo humano”

Baixada no prezo do leite

Despois duns trinta anos vendendo a Leche Celta, a gandería, unida a un grupo de produtores da Cooperativa Xallas, cambiou de industria láctea e hoxe véndenlle toda a súa produción a Reny Picot.

O prezo actual recentemente acordado sitúase arredor dos 0,4550 euros por litro, máis calidades e IVE. Segundo explica David, “o mercado móvese máis ou menos aí, uns céntimos por abaixo ou por arriba”. Porén, recoñece que esta baixada xera preocupación nun contexto de custos elevados: “Non digo que o prezo que tiñamos antes fose excesivo, pero agora, co que subiron os combustibles, os fitosanitarios e co que intentan subir tamén os pensos, creo que está bastante por debaixo do que deberiamos cobrar”.

Vocación familiar polo sector primario

A historia de O Rubio non se entende sen o peso da familia e dunha forma de traballar que se foi transmitindo de xeración en xeración. Gandería e maquinaria camiñaron en paralelo durante décadas. O pai de David, José Antonio, foi quen puxo en marcha Maquinaria Agrícola O Rubio —hoxe máis vinculada ao irmán de David, tamén chamado José Antonio— e quen impulsou, ao mesmo tempo, a explotación leiteira.

“O taller empezou cando eu nacín, no ano 80”, lembra David. Primeiro foi un pequeno negocio de reparación, ao que despois se sumou a venda de maquinaria de segunda man procedente de Castela e León e, máis tarde, a importación desde Alemaña e Inglaterra. Ambas as actividades creceron apoiándose mutuamente. “A medida que iamos medrando nun dos negocios, investiamos no outro e así”, explica.

Tamén houbo unha etapa marcada pola compra-venda de gando. O pai de David comercializaba vacas procedentes de Cantabria e Asturias. “Cada semana vendía un camión e sempre quedaban unha ou dúas por aquí, porque a alguén non lle gustaban ou tiñan algún problema. Así fomos aumentando en número o noso rabaño”, lembra. Mesmo chegaron a importar animais directamente desde Alemaña, sen intermediarios, a mediados dos anos noventa.

Hoxe ambas as liñas de negocio funcionan de maneira independente, aínda que seguen estreitamente ligadas. “Na familia temos vocación de sector primario”, resume Iván. “Ganadería O Rubio e Maquinaria Agrícola O Rubio son dúas empresas que agora funcionan por separado, pero colaboramos en moitos asuntos e compartimos unha mesma filosofía”.

Malia a incerteza do mercado e ao contexto de custos á alza, en O Rubio teñen claro que seguirán avanzando, como fixeron sempre, guiados case por unha inercia herdada: adaptándose aos cambios, diversificando cando foi necesario e confiando no traballo constante como base para asegurar o seu futuro.


“A resiliencia é aprender a convivir cos cambios e con iso estamos acostumados a lidar”

Medrar con control e ciclo pechado

Os plans inmediatos de O Rubio pasan pola incorporación de Iván, pola mellora de instalacións e por un crecemento moderado. Neste sentido, están xa rematando de construír unha nova fosa de xurro, que lles achegará máis capacidade para aumentar sen problemas o número de vacas en muxido.

“Queremos medrar como ata agora, sendo o máis sostibles posible, producindo toda a forraxe que consumimos e pechando todo o ciclo dentro da propia granxa”, conclúe Iván.

Entre os retos que ve no horizonte, cita as enfermidades emerxentes, as esixencias da lexislación, a xestión do persoal e os incertos conflitos globais que xa estamos vivindo. “As enfermidades chegaron para quedar. Se non é a hemorráxica ou a dermatose, será outra, porque os vectores están cambiando de zona e tocaranos vivir con elas e aprender a adaptarnos”, afirma.

Esa capacidade de adaptación define o sector lácteo. “A resiliencia é aprender a convivir cos cambios e con iso estamos acostumados a lidar”, sinala. En Ganadería O Rubio afrontan o futuro desde os mesmos piares que os trouxeron ata aquí: mellora xenética, traballo familiar, coidado do equipo humano, benestar animal e unha paixón polas vacas que este ano os levou ao máis alto do podio das pistas galegas.