Novo Plan Prelacto para período seco de De Heus

De Heus lanzou o Plan Prelacto para o período seco para previr os problemas de saúde nas vacas durante a transición entre dúas lactacións, xa que as dificultades para previr problemas de saúde durante este período nunha explotación de vacún de leite causan unha fonda preocupación a todos os gandeiros.

O obxectivo é mellorar o rendemento das vacas e reducir significativamente o impacto das enfermidades no rabaño durante esta etapa, que consta de catro fases: a fase de secado (últimas semanas da lactación); a fase de secado cedo ou far-off (as primeiras catro semanas do período seco); a fase de  preparto ou close-up (as dúas últimas semanas do período seco); e a fase de posparto ou de inicio da  lactación.

"O plan ofrece unha estratexia nutricional dirixida ao metabolismo do calcio e unha solución nutricional á incidencia da hipocalcemia subclínica, a cetose e outras enfermidades da transición que repercuten na eficiencia e rendibilidade das ganderías”, indica o responsable técnico de vacún de leite de De Heus, Miguel Iglesias. Así, o Plan Prelacto, ofrece un conxunto de solucións nutricionais adaptables a calquera tipo de gandería, xestiona as puntuacións de condición corporal das vacas e o mantemento dunha inxesta óptima de materia seca.

O Plan Prelacto para período seco expón, así mesmo, un enfoque efectivo de tres pasos para reducir o risco de balance enerxético negativo (BEN) e cetose ao final do período seco ou durante o posparto. Todas estas ideas teñen como finalidade proporcionar ao gandeiro maiores ingresos, unha redución da carga de traballo e unha maior satisfacción laboral.

A estratexia de De Heus permite incrementar a produción de leite sen afectar á fertilidade e axuda o gandeiro ou responsable da explotación a conseguir un inicio fácil e saudable da lactación, unha mellora da fertilidade, unha maior lonxevidade, unha menor taxa de separación dos animais vellos de forma forzada, un descenso dos custos económicos derivados de enfermidades e os seus tratamentos e maiores beneficios.