TOOLS4MILK: a revolución dixital para producir leite á carta dende Galicia

TOOLS4MILK: a revolución dixital para producir leite á carta dende Galicia
Un proxecto que integra datos, intelixencia artificial e metodoloxía Lean para transformar a xestión gandeira e a calidade láctea.

O proxecto TOOLS4MILK nace en 2024 cun propósito ambicioso: dotar os gandeiros de ferramentas dixitais avanzadas que integren todos os datos da explotación, desde a finca de cultivo ata o tanque do leite, para producir leite “á carta” adaptada ás necesidades do mercado e aos criterios de sustentabilidade.

Trátase dunha iniciativa pioneira que aplica intelixencia artificial (IA), análise de datos agrícolas, espectroscopía NIR e metodoloxías Lean Farming para profesionalizar a xestión das explotacións leiteiras e dar resposta aos grandes desafíos do sector: competitividade, benestar animal, sustentabilidade ambiental e relevo xeracional.

Actualmente o proxecto atópase en plena execución, coa participación de Casa Barbeiro como entidade líder e un consorcio de socios que combina o coñecemento tecnolóxico, científico e agrogandeiro: Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Medrar Innovation Office, ASM Soft, CIAM (AGACAL) e a Aula de Produtos Lácteos da USC.

Do dato disperso á xestión intelixente na granxa

O punto de partida de TOOLS4MILK é unha realidade cotiá para o gandeiro: unha avalancha de información desintegrada. Sistemas de muxido, programas de alimentación, robots, sensores de calidade, cadernos de campo e aplicacións administrativas xeran enormes volumes de datos, pero sen conexión entre si. Esta fragmentación impide que o gandeiro poida tomar decisións autónomas, baseadas no coñecemento e non en asesoramentos externos ou intereses comerciais. TOOLS4MILK responde a este reto desenvolvendo unha plataforma dixital de integración, que permitirá ao gandeiro dispor dunha visión unificada e en tempo real de todo o que acontece na súa explotación.

Así, o obxectivo principal é a creación dunha plataforma dixital dotada de IA para a integración de datos que permita producir leite á carta a través do control integral de todo o que ocorre na explotación, correlacionando información e xerando modelos predictivos entre forraxe e alimentación, manexo e calidade do leite.

Para isto, o consorcio está a traballar para acadar os seguintes obxectivos específicos:

  • Parametrizar a alimentación do animal desde a parcela de cultivo ao pesebre a través de tecnoloxía NIR e datos de control agrícola ad hoc para produción leiteira, para trazar realmente unha liña continua de información desde a orixe do cultivo ata que se converte en alimento para os animais.

  • Desenvolvemento dunha ferramenta (APP) para control da operativa na granxa a través de novas metodoloxías por desenvolver “Leanfarming” con base en LEAN industrial. O control dos procesos e tarefas diarias da explotación orientarase á mellora na eficiencia e á produción de calidade diferenciada de produtos lácteos en función das características determinadas (% ácidos graxos, antioxidantes).

  • Plataforma dotada de IA que permita atopar as mellores correlacións para establecer futuros estándares de produción de calidade e sostible nas granxas galegas, xerando modelos predictivos que axuden ao gandeiro a tomar decisións antes de que se produzan desviacións.

Resultados e impacto no sector

Como resultado de TOOLS4MILK, obterase información útil, válida e trazable a través dos datos obtidos en todas as fases analizadas —desde parcela de cultivo, silo, pesebre e calidade do leite— co resultado de acadar a correlación e regresión que permita valorizar a información na plataforma de IA. Ademais, xeraranse bases de datos correspondentes ás visitas a granxas da cooperativa e mostras de leite dos lotes de gandería Casa Barbeiro no proxecto, que conterán, tras o procesado das mostras, información sobre a composición da dieta consumida polas vacas de leite, o valor nutricional dos forraxes e materias primas, o perfil de ácidos graxos e a concentración de antioxidantes liposolubles.

Por outra banda, estase a levar a cabo o desenvolvemento dunha APP e dun cadro de mandos baseado en Lean para a xestión integral da granxa e organización diaria dos procesos (LeanFARMing): control exhaustivo de alimento, produción, tarefas de muxido, limpeza e desinfección, arrimado, manexo e control do gando, etc., na granxa para a dixitalización integral do proceso estilo granxa 5.0.

Tamén, a elaboración de receitas para queixos artesáns ou de calidade diferenciada en base ás características propias de cada gandería e/ou lote de animais, xerando novos modelos económicos en granxa con multicliente final, definido polo interese propio do gandeiro e non da industria.

Estas accións redundarán nun incremento substancial do valor potencial de mercado do leite e transformados, en base ás evidencias sobre a composición diferencial do leite adaptada ás tendencias de mercado.

Como último paso, alcanzarase o despregamento da Plataforma IA con integración de datos desde parcela (caderno de campo de fertilizantes, praguicidas, produción e outros como clima, calidade do solo…) ata produto final, coa algoritmia adestrada en base a datos propios e outros provenientes de granxas compañeiras da cooperativa; así como a xeración de modelos predictivos con correlación entre alimentación e calidade de leite para o soporte da toma de decisións do gandeiro (DSS en inglés) desde a parcela ao ensilado e á ración e calidade final do leite, para poder orientala “á carta” cara ao destino con maior valor engadido.

En conxunto, os avances do proxecto apuntan a unha revolución na forma de producir leite, baseada en datos, coñecemento e sustentabilidade, pero cun impacto moi tanxible na rendibilidade e calidade do produto.

Beneficios económicos, ambientais e sociais

O proxecto representa un paso relevante cara á transformación do sector agrogandeiro galego, combinando innovación tecnolóxica, sustentabilidade ambiental e desenvolvemento social. O seu impacto esténdese máis aló do ámbito agroalimentario, involucrando tamén o sector tecnolóxico e promovendo a creación dun ecosistema agrotech galego sólido e colaborativo, no que empresas tecnolóxicas e centros de investigación se acheguen ás necesidades reais do campo. Este enfoque integral permitirá desenvolver solucións dixitais específicas que non só impulsen a competitividade do sector leiteiro, senón que poidan ser replicadas e escaladas posteriormente a outros ámbitos produtivos.

No plano económico, TOOLS4MILK ofrece ao gandeiro unha ferramenta avanzada para a toma de decisións, orientada á produción de leite de maior valor engadido. Grazas á recompilación e interpretación de datos, a plataforma facilitará a racionalización de insumos, optimizando a fertilización e a alimentación de precisión. Este uso eficiente dos recursos reducirá custos e aumentará a rendibilidade, ao tempo que reforzará o poder de negociación do produtor fronte ao mercado. Outro beneficio clave será a autonomía que gañarán as explotacións respecto ás grandes multinacionais de pensos, fertilizantes ou xenética, o que contribuirá a reequilibrar a cadea de valor agroalimentaria e fortalecer o papel do gandeiro como xestor independente da súa explotación.

Así mesmo, o proxecto xerará novas oportunidades laborais especializadas, impulsando a aparición de perfís vinculados ao ámbito agrotech, e a mellora na calidade do leite abrirá a porta ao desenvolvemento de novas receitas queixeiras artesás e modelos de produción “á carta”.

No ámbito ambiental, TOOLS4MILK contribúe a desmontar o prexuízo que asocia o crecemento das explotacións cun maior impacto ecolóxico; a incorporación de tecnoloxías de precisión permitirá aos gandeiros aplicar só os insumos necesarios en cada momento, reducindo de maneira significativa a súa pegada ambiental.

O compoñente social do proxecto é igualmente transformador; como fin último preténdese revalorizar a profesión gandeira, especialmente entre a mocidade, mediante o uso dunha aplicación innovadora e dun método de traballo apoiado na intelixencia artificial. Esta modernización do sector axudará a que a gandería sexa percibida como unha actividade tecnolóxica, rendible e sostible, ofrecendo un horizonte profesional atractivo para as novas xeracións.

Finalmente, o proxecto non só impulsa a modernización do sector leiteiro, senón que tamén contribúe a preservar a soberanía alimentaria e a vitalidade do rural galego nas próximas décadas.

Máis información na web do proxecto e RRSS: https://www.tools4milk.es/

Proxecto financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80 % co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6 %. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e abrangue as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total do proxecto: 139.999,67, Subvención:139.999,67 €.