O grupo Zendal inviste 100.000 euros na startup do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e reforza así a súa aposta pola saúde e o benestar animal. A achega de capital destinarase á cocreación de dispositivos Rumi, o sistema de localización GPS para gando que monitorea a tempo real o estado do animal e recompila toda a información nunha aplicación para que o usuario poida acceder a ela cando o necesite.
A aposta de Zendal por Innogando e polo xeolocalizador Rumi constitúe un impulso para a startup galega Innogando, destacada no Ranking das Mellores 100 Startups de España 2021, polo seu labor nos campos da tecnoloxía aplicada ao sector gandeiro e á mobilidade. Así mesmo, a maiores da achega económica, o grupo do sector biofarmacéutico tamén ofrece a súa colaboración coa súa rede de distribución para a expansión de Rumi. “O apoio a Innogando reflicte o noso compromiso coa investigación e o desenvolvemento nas áreas de saúde humana e animal, cun obxectivo final que é a mellora da calidade de vida e do benestar”, subliña o CEO de Zendal, Andrés Fernández.
Pola súa banda, o CEO de Innogando, Elio López, apunta que a boa acollida rexistrada por Rumi permitiu un crecemento rápido da compañía, que xa conta con 10 traballadores, suma vendas a nivel nacional e, co respaldo de Zendal, confía en poder dar o salto á venda internacional, “xa que neste tempo comprobamos a necesidade deste tipo de servizos e doutros nos que estamos a traballar”.