XORNADA DE PORTAS ABERTAS

SAT As Pandas: tecnoloxía Lely e tráfico libre ao servizo do benestar animal

Esta gandería, situada en Vilalba (Lugo), instalou recentemente catro Lely Astronaut A5, que substituíron os tres A3 Next que utilizaban antes. Con motivo da renovación, a firma holandesa Lely organizou unha xornada nesta granxa de referencia para amosar de preto o funcionamento dos novos equipos e os resultados que acadaron. Máis en Vaca Pinta 53.

Juan José Pernas e Moisés Vispalia son socios de SAT As Pandas, gandería na que moxen 175 exemplares. Teñen máis de 140 xovencas e unhas 20 vacas secas. Ademais, traballan arredor de 150 hectáreas de terreo.

Fundada en 2011, daquela instalaron dous Lely Astronaut A3 Next e en 2019 adquiriron outro. O ano pasado renovaron as máquinas e pasáronse aos A5. “Nun primeiro momento ían substituír os tres A3 Next por tres A5, pero, durante as obras, houbo unha tempada na que tiveron cinco robots funcionando ao mesmo tempo: dous A5 e os tres A3 Next. Nese intre, decatáronse de como se incrementaba o confort animal, o número de muxidos e a media de produción, á vez que diminuía o traballo diario; por tanto, decidiron colocar outro A5. A día de hoxe, dispoñen de catro Lely Astronaut A5”, relata Juan Alonso, técnico de Agrotec Entrecanales.

Á hora de implementar os modelos máis recentes do Astronaut, fixeron cambios no deseño do establo: “Antes había dous robots na cabeza da nave e outro ao fondo. Agora, todos están na cabeza, dividindo a granxa en dous lotes con dúas máquinas en cada parque”, especifica Lucía Freire, coordinadora de proxectos de Milking and Cooling de Lely en Lugo. Ao haber catro unidades, os A5 teñen moito tempo libre, o que é clave para acadar o número de muxiduras de SAT As Pandas.

PRODUCIÓNS RÉCORD E ALIMENTACIÓN DE CALIDADE

O seu número medio de muxiduras diarias sitúase entre 3,8 e 3,9, cunha produción de 49 kg/vaca/día. A súa porcentaxe de graxa é de 3,80 % e a de proteína, de 3,30 %. “Hai días nos que rexistran 4 muxiduras de media”, transmite Juan Alonso.

“Temos estas producións por varios factores. En canto á alimentación, precisamos a mellor forraxe posible. As instalacións tamén son importantes: as camas, a limpeza, o presebe… Outro aspecto clave son os robots. Decidimos incorporar unha cuarta unidade, o que resultou beneficioso”, explica Juan José Pernas. Pola súa parte, Vispalia confesa que agardan incrementar máis os seus litros de leite, grazas á limpeza automatizada e ao cuarto Astronaut.

“Estamos a falar dunha das mellores explotacións gandeiras de toda a península ibérica pola media de litros producidos en robot de muxido. É unha granxa 100 % Lely e 100 % tráfico libre”, apunta Alonso.

Ángel Ávila é o nutrólogo de SAT As Pandas desde 2017: “A progresión foi espectacular. Pasamos de 40 kg a picos de 51 kg de leite”, conta Ávila, que engade que posúen unhas forraxes extraordinarias. “A xente que vén coñecer a gandería sorpréndese co benestar das vacas e co tranquilas que están”, expresa o nutrólogo.

UN ALTO NIVEL DE BENESTAR CO TRÁFICO LIBRE

Os socios de SAT As Pandas explican que os investimentos que fixeron no establo foron para que os animais estivesen máis cómodos: “Teñen camas de area amplas, hai como mínimo un cubículo por cabeza e contamos con ventiladores para todos os exemplares. Tratamos de manter o establo en condicións perfectas para que as vacas estean limpas, sas, non sufran de estrés por calor e, así, produzan moito leite”.

Ademais de cambiar a distribución que tiñan antes, primaron unha colocación óptima dos A5 para a entrada e a saída do gando, co obxectivo de buscar un tráfico fluído e evitar aglomeracións. A área técnica formulárona de xeito que tivese un acceso sinxelo e que fose ampla para poder traballar nela comodamente.

Pola súa parte, estes gandeiros confían no sistema de tráfico libre: “Se unha vaca vai forzada a muxirse, aínda que queira ir, non vai entrar. Aos dous minutos irá ela soa e tranquila, porque non haberá ninguén que a moleste. Canto mellor estean os animais, mellor estaremos nós”.

Lucía Freire engade que esta gandería reúne todos os principios que defenden desde Lely sobre o tráfico libre e o cow comfort, polo que é un exemplo de eficiencia e sostibilidade.

LIMPEZA AUTOMATIZADA: DOUS DISCOVERY COLLECTOR C2

Ademais dos catro A5, instalaron dous Lely Discovery Collector C2 para automatizar a limpeza, tal e como conta Sonia López, coordinadora de proxectos de Feed and Manure de Lely en Galicia: “Con esta ferramenta conseguimos solos máis limpos e menos esvaradíos. Outra das súas vantaxes é que as vacas amosan moito máis os seus celos, porque non se lles molesta arrastrando o esterco polos corredores, como faría unha arrobadeira”.

O Lely Collector é unha máquina eléctrica feita de aceiro inoxidable. “Traballa en diversos sistemas e adáptase ás diferentes granxas”, anota López.

En SAT As Pandas sobresae a limpeza dos seus animais e dos corredores. “Como dicimos en Lely, os traballos rutineiros deixámosllelos ás máquinas, neste caso, ao Collector”, afirma Sonia López.

OS VISITANTES, SORPRENDIDOS GRATAMENTE

Avelino Diego Gómez, de SAT El Cruce, e Miguel Diego Sáez, de SAT Disama, foron dous dos gandeiros —ambos de Cantabria— que asistiron a esta xornada de portas abertas.

Con respecto á súa visita, coinciden en que lles impactou de maneira positiva o que observaron: “Destacaría o seu sistema de traballo, a visión que tiveron das instalacións, o seu manexo e os animais, que están moi ben coidados”, recalca Avelino Diego Gómez.

“Os resultados de SAT As Pandas son froito da combinación de moitos factores. Nós poñemos á súa disposición a ferramenta e implementamos o tráfico libre, pero logo son os gandeiros os que, co seu manexo, alimentación e o resto dos aspectos, conseguen resultados tan bos”, conclúe Freire.