Zoetis organiza un curso on-line de secado selectivo para veterinarios

O curso de secado selectivo en gando vacún leiteiro creado por Zoetis, co obxectivo de promover o uso responsable de antibióticos en granxa, comezou o pasado 22 de xuño en modalidade on-line e contou coa participación de 130 alumnos. Ademais dunha parte teórica e outra con supostos prácticos, os profesionais rexistrados contaron con varios foros de debate e a posibilidade de realizar consultas a Demetrio Herrera, veterinario de recoñecida traxectoria en saúde da ubre e calidade do leite.

O módulo teórico abordou temas como a necesidade da implementación do secado selectivo e as condicións previas que debe ter a explotación. Valorado isto, expuxéronse os criterios e formas de aplicar un tratamento de secado de forma correcta, as decisións a tomar e os índices clave a monitorizar durante a súa aplicación. Por último, analizáronse os custos e a relación de riscos e beneficios do secado selectivo.

Na segunda parte do curso puxéronse en práctica os coñecementos teóricos a través de dúas propostas de casos de estudo, nos que os alumnos tiveron a posibilidade de elixir o tratamento e a súa forma de aplicación, segundo o tamaño e as condicións da granxa. Sempre co apoio de Demetrio Herrera, que argumentou cada un dos casos e resolveu todas as dúbidas.

Máis información na nota de prensa de Zoetis