A segunda poxa do ano de Fonterra volveu rexistrar un incremento no índice global de prezos do comercio de produtos lácteos. Nesta ocasión, aumenta un 1,5 %, ata situarse en 3.615 $/tonelada.
Neste escenario, destaca o encarecemento de varios derivados lácteos. O leite desnatado en po sobe un 2,2 %, a manteiga un 2,1 % e o leite enteiro en po un 1,0 %, acadando prezos de 2.615, 5.314 e 3.449 $/tonelada, respectivamente.
Pola contra, os queixos amosan unha lixeira corrección á baixa. O prezo do cheddar descende un 1,4 %, ata os 4.594 $/tonelada, mentres que a mozzarella rexistra unha caída máis acusada, do 2,3 %, situándose en 3.340 $/tonelada.