O Santander, presente unha vez máis en Agropec xunto ao sector produtor

Dende os investimentos locais ao apoio máis internacional, no Banco Santander amosan a súa satisfacción por amparar os gandeiros e ofrecer diversos servizos relacionados coa xestión. Máis en Vaca Pinta 48.

A entidade bancaria estivo presente na 38.ª edición de Agropec, a Feira do Campo e das Industrias Agrícolas, Gandeiras, Forestais e Pesqueiras. Unha vez máis, evidenciou a súa defensa do sector e dende o recinto feiral Luis Adaro de Xixón puidemos coñecer a implicación da compañía a través de diferentes profesionais.

“Se algo define as ganderías é a necesidade continua de financiamento”, concreta Francisco Artime, director comercial do Banco Santander en Asturias e Cantabria. “Para nós, xa é un valor moi positivo en si mesmo que o gandeiro invista en robots ou en novas construcións”, destaca, ao tempo que argumenta que “supón avanzar e crear as condicións de emprego que requirimos para traer talento”.

“Estamos instalando robots de muxidura e dende o Santander financiáronnos toda a operación”, subliña Mario Álvarez, responsable da Ganadería Quevedo, unha explotación familiar que contaba con 8 cabezas en 1996 e na actualidade supera as 220: “Muximos sobre unhas 100 cunha media de entre 35 e 36 litros/vaca/día”.

Este gandeiro apunta que a relación coa entidade bancaria polo momento é “curta no tempo”, pero “moi boa”. Asegura que “dende o principio se implicaron no proxecto e nos apoian en todo. En 2025 xestionaremos con eles as solicitudes da PAC e outras tarefas”.

Precisamente, o traballo do Banco Santander non se centra só en materia de financiamento, senón tamén na resolución de diversos trámites administrativos; un deles, a PAC, aínda que Artime aposta por ampliar o espectro: “Cada vez atopamos máis axudas diferenciadas que buscan xerar emprego en espazos rurais”.

A PROXIMIDADE E O COÑECEMENTO, MOI VALORADOS POR CENTRAL LECHERA

No ámbito gandeiro saen a relucir as aptitudes do banco: “Ofrecemos o que pide o sector: proximidade e coñecemento”, declara o director comercial. “Estamos moi cómodos nel. Ten unhas taxas de morosidade que están por debaixo da media. Nas ganderías de leite os cobros son moi regulares, polo que temos unha enorme comodidade para financialas”.

Dende Central Lechera Asturiana SAT poñen de manifesto os seus lazos co Banco Santander, tal e como explica o seu presidente, Alberto Álvarez: “A través de Central Lechera, as empresas participadas temos unha importante relación co banco. Respecto ás ganderías que son socias de Central, tamén proseguimos cun vínculo bastante intenso”.

O presidente subliña que “é importante que as institucións bancarias lle presten atención ao sector primario, xa que require de investimentos permanentes e unha xestión moi profesional”. Neste sentido, destaca os valores que lles proporcionan dende o Santander: “Os nosos traballadores aprecian a confianza e a proximidade”.

En Central Lechera son expertos na vinculación granxa e familia. O seu mandatario relata que provén “dunha familia de gandeiros de toda a vida. Meus avós fundaron unha gandería, meus pais herdárona e eu pertenzo a terceira xeración”. Na actualidade teñen “95 cabezas de gando e muximos entre 50 e 55 animais. A nosa media de produción sitúase en 35 litros por vaca e día”.

A PROXECCIÓN INTERNACIONAL, FACTOR CLAVE PARA ASCOL

O Banco Santander promove lazos internacionais grazas a súa implantación en diversos países en Europa e en América. O presidente da Cooperativa Asturiana de Control Lechero (Ascol), José Emilio García, constata que “hai uns doce anos abrimos contas no Santander con motivo do noso impulso internacional. Teñen representación en moitos países e un bo servizo de empresas, ademais valémonos dos seus coñecementos en determinadas rexións para poder traballar con eles”.

Segundo describe José Emilio, esta cooperativa de produtores desenvolve dúas liñas de traballo: “Por unha banda, o control leiteiro. Para este labor dispoñemos de 25 persoas en campo e dúas en oficinas analizando os datos. Pola outra, a xenética. Contamos cun punto de probas con sementais repartidos en catro centros polo mundo: Cenero (Xixón), Inglaterra, Estados Unidos e Canadá. Distribuímos o seme dos touros en 29 países”.

O propio José Emilio é un dos xerentes da Gandería Bernabé, unha explotación familiar que conta cuns 120 animais. “Posuímos un robot de muxidura cunha media de produción de entre 37 e 39 quilos de leite por vaca e día”.

A IMPLANTACIÓN NO RURAL, POR DEBER E PRINCIPIOS

A aposta por reforzar a súa presenza no rural é outro dos valores da compañía. “En Cantabria e Asturias contamos con 140 oficinas bancarias. En dúas comunidades que agrupan un millón e medio de persoas, se non estivésemos nas vilas, non teriamos razón de ser”, opina Francisco Artime. “A maiores, dende o punto de vista social, debemos asegurar o servizo aos clientes que viven nestes municipios. A tecnoloxía axúdanos a reducir a presencialidade, pero para nós é unha obriga social e unha convicción profesional mantela”.

José Emilio García considera que a intención do Santander é “unha boa idea porque abandónannos todos os bancos nas vilas”. Cre que as entidades bancarias “deben seguir apostando polo campo; sobre todo, pola xente maior, que ten menos posibilidades de desprazarse”.

O gandeiro Mario Álvarez acredita que “dispoñemos dunha oficina a dous quilómetros da granxa, en Luanco”. Pero non é só a proximidade o valor máis estimado, senón que tamén “aprecio as boas experiencias que teñen outros compañeiros e a predisposición a axudar e a impulsar o sector”.