Río de Galicia, marca ertenecente ao Grupo Lence, lanzou unha campaña para visibilizar a realidade do rural galego e as súas dificultades. Esta iniciativa xorde da IV edición do programa “Gandeiras con Actitude Río”, onde as participantes acordaron un manifesto con diversas demandas, entre elas a eliminación de trabas burocráticas que dificultan o seu traballo debido á desconexión dos responsables políticos europeos co mundo rural.
Para reforzar a súa mensaxe, a campaña propón un irmandamento simbólico entre Bruxelas, sede das decisións comunitarias, e o rural galego, co obxectivo de achegar a realidade dos habitantes do campo aos responsables políticos. Como parte desta acción, Río de Galicia lanzou unha recollida de sinaturas en Change.org, convidando á cidadanía a sumarse á causa.
A mensaxe central da campaña difúndese a través dun vídeo protagonizado por Carmen Lence, CEO de Grupo Lence, e as gandeiras Quiara Pardiñas e Luz Divina, gravado na aldea de Froxán (Lugo). Na peza audiovisual, as tres pasean pola aldea e reflexionan sobre o grave problema do despoboamento, resaltando a urxencia de tomar medidas para evitar a desaparición de comunidades rurais.