Río de Galicia celebra a segunda edición de Gandeiras con Actitude Río

Os próximos 9 e 10 de marzo terá lugar a segunda edición de Gandeiras con Actitude Río, tras o éxito da primeira convocatoria. Río de Galicia, marca galega que pertence ao Grupo Lence, é a encargada de organizar estas xornadas. O evento será no Forum Ceao (Lugo), cunha vintena de participantes que poderán compartir os seus desafíos e inquedanzas. A encargada de dinamizar as sesións será Ana Raquel Fernández, coachprofesional certificada de Elite Coaching Center.

Os obxectivos do programa xiran en torno aos compromisos da compañía coa sustenibilidade do rural galego, a loita contra a despoboación e o fortalecemento da cadea de valor. Desde a empresa buscan seguir potenciando espazos onde a muller do rural se sinta apoiada, comprendida e poida compartir experiencias do seu día a día. No encontro traballarase en aspectos como o autoliderado, a comunicación e a motivación.

A segunda edición de Gandeiras con Actitude Río comeza un día despois do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O Foro Económico Mundial sinala que se tardarán 132 anos en eliminar as desigualdades de xénero no mundo. Neste contexto, a compañía resalta que, pese a que aínda quede moito traballo por realizar, o 71 % do seu comité de dirección son mulleres.