A empresa farmacéutica Syva, especializada en saúde animal, comunicou que a vacina anteriormente denominada Syvac® EH Marker pasa a comercializarse baixo o nome de ORBYK EHD.
Segundo a compañía, o cambio de nome forma parte da estratexia de posicionamento de Syva no sector dos orbivirus e contribúe a reforzar a coherencia e a identidade da súa carteira de produtos e solucións destinados á prevención de enfermidades vectoriais en rumiantes.
Esta vacina está indicada para a inmunización activa do gando bovino co fin de reducir a viremia e a febre causadas polo serotipo 8 do virus da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE).
A empresa acredita que ORBYK EHD é a primeira e única vacina DIVA baseada en tecnoloxía de subunidades que ofrece protección diferenciada contra a EHE en bovino. Actualmente, sería a única vacina no mercado europeo que permite diferenciar entre animais infectados e non infectados.
ORBYK EHD obtivo unha autorización de comercialización en circunstancias excepcionais baixo o artigo 25 do Regulamento (UE) 2019/6 por decisión da Comisión Europea o 29 de xaneiro de 2026.