A Unidade de Rumiantes de Zoetis ofreceu o pasado día 13 de maio un seminario online sobre recría de xovencas co obxectivo de proporcionar aos veterinarios e produtores de vacún leiteiro formación e información sobre diferentes estratexias.
A xornada foi impartida por Fernando Soberón, xerente rexional do noroeste para Standard Dairy Consultants, quen iniciou o encontro apuntando que “tradicionalmente, por cada vaca en muxido existía unha xovenca en fase de recría, pero na medida na que imos dispondo de máis ferramentas e somos capaces de elaborar unha planificación a longo prazo, cabe preguntarse cal é a estratexia ideal para cada explotación dependendo das súas particularidades e obxectivos”.
Soberón indica que “é preferible investir nunhas instalacións que permitan unha estancia prolongada do gando na explotación que facelo no número de animais, dado que durante os dous primeiros anos de vida, a xovenca non cubriu aínda o seu custo de estancia en granxa e a súa rendibilidade estará determinada tanto polo número de lactacións que faga como polo tempo que o animal estea en fase produtiva”.