LELY VECTOR (V)

SAT Arenas, un exemplo de como mellorar os datos co Lely Vector

SAT Arenas, un exemplo de como mellorar os datos co Lely Vector

Desde a instalación do Lely Vector en 2020, esta granxa de Cantabria non fixo máis que mellorar os seus datos de produción, reprodución e saúde, grazas tanto a este sistema de alimentación coma aos seus robots de muxido Lely Astronaut A3 Next. Máis en Vaca Pinta 51.

SAT Arenas (Camargo, Cantabria) formouse en 2005 con dúas familias. Comezaron cunha sala de muxido de 5x2 e, en 2010, instalaron dous robots de muxido Lely Astronaut A3 Next, os mesmos que teñen actualmente e cos que conseguiron case dous millóns de litros de leite anuais no último ano. A granxa sufriu varias reformas desde os seus inicios; a máis importante, xunto coa instalación dos robots, foi a ampliación do número de cubículos, ata alcanzar os 122 actuais. Hoxe en día, en SAT Arenas moxen unhas 125 vacas, ás que se suman unhas 12 secas, xa que a recría a teñen externalizada en Rancho Las Nieves, en Zaragoza.

Esta granxa cántabra produce 44,5 kg de leite por vaca e por día, uns resultados máis que notables, o que se traduce nunha media de 43,5 litros no tanque de leite. En 2020 apostaron pola alimentación intelixente de Lely co sistema Vector. Eduardo Entrecanales, un dos socios de SAT Arenas, conta como está sendo a súa experiencia co robot de alimentación da firma holandesa, do que destaca, sobre todo, a mellora na calidade de vida tanto dos animais coma dos gandeiros.

Eduardo Entrecanales, un dos socios de SAT Arenas

 

Levan máis de cinco anos traballando co Lely Vector. Como está sendo a experiencia?

Creo que máis positiva do que esperabamos. Co tempo analizamos os datos e vimos que a saúde das vacas mellorara moito, o que repercutiu directamente na produción. Ao alimentalas máis veces ao día, comen con maior frecuencia e seleccionan menos a comida, o que reduce a acidez no estómago. Isto tradúcese en menos problemas de saúde e en melloras na fertilidade.

Como notaron a melloría en canto o aforro enerxético?

Respecto do sistema co que contabamos antes, no que utilizabamos un carro mesturador arrastrado, agora aforramos máis de 6.000 litros de gasóleo ao ano. Ademais, temos un contador eléctrico para analizar o consumo do Vector, que é de 30 quilovatios ao día, o que supón un gasto de aproximadamente 3,5 € diarios.

Como influíu o Vector na produción de leite?

En 2019 a nosa produción era de entre 41 e 42 litros de leite entregados por vaca e día. En 2024, a media superou os 43,5 litros. Podemos afirmar que subimos polo menos 1,5 litros. Pero a melloría non só se reflicte na produción diaria, senón tamén nos sólidos. Antes tiñamos un 3,5 % de graxa e un 3,1 % de proteína, e ao peche de 2024 a nosa media foi do 3,83 % de graxa e do 3,37 % de proteína.

A taxa de fertilidade tamén subiu?

Si. Ao mellorar tanto a produción como a saúde, tamén o notamos na fertilidade, que aumentou un 5 %, un dato moi significativo para nós. Agora notamos que as vacas están nun mellor estado xeral.

Reducíronse os problemas de podoloxía?

Si. Ao redor do 50 %. Antes tiñamos entre 30 e 35 coxeiras ao ano, e agora non chegamos a 15. Notámolo moito. Tamén deixamos de ver casos de laminites, o que coincide coa redución da acidez no estómago.

Cantas veces ao día comen as vacas?

Depende un pouco da materia seca e do número de animais en muxido, pero neste momento, as vacas en produción comen alimento fresco unhas nove veces ao día, mentres que as vacas secas o fan dúas veces. Aínda así, a máquina segue tendo bastante tempo libre. No noso caso, a eficiencia da alimentación é de 1,64 litros de leite por cada quilo de materia seca consumido.

De que se compón a ración das vacas en produción?

A ración das vacas en lactación consta de 29 quilos de silo de millo, 11 quilos de silo de herba, 1 quilo de palla, 6,5 quilos de concentrado e 300 gramos de correctores. En total, supón algo máis de 47 quilos de alimento por vaca e día, con máis de 21 quilos de materia seca.

A produción, a saúde e a reprodución melloraron, pero que pasa co traballo diario?

Antes, co carro arrastrado, dedicabamos unhas 15 horas semanais a esta tarefa, e agora non chegamos a tres horas á semana. Nós cargamos a cociña tres veces por semana (luns, mércores e venres). Só limpamos o presebe os días que se carga a cociña, e facémolo nuns 45 minutos, polo que reducimos notablemente o número de horas de traballo.

Están contentos coa fiabilidade da máquina?

A máquina é moi fiable. É coma o robot de muxido: pode chamarte a calquera hora, pero a verdade é que o número de chamadas ao ano é practicamente nulo. O índice de avarías é moi baixo e as alarmas críticas non superan as catro ao ano, o que é impresionante para unha máquina que pode traballar as 24 horas do día os 365 días do ano.

Reducíronse os restos de comida?

Si. Agora os restos son ridículos, o único que facemos é varrer un pouco. Antes xerabamos máis de 15 toneladas de desperdicio ao ano, e agora non chegamos nin a 2 toneladas, o que supón un aforro moi importante.

Quéntase a comida na cociña?

É unha cuestión de xestión, pero temos comprobado que non hai problema. Cargamos a cociña cada dous ou tres días e, se os silos están ben feitos e conservados, non hai ningún inconveniente coa comida almacenada.