Río de Galicia presenta Milkchain, o sistema pioneiro de trazabilidade que certifica a orixe do leite

Río de Galicia presentou hoxe na sede do Grupo Lence en Lugo os resultados do proxecto Milkchain logo de dous anos de traballo. Con este proxecto, a marca pertencente ao Grupo Lence desenvolveu un sistema de trazabilidade certificada na industria láctea para asegurar a orixe do leite, así como a calidade e eficiencia dos procesos industriais relacionados co procesamento do produto. Así, a compañía logra dar un novo impulso ao lácteo galego, xerando valor en toda a cadea a través da innovación. Río de Galicia convértese deste xeito na primeira marca do sector en contar cunha aplicación que ofreza estes datos desde a orixe ata o consumidor.

O evento contou coas intervencións de Javier Arias, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e Carmen Lence, CEO do Grupo Lence. Para esta última, a compañía amosa ao consumidor con este proxecto "a alma do produto": "Non é só leite: estamos protexendo unha forma de vida e estamos creando un vínculo entre o consumidor e o produto que consume. Detrás do produto hai moitas familias e o medio de vida de moita xente. Hai que aprecialo e poñelo en valor", expresou.

A forma de uso de Milkchain é moi sinxela: escaneando un código QR que está impreso nas botellas de leite Río de Galicia, o consumidor poderá coñecer a orixe a información do produto que vai consumir. É un fito que terá un impacto directo na evolución do sector lácteo, fundamental para Lugo e toda Galicia. Para Río de Galicia é vital ofrecer confianza e transparencia ao consumidor e, con este desenvolvemento, logran achegar ás ganderías e á industria ao consumidor e viceversa, ao ofrecer datos que son interpretables todos eles.