UN ANO CON DOUS A5 E TRÁFICO LIBRE

Valls Gol consegue tres muxidos ao día grazas á robotización con Lely

No municipio de Montferrer i Castellbò, en Alt Urgell (Lleida), sitúase a gandería Valls Gol. Nesta granxa contan con dous Lely Astronaut A5 para a muxidura do seu gando dende hai máis dun ano. Proximamente, instalarán dúas unidades máis, coas que poderán robotizar a granxa ao completo e prescindir de forma definitiva da sala de muxidura que aínda manteñen na actualidade. Ver máis en Vaca Pinta 46.

Albert Gomà é un dos socios da granxa catalá Valls Gol. Hai vinte e cinco anos que seu pai construíu esta explotación na que, na actualidade, teñen unha media de produción de 41,3 litros/vaca/día e sitúanse en 3,1 muxiduras por vaca diarias, cunhas calidades dun 4,22 % de graxa e un 3,58 % de proteína: “É o que nos interesa para elaborar queixo e manteiga, e para que nos valoren ben o leite”, explicou Albert.

Dispoñen de dous Lely Astronaut A5, un para multíparas e outro para primíparas. A pesar de contar con estas máquinas, aínda conservan unha sala de muxidura rotativa para 120 das súas vacas. Con todo, pronto instalarán dous robots de muxido máis para ter un total de catro e poder pechar a sala de muxidura. Deste xeito, a idea é robotizar a granxa ao completo.

O obxectivo en Valls Gol é chegar a muxir unhas 240 vacas con máis de tres muxiduras e en tráfico libre. De feito, o cambio aos robots de Lely produciuse ao ver que era necesario pasar de dúas a tres muxiduras, co cal ou o facían na sala ou se pasaban ao muxido robotizado. Finalmente, optaron por instalar os Astronaut para darlles máis tranquilidade aos animais e incrementar a súa produción.

AS VANTAXES DO TRÁFICO LIBRE

“O que máis se nota é o benestar das vacas” —afirmou Gomà—, “non se move ningunha nin están nerviosas; en cambio, agora ata tes problemas cando entras no patio da sala de muxidura para que non te atropelen do estresadas que están”.

O socio de Valls Gol expuxo que “o tráfico libre, unha vez que se acostuman tanto os gandeiros coma os exemplares, funciona”. Neste sentido, engadiu que é complicado para os gandeiros en xeral saír da dinámica de ir a empuxar as vacas para que entren ao robot e permitirlles que actúen por si soas, pero que, en definitiva, se consegue e se obteñen os muxidos necesarios.

CARACTERÍSTICAS DESTACABLES DO A5

Sobre os Astronaut que posúen, Gomà afirma que non lles dan moitos problemas e non os molestan polas noites coas alarmas. Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña, expresou que o A5 é silencioso, que pasa desapercibido, é dicir, que non hai que estar pendente do robot constantemente, e que é fiable.

Así mesmo, destacou que, tras acostumarse ao traballo desempeñado polo robot, gañan tempo para outras tarefas da granxa: “Hai unhas horas que tes que dedicarlle ao robot, pero xa coa experiencia que levamos déixalo fluír bastante só”.

Cos dous A5, en Valls Gol están realizando case 400 muxiduras ao día, que é o que dende Lely defenden, tal e como aclarou Etxaiz: 200 muxiduras diarias cada robot. Na firma holandesa teñen moi claro que as vacas son todas iguais: “Dá igual que o exemplar sexa asturiano, holandés ou alemán. É o binomio perfecto: a vaca sempre se vai comportar igual e o robot tamén responderá”.

“O traballo que ten Lely é facer que o robot sexa a mellor máquina para as vacas, o cal lles reportará moitas vantaxes aos gandeiros”, concluíu Unai Etxaiz.