Co obxectivo de que “os nosos clientes sexan o máis rendibles e competitivos”, Santander organizou un novo encontro en Galicia co foco posto nas condicións da PAC. Lorena Ruiz, directora de Negocio Agroalimentario de Santander España, e María González, directora de Negocio Retail en Galicia de Santander, encabezaron a xornada, que contou, ademais, coa presenza de María José Gómez, conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, e César Lumbreras, director do programa de radio Agropopular e da publicación Agroeuropa.
Santander amosou, unha vez máis, o seu compromiso co sector produtor na xestión das axudas da PAC. En palabras de Lorena Ruiz, “é un dos momentos máis importantes para a empresa, do mesmo xeito que o é para todos os nosos clientes. Desde o 1 de febreiro, poñemos á súa disposición todas as solucións e servizos coa implicación do equipo de enxeñeiros agrónomos que temos despregados por toda Galicia”.
“Levamos moitísimos anos apoiando o sector agroalimentario e tramitar correctamente a PAC é vital, por iso xestionamos desde o inicio do procedemento ata que se cobra o último céntimo”, subliñou Lorena. Considera que este asesoramento lles permite aos gandeiros “centrarse no traballo diario das súas granxas, ser máis competitivos e sacarlles a maior rendibilidade posible”.
A entidade bancaria posibilita que todos os seus clientes, a partir do 1 de febreiro, “soliciten nas nosas oficinas o anticipo desta axuda, cuxos primeiros pagamentos chegan en outubro, e poidan dispoñer desa liquidez desde o primeiro momento”.
Servizo dixital
Desde hai xa máis de cinco anos, Santander permite a contratación do anticipo da PAC por canles dixitais a aquelas persoas que así o solicitasen. “De maneira sinxela, en só catro clics, os nosos clientes poden acceder a este servizo desde as súas ganderías ou desde onde estean”, destacou Lorena Ruiz.
“A nova PAC debería entrar en vigor a partir de 2028, pero dependerá da cantidade de diñeiro existente para financiala. Estamos practicamente ao inicio do proceso negociador sobre o marco orzamentario da Unión Europea para o período 2028-2034. Mentres non saibamos a partida destinada, non se pode aventurar nada. Non obstante, de acordo coa proposta da Comisión Europea, o diñeiro da PAC perdería o carácter sagrado que para min tiña ata agora. Unha vez que se fixaba o orzamento, xa non se tocaba, agás por algunha razón excepcional. Dese xeito, sabiamos con previsión o diñeiro existente para un período de sete anos. Agora mesmo iso está en dúbida, porque o financiamento da PAC se metería nun saco común con outros instrumentos financeiros e podería haber un transvasamento de partidas entre eles, co cal nunca saberiamos o diñeiro destinado a sufragala”.