Ucoga, correduría de seguros especializada no sector agroalimentario, celebrou o pasado venres 4 de xullo a súa agardada convención anual no Hotel Oca Porta do Camiño, en Santiago de Compostela. Baixo o lema "Con Sentidos", a xornada converteuse nunha experiencia sensorial que reuniu empregados, colaboradores, compañías aseguradoras, clientes e aliados estratéxicos. O evento xirou arredor dos cinco sentidos como metáfora da proximidade, da escoita activa, da visión de futuro, do compromiso co tanxible e da intuición que guía cada paso do equipo.
Durante a convención presentáronse os principais fitos acadados no último exercicio, que consolidan a Ucoga como unha das corredurías con maior proxección no sector: máis de 25.000 clientes activos, máis de 35.000 pólizas intermediadas e máis de 4 millóns de euros en comisións xeradas. Ademais, prevese pechar 2025 cun volume próximo aos 40 millóns de euros en primas intermediadas. Este crecemento sostido vén acompañado dunha ambiciosa estratexia de expansión territorial: novas oficinas xa operan en Sarria, Monforte e Santiago.
Iván Novo, director xeral de Ucoga, aproveitou a ocasión para agradecer o compromiso de todas as persoas que forman parte do ecosistema Ucoga: "Ucoga non é só unha empresa. É unha comunidade, unha rede de persoas extraordinarias unidas por unha visión común. Hoxe celebramos o que somos e, sobre todo, o que estamos a construír xuntos", afirmou durante a súa intervención.