Convócase a segunda edición de becas para estudos de posgrao da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acaba de facer pública a segunda edición das becas para estudos de posgrao. Concretamente, convócanse dúas becas cun límite máximo de dotación de 40.000 euros cada unha para realizar un máster nunha universidade de recoñecido prestixio. O importe poderá destinarse a matrícula e estancia e variará segundo o lugar, o centro no que se realicen os estudos e o programa do máster.

As solicitudes xa poden presentarse na súa páxina web, ata o 30 de abril, onde tamén están publicadas as bases para a convocatoria. Os requisitos para optar ás becas son ter un título universitario, ter vinculación con Galicia e ser estudantes que se acaban de licenciar ou profesionais que xa estean traballando na actualidade. A selección dos becarios basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional -no caso de que exista- e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior prevista.