Tres de cada cinco consumidores europeos consideran importante o impacto climático ao comprar alimentos

Yara Internacional acaba de publicar os resultados dunha nova enquisa europea sobre alimentos sustentables. O estudo, que pretende dar luz sobre os hábitos de compra dos consumidores e o seu grao de sensibilización, indica que tres de cada cinco consumidores europeos consideran importante o impacto climático á hora de comprar alimentos.

"O informe mostra que os europeos están moi motivados coa compra de alimentos sustentables co fin de reducir o seu impacto climático", asegura Birgitte Holter, vicepresidenta de fertilizantes verdes en Yara.

Por outra banda, o informe tamén mostra que o 65% dos españois considera que o impacto climático é un factor a ter en conta á hora de comprar alimentos, pero a maioría confesa non saber con facilidade cales deles son respectuosos co clima.

En Porsgrunn, Noruega, Yara puxo en marcha a construción da primeira planta de produción que funciona con enerxía renovable. Isto permitirá que a compañía fabrique fertilizantes verdes producidos sen o uso de enerxías ou fontes fósiles. As previsións indican que os primeiros fertilizantes verdes se producirán na segunda metade de 2023.