O Rodo e KWS presentaron as novas variedades de millo aos socios da cooperativa pontevedresa

O Rodo e KWS presentaron as novas variedades de millo aos socios da cooperativa pontevedresa

A cooperativa O Rodo, con sede no concello pontevedrés de Rodeiro, compartiu cos seus socios as novas variedades de millo híbrido, da man da firma de orixe alemá KWS.

KWS Inteligens, KWS Hypolito, Kidemos, KWS Lusitano e Saverio son os cinco híbridos presentados para a inminente campaña. As persoas gandeiras xa contan coa experiencia do ano pasado, no que se sementaron 150 hectáreas de variedades da compañía.

Esta cooperativa, que conta con clientes en concellos como Silleda, Lalín, Taboada e Chantada, pasa a ser distribuidora de KWS en exclusiva. Alberto Hermida, xerente da entidade, afirmou que “apostamos por KWS por ser unha compañía de millo tecnicamente solvente e de alta calidade”.

“Da man da cooperativa, gustaríanos expandirnos porque esta zona era máis descoñecida para nós. Non obstante, achegarnos a novas áreas con tanta calidade dános seguridade”, subliñou Paula Ramos, directora comercial en España e Portugal de KWS.

Na presentación, remarcaron a alta rusticidade e o bo stay green das cinco variedades. “Foron seleccionadas tras observar os resultados obtidos nas 300 bolsas vendidas para a zona”, argumentou Ángel Blanco, delegado de Galicia, Asturias e Cantabria de KWS.