A VOZ DO TÉCNICO

Claves para afrontar a campaña de millo forraxeiro 2026

Claves para afrontar a campaña de millo forraxeiro 2026
Un ano máis, a sementeira do millo forraxeiro volve estar marcada pola meteoroloxía, a evolución normativa e a necesidade de optimizar cada decisión agronómica. Como vén sendo habitual, para preparar a campaña do mellor xeito posible neste especial contamos coa colaboración dunha vintena de técnicos de empresas do sector que analizan os principais retos do cultivo. Antes de dar paso ás súas declaracións, resumimos nesta infografía algunhas das recomendacións que nos deixaron. Máis en Vaca Pinta 58.

MILLO

Marcos García – Bayer 

As principais variables que nos afectan á elección do híbrido para a súa implantación son a data e a altitude. A partir de aí, a densidade, o marco de sementeira e a profundidade deben adaptarse a cada explotación en función das súas necesidades de alimento, da presenza doutros cultivos e do tipo de solo. O exceso de chuvias dos últimos meses está provocando un atraso xeral nos labores agrícolas e, previsiblemente, tamén nas sementeiras, polo que conviría adaptar a elección do ciclo a esa circunstancia. En calquera caso, habería que resolver as problemáticas de cada explotación de forma personalizada.

A estratexia de ciclos tamén depende de cada gandería: hai casos nos que pode encaixar un único ciclo, mentres que, noutros, pola diversidade de parcelas ou pola coexistencia con praderías, pode ser máis axeitado recorrer a dous ciclos ou a variedades distintas segundo a zona e o número de colleitas previsto.

Se se busca rendemento leiteiro, hoxe considérase prioritario seleccionar variedades con boa sanidade vexetal e foliar fronte a fungos, seguido dun bo stay green e unha elevada dixestibilidade. Despois, entrarían parámetros como amidón, produción, vigor de nacenza ou resistencia á caída. Tamén resulta clave avanzar en uniformidade de sementeira e en novas xenéticas con máis calidade, raíces profundas, tolerancia á seca ou sistemas de baixa estatura.

 

Fernando Núñez - Caussade Semillas

A planificación da sementeira debería partir do cultivo precedente e da ventá real dispoñible, sempre condicionada pola meteoroloxía. Non se trataría só de adiantar datas, senón de sementar en boas condicións. A densidade de sementeira debe axustarse ao tipo de solo, a variedade e o clima, e a anchura entre liñas tamén se considera un factor determinante. A profundidade virá marcada pola humidade do solo: a maior humidade, menor profundidade, e viceversa. Para a preparación do terreo, independentemente do sistema de manexo, convén asegurar unha liña de sementeira ben estruturada e homoxénea, xa que unha emerxencia regular resulta clave para evitar competencia entre plantas.

Tras períodos moi chuviosos, sería fundamental agardar a que o solo recupere boas condicións, porque traballalo con exceso de humidade pode arrastrar problemas durante todo o ciclo. Debemos evitar sementar en zonas encharcadas ou con risco de compactación, xa que adoita resultar máis rendible atrasar uns días a sementeira que adiantala e penalizar a nacenza. A elección do ciclo deberá adecuarse á data real de sementeira, á zona e á data de recolección prevista.

Para un bo rendemento, interesa equilibrar sanidade, rusticidade, dixestibilidade da fibra, contido de materia seca, verdor ao final de ciclo e amidón. Tamén considero decisivos a data de sementeira, a fertilización, a variedade, o control de pragas e o momento de colleita.

 

Pedro Calvo – KWS 

A data de sementeira debería vir marcada pola temperatura do solo a 5 centímetros de profundidade, situándose por enriba dos 10 graos. Como referencia, proponse unha densidade de 85.000 plantas por hectárea e unha profundidade de sementeira de entre 4 e 6 centímetros, segundo a humidade do terreo. Nun ano condicionado polo exceso de chuvias, conviría reformular a planificación, xa que o millo é un cultivo sensible á compactación e aos solos fríos. Habería que atrasar a sementeira cando se observen encharcamentos visibles, compactación marcada, costras superficiais ou unha combinación de humidade excesiva e solo frío. Debemos sementar co solo en tempero, con boa estrutura e aireación, e sendo posible formar un suco limpo e estable.

A elección do ciclo resulta fundamental e debe axustarse á data real de sementeira. Nas zonas nas que traballo habitualmente predominan os ciclos 400 e 350, aínda que esta elección varía moito dunhas áreas a outras.

Considero clave fixarse nun contido de amidón do 32 ao 38 %, nunha alta dixestibilidade, nun bo stay green, no vigor inicial e na sanidade de planta. Para acadar unha produción rendible, considéranse determinantes a estrutura e a drenaxe do solo, a uniformidade de nacenza, a fertilización, o control temperán de malas herbas, o momento de colleita e a elección dun híbrido axeitado.

 

Fernando Garrachón – Lidea 

Debemos elixir unha densidade de sementeira axeitada segundo o destino final da colleita, o híbrido e o potencial da parcela. O obxectivo debe ser conseguir unha nacenza homoxénea, coidando especialmente a profundidade de sementeira, así como a humidade e a temperatura do solo, sen esquecer a importancia de manter unha velocidade de avance correcta. Tamén resulta fundamental revisar o estado das pezas de desgaste da sementadora, xa que o seu bo mantemento facilita unha implantación uniforme e de calidade.

Tras as chuvias continuas dos últimos meses, puxéronse de manifesto problemas de infiltración nalgunhas parcelas, polo que conviría evitar traballar o solo cando estea húmido.

Nesas condicións, os labores agravarían fallos estruturais xa existentes e aumentarían a compactación en profundidade. Esa compactación prexudica a estrutura do solo, dificulta o bo contacto entre semente e terra, limita o desenvolvemento radicular e compromete o cultivo desde o inicio.

A elección do ciclo debe adaptarse ás necesidades produtivas, á zona e á data real de sementeira, e pode resultar interesante, en moitos casos, adiantar a sementeira e optar por híbridos algo menos precoces, polo seu maior potencial.

Para lograr rendibilidade na produción leiteira, habería que maximizar os litros de leite por hectárea mediante variedades estables, con boa agronomía, alta produción de materia seca e excelentes parámetros nutricionais, especialmente UFL, dixestibilidade de fibra e amidón..

 

Gustavo García – Limagrain 

Para que o cultivo arrinque con bo pé resulta fundamental lograr unha implantación rápida e homoxénea. Iso esixe sementar cunha temperatura de solo axeitada (mínimo 8-10 °C) e asegurar unha profundidade uniforme, axustada á humidade da parcela. Tras un inverno tan chuvioso, é probable que moitas fincas presenten un exceso de compactación, polo que se considera moi importante realizar un bo labor de subsolado para favorecer a aireación do solo e a correcta circulación da auga. Tamén conviría revisar con atención a fertilización, xa que as chuvias poden ter provocado lixiviacións e, en consecuencia, carencias nutricionais se non se corrixen os elementos perdidos.

Á hora de elixir ciclos, a recomendación depende moito da data real de sementeira e da zona, aínda que non se aconsella alongar en exceso os ciclos. Un ciclo longo que non se chegue a completar ben pode dar menos litros de leite que outro máis curto que si o cumpra, ademais de aumentar o risco na colleita. Hoxe existen ciclos medios e curtos moi produtivos e con excelente calidade. Non deberiamos atender só a revisar a tonelada en verde, senón os litros de leite por hectárea e por tonelada de materia seca.

Por iso, interesa priorizar híbridos con boa dixestibilidade de fibra, sanidade e adaptación á zona, xunto cunha correcta sementeira, fertilización e control de pragas e malas herbas. 

 

Vanesa Castro - Mas Seeds 

Ademais de axustarnos ás condicións de cada parcela, convén decidir a data de sementeira cando a temperatura do terreo supere os 10 °C e a previsión a dez días sexa favorable. Tamén a densidade debe entenderse como un intervalo adaptable segundo a xenética do híbrido, a data de sementeira, os riscos climáticos e o tipo de solo: en terreos lixeiros poden encaixar densidades medias-altas, mentres que nos pesados recoméndanse máis moderadas. A profundidade, pola súa parte, debería situarse entre 3 e 5 centímetros, algo máis profunda en solos lixeiros e máis superficial nos pesados, sempre buscando un bo contacto entre semente e solo para favorecer unha emerxencia uniforme.

Nesta campaña, a estrutura física do solo e o seu estado real de humidade son os que marcarán se é momento de sementar ou se convén agardar. Traballar con brillo acuoso, pegadas marcadas ou estrutura colapsada penaliza a emerxencia e a uniformidade de plantas, e compactar en primavera condiciona o desenvolvemento radicular durante todo o ciclo.

Por iso, recoméndase agardar ao oreo e reducir pases na medida do posible. Se a ventá de sementeira está moi definida, pode optarse por un só ciclo; no caso contrario, diversificar con dous ou máis axuda a reducir risco climático e a ordenar o picado.

Para a produción leiteira interesan híbridos con alto amidón, fibra dixestible, boa persistencia foliar, arranque rápido e sanidade estable.

 

Tomás Pérez – Oleokelsa 

En millo forraxeiro, a data de sementeira adoita vir marcada polas condicións climáticas e, en moitas ganderías, pola realización dun ou dous cortes de raigrás. A partir de aí, a densidade adquire un papel relevante, especialmente tendo en conta que nos últimos anos se desenvolveron variedades capaces de admitir incrementos de sementeira sen penalizar a calidade do silo. Nalgunhas variedades, incluso aumentando arredor dun 20 % a densidade, pode acadarse un 62 % de grao no silo, co conseguinte aumento de amidón e sen perda de dixestibilidade.

Co exceso de chuvias dos últimos meses, insístese en que precipitarse nos labores conduce ao fracaso. Traballar sobre solos compactados, mal drenados ou en malas condicións de humidade adoita traducirse nunha menor colleita de millo. Por iso, unha das operacións máis relevantes é a tarefa de implantar o cultivo. En canto aos ciclos, conviría empregar tantos como etapas de sementeira se realicen, sempre que se pretenda concentrar a recolección nunha soa data.

Todos os parámetros contan para obter bos rendementos, pero, sobre todo, o seu equilibrio: o amidón aporta forza e calidade, aínda que sen unha boa dixestibilidade o silo perde valor. Tamén resultan determinantes a regularidade de nacenza, o vigor, o enchido de mazaroca, a maduración do grao e a sanidade ao final do ciclo.

 

David Castellanos - RAGT 

Antes de sementar, convén ter claro o destino da produción, xa sexa silo, gran ou pastone, porque esa decisión condiciona a elección de parcelas, ciclo e variedade. A partir de aí, o recomendable é fixar unha data estimada de recolección e, en función da data real de sementeira, axustar o ciclo e a variedade. A densidade debe adaptarse á fertilidade da parcela, ao ciclo do híbrido e ao destino final, xa que pode influír en aspectos cualitativos como o amidón ou a dixestibilidade da fibra. Tamén a profundidade ten que regularse segundo a humidade do terreo e a previsión de choivas posteriores.

Despois de meses de exceso de humidade, cobra especial importancia a preparación do solo. En parcelas máis húmidas ou con peor drenaxe, interesa mellorar a infiltración en profundidade. Tamén se valora positivamente o uso de cubertas en rotación con millo para mellorar a estrutura, aumentar a materia orgánica e limitar a erosión. Ademais, é previsible que aumenten os problemas con adventicias, polo que pode resultar recomendable un tratamento en preemerxencia se as condicións o permiten.

Para lograr rendibilidade, considérase esencial unha boa planificación de tarefas, da fertilización, da maquinaria e da xestión integrada de pragas, sempre con apoio en datos. Nun contexto de variabilidade climática, o coidado do solo sitúase como a base para manter produción e calidade.

 

Óscar Lanzaco – Rocalba

A temperatura media do solo debería marcar o momento da sementeira: entre 10-12 °C durante tres días consecutivos. Aínda así, hai híbridos con maior vigor de partida, mesmo con temperaturas baixas, o que permite ampliar a xanela de sementeira. Tamén habería que ter en conta se xa se recolleu o cultivo precedente e se a terra presenta un tempero axeitado. En zonas con forte incidencia de paxaros, atrasar a data óptima pode axudar a reducir danos. A densidade debe axustarse á recomendación de cada variedade, segundo a súa arquitectura e o seu potencial de rendemento, e a preparación do leito debe facerse con antelación suficiente para asegurar un bo contacto solo-semente.

Este ano parece necesaria unha labor de desfonde para facilitar a drenaxe, salvo en sementeira directa sobre solos moi ben estruturados. Ademais, conviría corrixir a fertilización de fondo ante a lixiviación de nutrientes. En canto aos ciclos, considérase recomendable alongalos, aínda que a decisión dependerá da latitude, a altitude, a distancia á costa e a data de colleita do cultivo anterior.

En ganderías leiteiras, interesa maximizar o amidón e a dixestibilidade da fibra, ademais de ensilar no momento óptimo, cun 32-35 % de materia seca. Tamén resultan claves o stay green, a sanidade foliar, a homoxeneidade de implantación, o control temperán de ad-venticias e unha elección varietal contrastada na zona.

 

David Millán e Jesús Fernández – Syngenta 

A valoración conxunta dos factores que condicionan a implantación do millo é básica. A data de sementeira, por exemplo, debería decidirse cando o solo alcance uns 10 ºC a 5 centímetros de profundidade, con humidade suficiente para garantir unha emerxencia homoxénea e sen risco elevado de xeadas tardías. O tipo de solo tamén inflúe: os máis pesados obrigan a atrasar a sementeira, mentres que os lixeiros permiten adiantala, ao quentarse antes aínda que perdan humidade con maior rapidez. Esa mesma combinación de solo e humidade condiciona a preparación do leito, polo que ás veces resulta máis acertado esperar ca entrar na parcela de forma precipitada.

Por enriba de todo, a implantación debe responder ao destino final da colleita, xa sexa silo, pastone ou gran, e á organización da gandería. Se a sementeira se atrasa, o lóxico é acurtar e graduar ciclos en función da superficie e do calendario de colleita. En parcelas con asolagamentos, costras ou coloracións indicativas de falta de aireación, convén esperar e, se é necesario, actuar sobre a drenaxe.

Para acadar unha produción rendible, considéranse claves un ciclo adaptado, unha nacenza homoxénea, unha correcta atención á auga e á fertilización, o seguimento continuo do cultivo e, sobre todo, a elección do momento óptimo de picado, buscando o mellor equilibrio entre materia seca, enerxía e dixestibilidade.

 

Ana María Calmarza - Procase Semillas

As condicións do solo marcan boa parte das decisións de implantación. En terreos franco-areosos e ben drenados pode encaixar unha sementeira a finais de abril ou a primeiros de maio, con densidades ao redor das 80.000 plantas por hectárea, profundidades de 4-5 cm e mínimo laboreo. En solos máis pesados ou limosos convén atrasar a sementeira cara á metade de maio, aumentar a densidade e reducir a profundidade para evitar problemas de compactación, apoiándose ademais en labores de subsolado. Nestes casos priorízase un alto vigor inicial para lograr unha nacenza rápida. En forraxe, interesa máis a masa verde e a dixestibilidade ca o gran, polo que densidades moderadas poden favorecer unha mellor calidade de silo.

Este ano é probable ter que atrasar a sementeira uns quince días pola cantidade de choivas que houbo. Asolagamentos persistentes, terróns duros, lamas ou rodeiras profundas son sinais claros para esperar. Para non penalizar a nacenza, habería que aproveitar unha xanela seca, corrixir compactacións, achegar materia orgánica ou encalar se o pH é baixo e evitar un laboreo excesivo.

Para buscar un alto rendemento leiteiro, recoméndanse variedades con alto amidón, boa dixestibilidade da fibra, alto stay green, vigor inicial e boa sanidade. Tamén convén fixarse en ensaios comparables á zona e na consistencia de resultados durante varios anos.


ABONOS

José Manuel Sánchez – Aresa 

O deseño do plan de fertilización de millo forraxeiro debería apoiarse nunha analítica de solo completa e recente, especialmente en ganderías con uso habitual de xurros. É imprescindible o pH, pola súa influencia na dispoñibilidade de nutrientes; a materia orgánica, para estimar a mineralización de nitróxeno; o fósforo e o potasio asimilables, pola elevada extracción do cultivo e a súa posible acumulación; e tamén o calcio, o magnesio e a capacidade de intercambio catiónico, para valorar o equilibrio do solo. En determinados casos pode resultar útil unha análise de nitróxeno mineral antes da sementeira ou da cobertoira. Como criterio xeral, conviría repetir unha analítica completa cada dous ou tres anos por parcela, acurtando o intervalo en sistemas intensivos.

A clave dunha fertilización equilibrada está en achegar o que o cultivo necesita, na dose axeitada, no momento oportuno e tendo en conta tanto o solo como os xurros. Non se trata só de cubrir NPK, senón de manter relacións axeitadas entre nutrientes e evitar antagonismos. Coas choivas que tivemos, o nitróxeno vese moi afectado, con perdas por lixiviación e desnitrificación, aínda que tamén poden verse comprometidos xofre ou boro.

Nestas circunstancias, aconséllase fraccionar máis o nitróxeno, revisar a achega real dos xurros e adaptar a estratexia segundo o estado do cultivo. Para 2026, ademais, será esencial traballar con plan de fertilización, rexistro de aplicacións e trazabilidade técnica.

 

Iago Domínguez – Galical  

Para unha boa fertilización do millo forraxeiro, considérase fundamental partir dunha analítica de fertilidade do solo, prestando atención á saturación por aluminio, ao tratarse dun dos problemas máis graves en terreos ácidos. Nese sentido, o control do pH sitúase como unha cuestión de base, porque un solo ácido bloquea nutrientes e pode acabar traducíndose nunha mala colleita. A idea debe ser axustar coa maior exactitude posible a achega de nutrientes para que o cultivo se desenvolva de forma eficiente.

O exceso de choivas tamén obriga a ter en conta unha realidade moi habitual en Galicia, como é o forte lavado dos solos, que favorece a súa acidificación e condiciona o aproveitamento da fertilización. Ante esta situación, unha das recomendacións é recorrer á rotación de cultivos, implantando no inverno gramíneas ou leguminosas. Neste contexto, a corrección da acidez mediante achegas de calcio e magnesio formúlase como unha ferramenta relevante dentro da estratexia de fertilización, tamén en sistemas de produción ecolóxica.

En canto á fertilización de precisión, é destacable a importancia de dispoñer de maquinaria capaz de asegurar un reparto uniforme do produto. Para controlar as doses e a área encalada, pódense usar GPS, que axustan mellor as aplicacións e logran unha distribución máis homoxénea sobre a superficie tratada.

 

Catalina López – Fertinagro 

Á hora de planificar unha fertilización útil en millo forraxeiro, resulta imprescindible partir de analíticas de solo completas cada dous ou tres anos, ás que pode engadirse información metaxenómica para coñecer mellor a poboación microbiana presente. O equilibrio nutricional debe basearse no coñecemento conxunto das necesidades do cultivo e das características reais do solo, evitando excesos e axustando mellor as achegas mediante produtos tecnolóxicos e bioestimulantes.

Nun contexto de inclemencias climáticas como o actual, o exceso de choivas pode provocar lixiviación, desnitrificación, erosión e bloqueo de nutrientes, de modo que a estratexia de fertilización debería adaptarse a esas circunstancias. Nese sentido, recoméndase recorrer a fertilizacións tecnolóxicas, como inhibidores de nitróxeno ou protectores de fósforo, para mellorar a eficiencia do abonado e reducir perdas. Tamén se considera útil o emprego de bioestimulantes para axudar ao cultivo a afrontar o estrés abiótico, así como potenciar a flora microbiana do solo co fin de favorecer a solubilización de nutrientes e a achega de microelementos esenciais como magnesio, zinc ou boro.

De cara a esta campaña, a fertilización está cada vez máis condicionada pola redución de unidades fertilizantes e da pegada de carbono, polo que convirá aproveitar mellor recursos propios como os xurros e avanzar cara a unha fertilización de precisión tanto en maquinaria coma en produto.

 

Alexandre Paz  Fertiberia Tech 

Nas explotacións de vacún de leite de Galicia e da cornixa cantábrica, onde predominan as rotacións de herba e millo forraxeiro, a analítica de solo considérase a base para planificar unha fertilización eficiente. Como determinacións mínimas, habería que contar con pH, materia orgánica, fósforo, potasio e magnesio, xa que estes parámetros permiten coñecer a fertilidade real do solo e axustar as necesidades do cultivo. En explotacións con achegas frecuentes de xurro, recoméndase repetir estas analíticas cada tres ou catro anos, aínda que en parcelas con alta carga orgánica ou cambios de manexo pode ser conveniente revisalas antes.

Para lograr unha fertilización equilibrada resulta esencial ter en conta tanto a achega dos xurros como o rendemento produtivo esperado do millo. Nestas zonas, o xurro de vacún achega cantidades importantes de nitróxeno, fósforo e potasio, polo que a fertilización mineral debería formularse como complemento. Tamén se destaca a importancia de manter o pH do solo arredor de 6-6,5 mediante encalado, para mellorar a dispoñibilidade de nutrientes e favorecer o desenvolvemento radicular.

O exceso de choivas este ano pode provocar lixiviación de nitratos, perdas de nitróxeno, menor dispoñibilidade doutros nutrientes e acidificación do solo, polo que convén dar prioridade a fertilizantes con nutrientes protexidos, vixiar o pH e fraccionar as aplicacións. De cara a esta campaña, considero clave dispoñer dun plan de fertilización, rexistrar as aplicacións e apoiarse en análises de solo e xurro, así como avanzar en fertilización de precisión mediante mapas de solo e dose variable.

 

Alberto Quiñoy  Soaga 

As analíticas de solo son fundamentais para realizar unha fertilización sostible e eficiente do millo forraxeiro. En Galicia, polas características dos solos, resulta especialmente importante coñecer o pH, xa que a acidez pode facer perder potencial produtivo ao cultivo. Tamén convén analizar a materia orgánica, posto que, aínda que adoita ser abundante, a miúdo está pouco descomposta e iso condiciona a fertilidade potencial do solo. Xunto a isto, considéranse imprescindibles o fósforo, polo seu papel no desenvolvemento radicular e pola súa escasa dispoñibilidade en solos ácidos, o nitróxeno, debido ás elevadas necesidades do millo ao longo de todo o seu ciclo, e o zinc, un microelemento clave no desenvolvemento radicular, a floración e a formación do gran. Estas analíticas deberían repetirse cada catro anos.

Para axustar ben a fertilización, habería que partir da análise de solo, coñecer o potencial produtivo real da parcela e dispoñer dunha análise do xurro que permita valorar os recursos propios da explotación e as cantidades a aplicar. A partir de aí, a fertilización mineral debería complementar esas achegas, cubrir as extraccións do cultivo e reducir perdas de nutrientes.

Tras meses de choivas intensas, o nitróxeno é o nutriente máis sensible ao lavado, polo que convén prestar especial atención á súa reposición mediante fontes eficientes e protexidas. Ademais, a fertilización de precisión apoiada en GPS e mapeo de produción permitirá axustar mellor as doses e optimizar o abonado.

 

MILLO E ABONOS 

Laura Vázquez – Delagro

MILLO  
ABONOS  

Para o cultivo de millo debemos adaptarnos ao tipo de solo e ao destino final da produción. En solos pesados convén agardar a que o terreo presente unha boa estrutura e evitar traballar con exceso de humidade. A profundidade de sementeira adoita situarse entre 4 e 6 centímetros, mentres que a densidade debe axustarse ao potencial produtivo de cada parcela e ao obxectivo perseguido. Nun ano marcado polo exceso de choivas, é importante valorar o estado de cada finca antes de sementar. Se hai compactación, falta de estrutura ou demasiada humidade, o mellor é atrasar a sementeira.

A estratexia de ciclos tamén debe axustarse á data de sementeira e ás condicións de cada zona. En campañas con maior incerteza climática pode ser interesante combinar ciclos para repartir riscos e asegurar a produción. As melloras en xenética vexetal están achegando variedades máis tolerantes ao estrés hídrico e ás altas temperaturas, mentres que as ferramentas de monitorización e o uso de bioestimulantes axudan a optimizar o manexo. Ante a falta de ensaios oficiais, convén fixarse en resultados obtidos en condicións similares ás de cada gandería e valorar varios parámetros, non só a produción, apoiándose ademais no asesoramento técnico e na experiencia de campo.

En fertilización, considérase fundamental partir dunha análise de solo que inclúa pH, materia orgánica, niveis de nutrientes, porcentaxe de saturación de aluminio e textura. En ganderías leiteiras, estas analíticas deberían repetirse cada tres ou catro anos para axustar mellor o plan de fertilización. A clave dunha fertilización equilibrada está en adaptala ás necesidades reais do cultivo, tendo tamén en conta a achega de fertilizantes orgánicos coma o xurro, cuxo contido en nutrientes convén coñecer mediante análises. Como consecuencia das choivas deste ano, poden producirse perdas de nutrientes por lixiviación, especialmente de nitróxeno e potasio, polo que se recomenda axustar doses, fraccionar aplicacións e mellorar a estrutura do solo con materia orgánica e un bo manexo.

De cara a esta campaña, a normativa pon o foco no plan de fertilización, o rexistro de aplicacións e o respecto aos períodos de restrición, de modo que convén planificar ben cada intervención e axustar as doses ao plan establecido.


FITOSANITARIOS

Rodrigo Ardura - Timac Agro 

O punto de partida para deseñar un plan de fertilización útil en millo forraxeiro debe ser coñecer ben a situación inicial do solo. Para iso, son claves parámetros coma o pH, a saturación por aluminio, a dispoñibilidade de fósforo, potasio e magnesio, así coma a porcentaxe de materia orgánica. A partir desa base, e unha vez definida a dose necesaria en función do rendemento esperado, a forma máis eficaz de fertilizar pasa por empregar fertilizantes capaces de liberar os nutrientes de acordo coa demanda da planta en cada momento.

Aínda que o solo galego está afeito aos excesos de precipitación, as choivas provocan un lavado de bases que remata favorecendo a acidificación. Ante esa situación, apúntase á aplicación de emendas calcarias de orixe orgánica como a mellor solución grazas á súa rapidez de actuación. No tocante á campaña de fertilización deste ano, a día de hoxe non entrou en vigor a norma que esixe cubrir un caderno de campo ou un plan de fertilización, se ben se considera recomendable traballar cunha planificación adaptada a cada situación.

A fertilización variable valórase especialmente coma un avance importante en sostibilidade sen diminución do rendemento, diferenciándose da fertilización localizada, á que non se lle atribúen vantaxes fronte á aplicación tradicional arbitraria do fertilizante.

 

Iván Heras – BASF 

A redución de materias activas dispoñibles é un reto para o cultivo que nos ocupa, unida ao aumento de esixencias reguladoras e á necesidade de xestionar ben as ferramentas que quedan para evitar resistencias. Na cornixa cantábrica, algunhas das malas herbas máis problemáticas (Cyperus, Digitaria, Setaria) contan con poucas solucións eficaces, así que é imprescindible combinar tratamentos e situalos ben para impedir que sobrevivan plantas resistentes.

Este novo marco europeo require un uso moi preciso e responsable dos fitosanitarios, buscando a máxima eficacia cun número cada vez máis limitado de opcións. Ademais, os custos tenden a medrar por requisitos reguladores e de sostibilidade cada vez máis esixentes. Nunha campaña marcada polo exceso de choivas, convén extremar a planificación das aplicacións, respectando a norma sobre distancias de seguridade e evitando tratamentos preto de cursos de auga. Aínda así, semella que se poderán realizar correctamente cando as condicións o permitan. De cara ao arranque do cultivo, é importante aplicar un herbicida de preemerxencia para previr resistencias e mellorar o control de especies problemáticas, sobre todo de folla estreita.

Nos últimos anos gañaron peso tamén os sistemas de axuda á toma de decisións, que permiten anticipar riscos e evitar tratamentos innecesarios.

 

Jesús Antonio Fariñas – Bayer 

En Galicia, unha das principais dificultades do control de malas herbas no millo é que moitas aplicacións as realizan empresas de servizos, o que pode dificultar facer dúas intervencións, unha en preemerxencia e outra en postemerxencia. Iso, unido á climatoloxía dos últimos anos, complica unha estratexia que sería moi útil para frear resistencias, convertidas xa nun problema importante. Ademais, a retirada de materias activas obriga a buscar alternativas e, en moitos casos, a recorrer a programas máis complexos e custosos para acadar unha eficacia similar á que antes se conseguía cunha soa aplicación.

Entre as alternativas formuladas, é fundamental actuar en estados temperáns das malas herbas, utilizar maquinaria de precisión nas aplicacións e reforzar a rotación de cultivos. No que respecta á situación derivada do exceso de choivas, débese ter en conta que podería ter habido importantes lavados de nitróxeno e calcio, aínda que para planificar os tratamentos fitosanitarios convén agardar a ver como evolucionan a temperatura e a humidade en época de sementeira.

Respecto das pragas, este ano haberá que vixiar especialmente o verme de arame e o verme gris. Para decidir mellor e evitar tratamentos innecesarios, resultan útiles as ferramentas de seguimento do cultivo baseadas en imaxes de satélite, xa que permiten detectar desde fases temperás posibles danos de pragas ou focos de malas herbas tras unha aplicación.

 

Marcos Fernández - FMC 

O millo para silo en Galicia afronta un panorama cada vez máis complexo no control de malas herbas e pragas, condicionado polo clima húmido, as rotacións curtas e a presión reguladora europea. Entre as adventicias máis problemáticas destacan gramíneas estivais (como Digitaria e Setaria), favorecidas por primaveras máis cálidas e pola dificultade de aplicar herbicidas de preemerxencia no momento óptimo debido ás choivas frecuentes. A isto súmase unha redución progresiva de materias activas dispoñibles, o que limita as alternativas de control químico, dificulta a rotación de modos de acción, incrementa os custos por hectárea e pode comprometer a eficacia dos programas en campañas de choivas intensas.

Tamén haberá que vixiar pragas coma a trade e, especialmente, os vermes do solo, cunha atención particular ao verme de arame. Así, a recomendación pasa por reforzar un manexo integrado máis sólido, baseado nunha planificación coidadosa das preemerxencias cando sexa posible, unha boa preparación do leito de sementeira e, se as condicións o permiten, labores lixeiros para reducir o banco de sementes.

Despois de meses chuviosos, resultará clave axustar o momento de aplicación para evitar lavados e priorizar solucións con boa persistencia en solos húmidos. Ademais, poden resultar útiles ferramentas de seguimento baseadas en trampas e boletíns de campo para afinar as decisións e a aplicación de tratamentos..

 

Marcos Expósito – Sipcam

Os desafíos no control de malas herbas e pragas no millo xiran hoxe arredor da variabilidade climática e da redución de materias activas dispoñibles. O aumento de temperaturas e os cambios no réxime de choivas poden favorecer a aparición e o desenvolvemento de novos problemas, dificultando a súa detección e un control eficaz. A isto súmase un cambio de escenario no uso de fitosanitarios: xa non serven solucións xerais, senón estratexias axustadas a cada situación, con especial importancia do asesoramento técnico, as mesturas axeitadas e o momento idóneo de aplicación.

O marco europeo empurra cara a un uso máis preciso e restritivo de fitosanitarios e fertilizantes, polo que haberá que apoiarse máis en rotacións, falsas sementeiras e xestión integrada de pragas para manter resultados. Nun ano marcado polo exceso de choivas, convén planificar a rotación cando sexa viable, seleccionar produtos en función de problemas reais e aplicar só cando as condicións climáticas sexan axeitadas, evitando usos indebidos e baixas eficacias.

Ademais, cómpre protexer o cultivo desde as súas fases iniciais, sobre todo entre a sementeira e o estadio de 6-8 follas verdadeiras, xa que aí se concentran os momentos máis críticos. Para decidir mellor e evitar tratamentos innecesarios, resultan útiles as analíticas de solo, o seguimento continuo do cultivo e a observación dos seus estados fenolóxicos e de posibles situacións de estrés.

 

Gabriel Tilve – Syngenta 

No millo cultivado en Galicia, un dos principais retos no control de malas herbas e pragas é a perda progresiva de materias activas, coa conseguinte redución de modos de acción dispoñibles. Isto favorece a aparición de resistencias en determinadas adventicias polo uso continuado das mesmas solucións e complica cada vez máis lograr un control eficaz. Ademais, en moitos casos obriga a entrar dúas veces no cultivo para manter a eficacia e evitar perdas de produción, o que incrementa os custos en fitosanitarios, maquinaria e horas de traballo.

Ante esta situación, resulta imprescindible coñecer ben a problemática concreta de cada parcela e elixir a solución máis axeitada para o momento exacto de aplicación, xa que hoxe ese axuste pode marcar a diferenza entre un control eficaz ou insuficiente. O exceso de choivas dos últimos meses engade outra dificultade: se se atrasa a sementeira de millo, especialmente en explotacións que van a dous cortes de pradeira, a preemerxencia pode complicarse ao achegarse ao verán e perderse a incorporación idónea facilitada pola choiva.

Entre as pragas que cómpre vixiar este ano destacan o verme gris, o verme de arame e a defoliadora. Para decidir mellor e evitar tratamentos innecesarios, poden axudar imaxes satelitais, drons, índices de vexetación, mapas de vigor, sensores de campo e estacións meteorolóxicas, sempre apoiados en monitorización no campo e visitas programadas.