Únense a área de gandería de DFBlueagro e Innofarm

A área de gandería de DFBlueagro, empresa que pertence a DFGrupo, firmou un acordo con Innofarm para a creación dunha joint venture especializada no desenvolvemento e comercialización de produtos para gandería. Esa nova empresa empezou a operar a principios de ano. Con este proxecto, DFGrupo reforza a súa aposta polo sector con Innofarm como socio; unha iniciativa coa que quere demostrar que está preparado para implantarse, non só entre as máis importantes empresas de fertilizantes, senón tamén entre as do sector gandeiro.

A nova corporación seguirá tres eixos que son fundamentais. En primeiro lugar, a nutrición animal: nutracéuticos e redución do uso de antibióticos, suplementos nutricionais para animais de granxa, produtos para unha mellor dixestión, saúde respiratoria e crecemento do gando. En segundo lugar, a hixiene: mellora da gandería a través da sanidade e o benestar animal. Por último, o medioambiente: redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, tecnoloxía e solucións de gandería sustentable, conservación da biodiversidade e redución do impacto ambiental. Tanto DFBlueagro, como Innofarm, incorporan á fusión equipos humanos con experiencia no sector e unhas carteiras de clientes que farán máis efectivo o seu desenvolvemento no mercado.

DFGrupo é unha compañía líder en España e Portugal que cubre integramente toda a cadea de valor da industria dos fertilizantes, cunha facturación de 600 millóns de euros e máis de 300 traballadores. DFBlueagro leva anos centrado en mellorar a saúde, a nutrición e o benestar animal e conta con valores como a eficiencia ou a sustentabilidade. Pola súa parte, Innofarm leva máis de 10 anos de actividade na nutrición animal e con especialistas en gandería con máis de 35 anos de experiencia. 

"É un proxecto moi ambicioso e ilusionante no que dispoñemos dun grande equipo de I+D+i, que xunto ao departamento Técnico-Comercial, contará co apoio e os obxectivos de progreso que ten DFGrupo. Todo isto vainos permitir loitar nun mercado moi competitivo de primeiro nivel e participar de forma activa no benestar e a sustentabilidade da nosa gandería", afirma Alberto Caballero, o director xeral.