Priorizar o benestar das vacas, pero tamén o dos gandeiros

Zaira Rodríguez e Fernando Lago están á fronte de Casa Eiras, a gandería familiar que herdou el dos seus pais na localidade coruñesa do Pino. As vacas foron desde sempre a paixón de Fernando e Zaira decantouse por este proxecto porque era o que realmente a facía feliz.

En 2015, o coruñés decidiu que a robotización do seu negocio lle axudaría a chegar aos tres muxidos por vaca, a controlar mellor a saúde dos seus animais e a lograr unha maior calidade de vida tanto para as vacas como para eles mesmos.

Tras os dous primeiros anos de muxido robotizado, a granxa continuou en crecemento e Fernando deuse conta de que debía traballar con dúas cabinas de muxido. Neste momento namorouse dos robots GEA, polo seu deseño e as facilidades de traballo que lle achegaba ao gandeiro. O foso e a colocación manual para xestións puntuais foron clave para levar a cabo o cambio.  

Xunto ao seu empregado, Pablo Midón, coidan actualmente dun total de 150 vacas produtoras, coas que están a alcanzar producións de 40 kg diarios por animal e uns 400 muxidos por día entre as dúas cabinas.

Contentos cos resultados, o próximo paso que darán de maneira inminente é a posta en marcha do terceiro robot GEA DairyRobot R9500. Contámolo en Vaca Pinta 41.

Localización: O Pino (A Coruña)
Número total de animais: 318
Vacas en muxido: 150
Media de muxidos: 2,7
Media de produción: 40 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 4,00 %
Porcentaxe de proteína: 3,50 %
RCS: 180.000 cél./ml

Que sistema de muxido tiñan antes dos robots?
Fernando: Antes de robotizar a granxa, muxiamos cunha sala GEA, a sala de toda a vida coa que traballaran os meus pais. 

Foi en 2015 cando decidín comprar un robot de muxido. Quería lograr máis flexibilidade e tamén intentaba lograr máis de dous muxidos por día cun manexo mellor dos animais. Telos todos identificados, sobre todo, para os parámetros de saúde, parecíame interesante. 

Cantos anos levan muxindo os dous robots de muxido GEA?  
F: En 2017, é dicir, hai seis anos máis ou menos, apostei por incorporar dous Monobox da marca GEA e ata a data. Estamos moi contentos.

Por que elixiron GEA cando decidiron crecer e pasar a traballar con dúas unidades de robot? 
F: Nese momento, foi como un amor a primeira vista. O robot reunía todos os requisitos que buscaba. Parecíame unha máquina moi completa, cunhas facilidades de traballo importantes e moi agradable para as propias vacas. Na marca tamén confiaba, porque xa traballaramos moitos anos coa sala de muxido GEA.
Por último, convenceume o servizo técnico con Tecnor Lalín Maquinaria. Anteriormente, tiñamos algo de relación con eles e agora, tras estes anos de traballo xuntos, cremos que son uns grandes profesionais.  

Que características deste modelo valoran máis positivamente tanto para as vacas como para o seu traballo? 
Zaira: Para nós este robot ten un valor engadido respecto dos outros que había nese momento no mercado. Ao final, o que queremos é que o traballo do día a día sexa fácil e cómodo para o gandeiro e certamente este modelo permíteche secar un animal desde o foso, moi importante para nós, muxir unha xovenca que teña nun momento puntual un edema cando está acabada de parir, revisar calquera vaca durante a visita dun veterinario... Este robot permíteche facer todo isto e non ter que atar os animais na cornadiza. 

Ademais, o deseño gustounos moito, parecíanos unha máquina funcional, compacta, fácil de traballar para nós e cómoda para as vacas.

Cantas vacas chegaron a muxir cos dous robots actuais?
F: Esta tempada aproximámonos ás 150, pero chegamos a muxir unhas 154 ou 156.

Cantos muxidos chegaron a facer por box co robot GEA?
F: Xeralmente aproximámonos aos 400 muxidos ao día entre os dous. No noso caso, non é complicado chegar aos 200 muxidos por cabina. O pico máis grande que conseguimos foron os 432 muxidos ao día.

Que produción diaria obteñen cos dous robots actuais?
F: Situámonos, máis ou menos, sobre os 6.000 kg de produción diaria nos dous robots.

Moxen animais de raza holstein e jersey. Por que se decidiron por vacas con características tan diferentes?
F: Para min, a raíña é a holstein, pero como lle entregamos leite a unha queixería, incorporamos de modo anecdótico tres jersey polos sólidos que achega esta raza e agora mesmo estamos muxindo unhas 15. As calidades destes animais chegan tranquilamente a un 5 % de graxa e un 4 % de proteína, e as súas producións son tamén moi boas.

Que beneficios achega o muxido con robots?
F: A diferenza máis grande é a tranquilidade dos animais e a melloría en calidade de vida para nós. As salas implican un traballo moito máis físico, que así non existe practicamente, e non necesitas tanto persoal.

Z: Permítennos interactuar máis coas vacas e pódense mesmo acariñar. Antes, sufrían un pouco máis. Ademais, a nós permítenos descansar algún día, porque unha persoa soa pode defenderse perfectamente. É importante que o gandeiro poida conseguir esa calidade de vida e os robots facilitan iso.

Teñen algún equipamento máis de GEA?
F: Si. Temos o tanque de frío e as vacas identificadas cos colares CowScout.

Pensan en crecer ou instalar máis robots?
F: Agora mesmo queremos ir paso a paso, acabar as obras que temos empezadas e comezar a muxir cun terceiro robot que xa está instalado.

Z: Non nos gusta facer plans a futuro porque a nosa experiencia nos di que ningún plan se cumpre. Neste traballo atopámonos con moitas trabas burocráticas e con falta de persoal. O que si queremos facer é seguir traballando coa mesma ilusión e tentar que os animais estean cómodos e que as persoas que estamos aquí esteamos contentas co noso día a día. Eses son os nosos plans.

José María Viana
Técnico de Alimentación de Aira en Casa Eiras

 

 “Esta granxa está logrando uns rendementos para muxido robotizado sobresalientes”

 

Que rendementos son os que se conseguen nestes robots de muxido de Casa Eiras?
Esta granxa está a lograr uns rendementos para muxido robotizado sobresalientes. Estamos a falar duns 200 muxidos por robot e día, cunhas medias de 15 litros por muxido, unhas calidades moi boas para ser unha granxa de alta produción e cunhas asistencias voluntarias que lles supoñen moi pouco traballo aos operarios de granxa.

 

Cales son os factores máis importantes para conseguir estes rendementos?
O meu traballo consiste simplemente no asesoramento a nivel de alimentación e manexo alimentario, que é unha parte fundamental nas granxas con muxido robotizado. Tanto Fernando como Zaira aplicaron rapidamente o que necesitabamos a nivel alimentario e así están a lograr estes bos resultados. O traballo ao final é dos operarios e as miñas recomendacións neste caso sempre foron moi ben acollidas.

 

Cre que a alimentación é un dos puntos clave para a circulación de animais en robots de muxido voluntario?
A alimentación é un punto máis, a clave está no manexo que o gandeiro faga do seu establo. Estamos nunha granxa na que as condicións dos animais están moi ben coidadas e, partindo desa boa base, sumamos un bo manexo da alimentación. 

 

Podería puntualizarnos algunhas características da ración utilizada?
É unha ración na que buscamos unha base forraxeira de calidade a partes iguais de millo e de herba. Para o concentrado no robot estamos nunha media de 6 kg. O truco non é se estás en máis ou en menos senón en estar no que debes segundo os días en leite da vaca, cunhas táboas ben deseñadas e cuns grupos de muxido ben establecidos.

 

Que lle parecen os resultados da granxa e da máquina instalada nesta explotación?
É unha granxa con muxido robotizado das que eu cualifico de sobresaliente, unha granxa cunha base xenética impresionante, das mellores de España. Só lles queda conseguir a matrícula de honra con base na súa meta de crecemento. 

Chegarán proximamente aos 220 animais en muxido e a granxa será un establo moi automatizado, que poderán manexar sen problema dous operarios ao día, para así poder ter moito máis tempo libre, tanto os empregados como os donos.