A multinacional Syngenta reuniu os días 21 e 22 de xuño a máis de 400 agricultores, distribuidores e técnicos de España e Portugal en Los Morales (Sevilla) nunhas xornadas sobre tecnoloxías de xirasol. No evento, os presentes puideron coñecer de primeira man a nova tecnoloxía AIR para o control de malas herbas.
Este sistema combina a tolerancia xenética aos dous herbicidas máis utilizados neste cultivo (Imazamox e Tribenuron Metil), achegando unha maior flexibilidade para o agricultor e seguridade para a produción. "Deste xeito, evitamos calquera problema derivado da existencia de residuos en campo de cultivos anteriores, como o cereal", apuntou Juan Fernández, xefe de produto de xirasol en Syngenta.
Durante a xornada, os asistentes visitaron unha explotación na que coñeceron a eficacia da nova tecnoloxía AIR grazas a varios ensaios en campo e, ademais, actualizaron os seus coñecementos sobre o portfolio de xirasol de Syngenta que, en breve, contará coa súa primeira variedade comercial con tecnoloxía AIR, SY Vostok AR.