Na parroquia da Ría de Abres, en Trabada (Lugo), atópase Ganadería Lodeiro, unha granxa familiar con 12 anos de historia ao seu lombo e da que Uxía Lombardía forma parte. Actualmente dispoñen de tres Lely Astronaut A5, cos que moxen a todo o seu rabaño. Ver en Vaca Pinta 43.
Con 150 vacas en lactación divididas en dous parques diferenciados, neste negocio dispoñen de tres Lely Astronaut A5. A media de muxidos diarios é de 3,3, e producen 42,5 kg/vaca/día. “As vacas móxense as veces que o precisan, con folgura de tempo nos robots”, indicou Lombardía.
A VIDA DAS VACAS, MÁIS TRANQUILA COS A5
Os propietarios da explotación apostaron por confiar en Lely dous anos atrás, momento no que decidiron implantar na súa gandería dous robots Lely Astronaut A5; logo de analizar os resultados obtidos, o ano pasado adquiriron unha terceira unidade: “Como se pode ver, cambiámoslles a vida ás vacas, agora teñen un día a día moito máis tranquilo”, contounos Uxía Lombardía, que forma parte desta granxa familiar.
En canto aos motivos que impulsaron os propietarios da granxa a dar este cambio cara ao muxido robotizado con tráfico libre, Lombardía explicou que a razón principal foi para mellorar a conciliación do traballo coa vida familiar e social, pero tamén foron aspectos clave para dar o paso o retorno económico e a mellora da calidade de vida das vacas, é dicir, o seu benestar animal.
Á hora de definir o deseño da granxa cos Astronaut, buscaron algo cómodo tanto para os gandeiros como para o rabaño. Así pois, os tres robots contan con áreas de separación e un deles ten tamén zona de enfermería. A maiores, está a zona de preparto, onde sitúan as vacas próximas ao parto que, á súa vez, están moi preto de dous dos robots, para logo poder facerlles o primeiro muxido e encalostralo para as súas crías.
O MANEXO DOS ANIMAIS, CON TRÁFICO LIBRE
“O criterio de manexo nesta granxa é tráfico libre”, relataron desde a explotación. Así pois, os seus animais deciden o que facer en todo momento: comer, deitarse, beber, muxirse... “As vacas entran no robot cando queren. Faise o que elixen; por tanto, enténdese que é o mellor para elas”, puntualizou Lombardía.
Juan Alonso, técnico de Agrotec Entrecanales, sinalou que “o que podemos observar nesta gandería, e vese perfectamente, é a amplitude e a sensación que temos de tráfico libre ao 100 %”. Dispoñen de patios amplos, bebedoiro, trabadiza para poder ir comer, unha cama cómoda para descansar e acceso ao punto de muxido.
Grazas ao sistema de tráfico libre, tal e como explica Alonso, os animais pasan, de media, uns 25 minutos de pé ao día muxíndose, mentres que se se opta por unha sala ou por calquera outro método, esta cifra aumenta a tres ou catro horas de pé diarias: “Imos perder leite dos animais e non lles imos sacar a rendibilidade que podemos conseguir grazas ao tráfico libre de Lely”.
Outro dos puntos fortes que subliña Juan Alonso do tráfico libre é que no traballo diario da granxa, ao contar cun sistema de muxido robotizado, non é necesario investir en tantas horas de man de obra. Así pois, unha soa persoa pode facer o traballo diario nesta granxa: “Todo se pode realizar dunha forma moitísimo máis sinxela e obtendo unha maior rendibilidade no tanque do leite, o cal repercute en beneficio do gandeiro”, explicou o técnico ao respecto.
MOITO TEMPO LIBRE E CASE NINGÚN FALLO
Cabe resaltar que a cifra de tempo libre dos robots é elevada. Desde Lely indican que a porcentaxe mínima de tempo libre ao día debe ser do 10 % e, en Ganadería Lodeiro, están actualmente nun 13 %, co cal poderían ter máis vacas en muxidura. Con todo, con respecto ao fluxo dos exemplares da granxa, non teñen un dato elevado: a cifra está en 3 kg de leite por minuto, o que lles prexudica no número de exemplares que poden introducir nos robots.
No referente aos fallos do robot, sitúanse en 2,3 diarios, unha cifra óptima: “Isto é moi importante tanto para nós e para os técnicos de Lely, coma para as vacas, porque aumenta a súa calidade de vida ao sufrir menos estrés”, sinalou Uxía.
O baixo número de fallos indica, segundo Lombardía, un bo comportamento da máquina, xa que é un indicio de que se adapta a todo tipo de ubres, sen requirir dunha colocación manual, e de que se axusta a todos os comportamentos dos animais, mesmo nos casos máis complexos.
“Queremos mellor vida para o gandeiro, mellor vida para a vaca e máis rendemento económico. Para iso, temos que deixar que as vacas sexan vacas”, concluíu Juan Alonso.
MULTITUDE DE DATOS CON LELY HORIZON
“Como é sabido por todos, os tempos cambiaron. Incluso as vacas, agora mesmo, son números, e necesitan un software o suficientemente potente que recolla e analice todos os datos. Podémolo ver desde o ordenador ou desde os nosos propios móbiles, que, xunto coas cámaras de vixilancia, nos axuda a saber o que está a pasar aquí en calquera momento”, explicou Uxía, que acaba de rematar o Grao en Contabilidade e Finanzas pola Universidade de Oviedo.
Uxía Lombardía manifestou, nese sentido, que “o programa Lely Horizon nos proporciona multitude de datos, por exemplo, a proteína, a graxa, a ruminación etc. Ademais, é un software moi sinxelo, intuitivo e fácil de manexar por todos os membros da familia”. Grazas aos datos obtidos con Lely Horizon, en Ganadería Lodeiro afirman que poden dedicar o seu tempo aos animais que requiran de máis atención “por exemplo, vacas en celo ou vacas enfermas” e, os demais, pasan desapercibidos.