Santander organizou en Vedra (A Coruña) unha conferencia sobre a Política Agraria Común (PAC) 2025 e a situación actual dos mercados, co obxectivo de achegar información clave para axudar o sector a afrontar os retos do momento. Máis en Vaca Pinta 51.
Lorena Ruiz, directora de Negocio Agroalimentario de Santander España, deulles a benvida aos asistentes e presentou o evento. A continuación, Rocío Pazos, directora territorial de Santander en Galicia, explicou as iniciativas e campañas coas que a entidade apoia o sector agroalimentario. Seguidamente, o relator César Lumbreras, director do programa de radio Agropopular e da publicación Agroeuropa, abordou as perspectivas do sector lácteo no contexto da nova PAC e dos mercados globais. O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria de Galicia, Juan José Cerviño, analizou o impacto da PAC en Galicia. María José Gómez, conselleira do Medio Rural, interveu en último lugar e expuxo os principais retos do sector na comunidade galega.
Desde Banco Santander, levamos décadas apoiando o sector e os gandeiros. Presentamos liñas específicas adaptadas ás súas necesidades. Buscamos estar sempre preto deles e axudalos cos seus proxectos para que lles sexan viables.
Contribuímos a impulsar a dixitalización das granxas para asegurar a súa continuidade. Neste sentido, lanzamos algúns préstamos, como o I+D+I. Ademais, colaboramos coa Consellería do Medio Rural para facilitar o acceso a axudas e anticipar o seu financiamento.
Agora estamos inmersos na xestión da PAC 2025. Santander ofrécelles a súa tramitación de maneira gratuíta aos beneficiarios, así como a preconcesión do anticipo destas axudas. Nós estamos, estivemos e estaremos apoiando o campo español.
Non sabemos se a guerra de aranceis provocará subidas ou baixadas nos prezos. O que si é evidente é a necesidade de reforzar a produción de insumos locais e reducir a dependencia de materias primas importadas. Na nova PAC que se poña en marcha deberíaselle prestar máis atención á xestión dos mercados.
A Comisión Europea deixou, por agora, as esixencias medioambientais en segundo plano. Por outra parte, non creo que as medidas da PAC sexan suficientes para garantir a remuda no sector.
O futuro dependerá de bastantes factores: a evolución dos custos de produción, dos prezos e das axudas directas na vindeira PAC. Tamén de se se manterá o Pacto Verde Europeo. Todo está aínda por definirse.
A PAC será un complemento esencial para Galicia, unha inxección económica importante. Desde a Xunta apostamos por este sector, que produce o 42 % do leite de toda España.
En 2025 implementaremos un instrumento financeiro que garanta capital circulante ás ganderías afectadas pola imposibilidade de recoller as súas forraxes ou sementar raigrás no inverno.
Tamén apoiamos a modernización das granxas e a remuda xeracional a través de plans de mellora. O ano pasado aprobamos 320 incorporacións ao agro, algo que non sucede en ningunha outra parte do país. Este ano centrarémonos en apostar por eses mozos que se suman para que poidan levar a cabo os seus proxectos.