O municipio coruñés de Boqueixón acolleu este martes unha xornada de campo organizada por Soaga e Coluga para dar a coñecer aos seus clientes as variedades comerciais de millo máis destacadas de cara á campaña 2026. O encontro celebrouse nunha finca en Sergude e contou coa presenza de técnicos, gandeiros e representantes de diferentes compañías do sector.
Alberto Quiñoi, responsable de sementes de Grupo Soaga e director comercial de Coluga, destacou que o obxectivo foi “facer un monográfico do cultivo do millo”, mostrando solucións integrais que cobren todo o ciclo, “desde a elección da semente e o uso de herbicidas e insecticidas, ata o momento óptimo da colleita e a conservación en silo”. Segundo explicou, sementáronse variedades de distintos ciclos con abonados e tratamentos específicos, buscando identificar cales se adaptan mellor á zona e ofrecer alternativas fronte aos cambios que marca a lexislación en materia de fitosanitarios.
Pola súa parte, Manuel Crespo, responsable de fertilizantes de Soaga, subliñou as particularidades do cultivo en Galicia, onde o destino principal é o ensilado para vacún de leite. “Traballamos nunha zona moi gandeira, con gran dispoñibilidade de xurro, e iso obríganos a planificar a fertilización en función dos recursos propios das explotacións”, indicou. Lembrou a importancia dun bo abonado de fondo e da dispoñibilidade regular de nitróxeno durante todo o ciclo vexetativo para manter o millo en condicións forraxeiras óptimas.
Desde Lidea, Fernando Garrachón puxo o acento na adaptación das variedades ás condicións locais e advertiu dos riscos de forzar ciclos longos cando as sementeiras se atrasan. Pola súa parte, Esteban Fernández, de FMC, incidiu na eficacia dos tratamentos temperáns en postemerxencia para un mellor control das malas herbas en condicións húmidas como as galegas. A xornada completouse cunha mostra das solucións de herbicidas e insecticidas que ofrece FMC, como sinalou Marcos Fernández, quen valorou a oportunidade de reunir a profesionais, cooperativas e novas xeracións de gandeiros arredor dun mesmo obxectivo: mellorar a rendibilidade do cultivo do millo en Galicia.