Bruno Romero, Claudia Busto, Carlos Franco e Jesús Izquierdo son catro dos veterinarios que traballan en Franco Veterinarios, unha empresa dedicada principalmente a animais de produción, aínda que tamén a cabalos e pequenos animais, en toda a comarca de Ferrol. Adaptar as condicións laborais para alcanzar unha mellor conciliación entre a súa faceta profesional e a súa vida persoal é o tema que abordamos nesta nova entrega de #YoSoyCampo by Virbac. Máis en Vaca Pinta 47.
Despois de anos desenvolvendo as súas carreiras profesionais como veterinarios, Carlos Franco e Jesús Izquierdo decidiron crear en 2021 unha sociedade limitada profesional na que teñen no cadro de persoal a tres veterinarios máis e, aínda que o seu centro está situado no municipio de Valdoviño, ofrecen os seus servizos en toda a comarca de Ferrol e incluso en zonas limítrofes.
A busca de horarios máis flexibles e que permitan unha mellor calidade de vida fixo que puxesen en marcha quendas rotatorias entre os cinco. “Traballamos de mañá ou de tarde e libramos por quendas as fins de semana. Quen traballa sábado e domingo, libra por semana dous días máis”, explica Carlos Franco. “Intentamos realizar estes horarios –engade Jesús Izquierdo– para lograr mellores condicións para nós e para facelo atractivo para aquelas persoas que se queiran incorporar”. A súa compañeira Claudia Busto asegura que así “traballamos con moitas máis ganas e os clientes están igualmente ben atendidos”.
A falta de novos profesionais que se decanten polo mundo dos animais de produción é un dos retos que afronta a gandería e este é un dos cambios que consideran fundamentais para que os veterinarios se interesen polo sector. “Eu son de capital e nunca estivera en contacto con grandes animais. Cheguei aquí por casualidade, encantoume e sigo gozando a día de hoxe”, recoñece Izquierdo, quen considera que a orixe de cada profesional non ten por que influír nas súas decisións.
UN TRABALLO MOITO MÁIS ATRACTIVO
O que si pode cambiar son as condicións de traballo e “isto evolucionou moito con respecto a hai 30 anos. Experimentamos unha evolución técnica moi importante e o día a día é moito máis atractivo e divertido”, afirma Franco. “Lembro que os veterinarios que viñan á miña casa en Asturias traballaban todos os días a calquera hora. Agora xa non é así e o futuro pasa por ser equipos máis grandes que combinen mellor todo o traballo, para ter tempo libre, descansar e manter, igualmente, o cliente satisfeito”, indica Claudia.
Todos miran ao futuro con gran positividade e cren que a gandería en Galicia promete grandes alegrías, tanto para gandeiros como para os veterinarios. “Aquí hai moito futuro, pero creo que o reto está en saber transmitirlle á sociedade a nosa realidade”, destaca Jesús.