EDITORIAL

Contra o racismo

Contra o racismo

O titular deste editorial ten poucos adornos, porque hai liñas vermellas ante as que non cabe andarse con panos quentes. O racismo e a xenofobia son dúas delas.

Todos os que asinamos esta revista somos galegos e, se algo lle resulta familiar ao noso pobo, é o drama da emigración que sufriron os nosos pais e avós. Sabemos que non somos os únicos: tamén o viviron asturianos, cántabros, leoneses, canarios, andaluces... familias que se separaban na procura dunha vida mellor, aínda que o futuro fose incerto. Por iso, abóndanos un pouco de memoria e humanidade para entender que quen hoxe chega ao noso país, fuxindo da guerra, da fame ou da miseria —con papeis ou sen eles, si—, non o fai en condicións moi distintas.

Porén, nos últimos tempos proliferan mensaxes de odio que poñen no punto de mira ás persoas migrantes. Non a todas, claro: semellan decisivos a cor da pel, o diñeiro ou a orixe xeográfica (ese sur global determínao todo, non si?). Primeiro, son acusados de vir delinquir; logo, de querer arrebatarnos o traballo. Pero cantos de nós rifamos por un posto na construción, na hostalería durante os festivos ou no coidado de persoas maiores, os máis habituais para este segmento de poboación? Non moitos, dende logo.

Nun país onde se leva anos alertando da falta de remuda en traballos duros ou pouco atractivos, custa crer que aínda haxa quen manteña que alguén cruza medio mundo, confiando a súa vida a mafias, subido nun caiuco e/ou deixando atrás todo o que coñece, co propósito de quitarnos ese tipo de empregos que agora resulta que tanto anhelamos. Se unha persoa que chega sen rede de apoio, sen dominar o idioma e con recursos limitados consegue acceder a un traballo nestes sectores antes ca nós, ó mellor temos que preguntarnos polas nosas propias ganas de traballar.

Aínda así, os discursos persisten: veñen vivir do conto, din, pero tamén quitarnos o que é noso. Algúns alentan cacerías bárbaras que ameazan con romper a boa convivencia nas nosas vilas e hai quen mesmo se gaba ante os medios de comunicación da súa intención de expulsalos a todos —a 8 millóns de persoas, aí é nada—, rindo da intelixencia de quen os escoita, por certo, coma se non soubésemos que tal acción é ilegal segundo o Convenio Europeo de Dereitos Humanos e a Carta de Dereitos Fundamentais da UE, ambos firmemente subscritos por España.

E máis aló da legalidade, de verdade poderiámonolo permitir? Este sector en concreto, dificilmente. O primario é, xunto co dos coidados, un dos eidos que máis depende da man de obra estranxeira. Unha deportación masiva sería directamente unha ruína. Hai expertos que o definen como un “suicidio económico”.

Deixando o aspecto práctico a un lado, gustaríanos pedirvos que non deixedes que estes discursos baratos vos calen e que o odio vos envelene. Sodes mellores ca iso: tedes a capacidade de observar a realidade con criterio propio. E se aínda tedes dúbidas sobre a mala fe que agochan estas mensaxes, convidámosvos a revisar con máis detalle esta edición de Vaca Pinta, na que, ademais do contido técnico habitual, incluímos pezas que abordan o papel clave dos traballadores migrantes neste sector.

E si, somos conscientes do choque cultural ao que nos enfrontamos debido ao aumento da multiculturalidade no noso país, pero nin podemos nin debemos combatelo con violencia e odio inxustificado.

Ben se sabe que vimos igual que marchamos: sós e sen nada. O nacemento e a morte igualan a todos, e iso non podemos cambialo. O que si está nas nosas mans é como vivimos o tempo que hai entre medias. Tivemos o privilexio de nacer nun momento determinado da historia no que no noso país xa se acadaran grandes conquistas en materia de dereitos e liberdades, no que España xa non é unha rexión de saída, senón de acollida. Usar ese privilexio para axudar a construír un mundo máis xusto para quen tivo menos sorte é a mellor forma de honrar os que loitaron polo que nós desfrutamos e de asegurarnos de que os que veñan detrás de nós o farán en condicións aínda mellores que as nosas.