A robotización é un fenómeno imparable nas granxas de vacún de leite e cada vez son máis as ganderías que mostran interese polos diferentes conceptos de muxido robotizado. A explotación Hermanos Fernández Martín SC (Dehesa de Romanos, Palencia) comezará a instalación dos seus 12 DairyRobot R9500 a principios de 2024.
Neste caso, a súa prioridade pasa por buscar unha tecnoloxía de vangarda que lles permita muxir as súas vacas de forma cómoda, con redución de persoal, e ter o control sobre a xestión da súa granxa sen cambiar moito o manexo do rabaño que levan a cabo actualmente.
Estes gandeiros, da man de Comercial Lobo, distribuidor oficial da marca GEA na zona, visitaron granxas similares á súa con diferentes equipos: salas de muxido rotativas convencionais, robots de muxido en sistema voluntario, robots de muxido en Batch Milking...
Tras valorar as vantaxes de cada sistema, chegaron á conclusión de que, na súa casa, a tecnoloxía que mellor encaixa é o muxido robotizado por lotes, coñecido como Batch Milking, que distribúe a marca alemá. É un concepto que xa está implementado noutras granxas da península ibérica e que combina as vantaxes da robotización cun manexo de rabaño que non implica grandes cambios na alimentación nin na xestión diaria da granxa.
"O que máis me gustou do sistema, ao ir visitar granxas, foi ver como entraban e saían as vacas nos robots. Apréciase un tráfico moi fluído e un muxido moi tranquilo. Unha única persoa pode xestionar o muxido de todas as súas vacas de forma cómoda, movendo animais e cunhas rutinas moi sinxelas, fáciles de implementar para calquera traballador", explica Roberto Fernández, un dos socios desta gandería palentina.
"Desde GEA consideramos que cada explotación ten as súas necesidades e os equipos de muxido deben adaptarse ás esixencias do gandeiro. No caso do muxido robotizado, o abano de solucións achegadas pola nosa compañía contempla tanto o muxido voluntario (sistemas de tráfico libre, trafico semiguiado ou tráfico guiado) como o concepto de muxido por lotes Batch Milking. Non existe un sistema mellor que outro, o valor engadido está en asesorar ao cliente para buscar a solución personalizada que mellor encaixa en cada proxecto. Neste caso, o manexo de rabaño, a xestión de camas, a alimentación e un muxido de calidade foron os factores determinantes para concluír que o Batch Milking é a mellor solución para as vacas desta gandería; tamén para a comodidade e o traballo diario dos seus socios e traballadores", comenta Víctor Jorge, responsable de equipos automatizados da empresa GEA Farm Technologies Ibérica.