Smart DCT, a nova ferramenta de Virbac que axuda ao veterinario co secado selectivo

Nos últimos tempos estase buscando unha redución do uso de antibióticos nas ganderías. Estes adóitanse destinar, no caso do sector leiteiro, ao secado. Coa recente entrada en vigor da obrigatoriedade de realizar o secado selectivo, e co obxectivo de facilitarlles este traballo aos veterinarios, Virbac acaba de lanzar unha nova aplicación da que vos falamos en Vaca Pinta 41: Smart DCT.

Nos últimos meses, Virbac estivo presente en reunións como o Congreso Anembe co obxectivo de estar ao lado do sector bovino, de maneira presencial, e poder presentar ferramentas que axuden ao veterinario de explotación coa situación actual que se está vivindo en España en relación ao uso de antimicrobianos.
“Un dos puntos clave no sector leiteiro está no tema dos antibióticos, na saúde do ubre. Onde máis se adoitaban empregar, ata agora, era no secado”, expuxo Mikel Imaz, responsable de Márketing de Animais de Produción en Virbac. Coa nova lei, o secado selectivo xa é obrigatorio para todo o mundo, co cal é interesante contar con aplicacións como Smart DCT, que axuden a dar o paso da maneira máis cómoda.
Imaz explicou que medidas están poñendo en marcha desde a compañía con respecto a este asunto: “Nós intentamos dar ferramentas ao veterinario para que poida saber máis ou menos cales son os seus puntos de corte ou onde pode establecer os seus criterios para levalo a cabo o mellor posible”.
Con Smart DCT, a través dos parámetros que cada veterinario ou gandeiro ten na súa explotación, pódese ver se as variables que se están utilizando para o secado selectivo son as adecuadas ou non.
“A nosa aplicación mide a prevalencia de infeccións intramamarias tendo en conta os datos de control leiteiro. Desta maneira, é posible saber cal vai ser o número de células somáticas que é óptimo para decidir se unha vaca vai a secado selectivo ou se necesita antibiótico para facer o secado”, indicou Imaz.