RABAÑO MONITORIZADO CON SENSEHUB® EN GRUPO REIGADA (LUGO)

"Axúdanos a mellrar a fertilidade e os índices de preñez"

Formado por tres granxas con localizacións diferentes, o Grupo Reigada apostou pola monitorización das súas produtoras co sistema SenseHub®, de MSD Animal Health, co obxectivo de detectar mellor os celos e realizar un control máis exhaustivo dos pospartos. A veterinaria do conxunto de ganderías, Mariluz Graña, detállanos nesta entrevista como está a ser a súa experiencia e que melloras notaron.

En que áreas traballa co sistema SenseHub®?
Estamos a utilizalo principalmente para a monitorización dos pospartos e para a detección de celos.

Tras a súa instalación, mellorou a xestión da reprodución?
Levamos poucos meses co sistema, pero o que si estamos a conseguir é reducir o traballo diario á hora de picar animais. Por exemplo, antes sincronizabamos as vacas das tres granxas inxectando hormonas e iso levaba moito tempo, que agora dedicamos directamente a inseminar. 
Ademais, o sistema achéganos a hora exacta do celo e obtemos o momento óptimo para a inseminación.  
Antes, coa sincronización, inseminabamos vacas os xoves, pero podían saír en celo real o sábado ou o domingo. Desta maneira, reducimos o número de animais a picar e o número de vacas a revisar, porque a que non está xestante xa está inseminada. Adiantamos moito traballo e o que facemos, realizámolo de maneira máis eficiente. Non é o mesmo manexar a un animal para picalo e poder sacalo en celo, que pode saír ou non, que inseminar produtoras que sabes que quedarán preñadas case fixo.
Este sistema axudaranos a mellorar a taxa de fertilidade e os índices de preñez.

E o control da saúde dos animais?
É verdade que coas alarmas afinas o índice de saúde, pois sempre vas tratar os animais cando realmente están enfermos.
Cando hai, por exemplo, un desprazamento de abomaso, que é algo moi rápido, case salta a alarma no momento en que a vaca o produce. Pódese operar xa ese mesmo día e adiántaste moito. Sen este sistema, igual ese animal se operaba á semana seguinte. 
En patoloxías posparto, para retencións, metrites ou simplemente unha xovenca que non está cómoda, comezo a tratar nese mesmo momento, porque o sistema ten unha sensibilidade moi alta.

Axúdalle na xestión do persoal? 
Ese aspecto é case no que máis notamos o cambio. A miña compenetración co equipo á hora de traballar é moito mellor agora, porque podo saber a situación das tres granxas antes de chegar a elas.
Organizo a lista de tarefas con cada encargado e sabemos os dous, porque os tres teñen tamén a aplicación nos seus móbiles, que vacas temos que revisar cada día.  En función do traballo que detecto cada mañá, organizo o meu día segundo as prioridades que necesiten en cada gandería.

Por que o recomendaría?
Sempre defendín que o que eu necesito é saber que as miñas vacas están sas, que detecto os celos a tempo e que insemino no tempo de inseminación. 
Impórtame un pouco menos a produción por vaca. Sei que se os animais están ben, van producir o máximo posible. 
Como veterinaria, non me interesan tanto os litros senón saber que está a funcionar todo ben. Se teño a roda funcionando, non teño problemas.

LUIS MIGUEL RIVERA
Encargado en Xerlea

 

"Mellorounos moito o plan de traballo e somos moito máis eficientes"

Que vantaxes notou desde que traballan con SenseHub®?
Á hora de inseminar é moi práctico, porque che di a hora exacta na que poder inseminar a unha vaca e niso vai moi ben.
Mellorounos moito o plan de traballo e somos moito máis eficientes. Nos pospartos, as alarmas das vacas que teñen problemas van saíndo soas e os animais que están ben xa non hai que revisalos. 
Para os celos, no canto de ter que sincronizar e inseminar un día por semana, agora estamos inseminando cando o colar nos avisa. Ademais, as vacas atrasadas van sendo recuperadas polo propio colar e quedan finalmente xestantes, antes quedarían descartadas. O tempo que pasaba trabando animais para picar as sincronizaciones dedícoo a outras tarefas.
Por último, a monitorización da ruminación axúdanos tamén a detectar os problemas. En canto baixa a ruminación é que algo pasa. En vacas coxas, por exemplo, sabes cales son en canto se reducen as horas que van comer.
Son vantaxes para todo. Estamos contentos.

 

Por que o recomendaría?
Recomendaríao, sobre todo, por unha mellor organización e por aforro de tempo. É moi interesante tamén para ver os celos, especialmente en explotacións tan grandes, nas que moitas veces se pasan.  Por último, polo tema das enfermidades, porque colles os animais enfermos a tempo. 

ANTONIO DÍAZ
Sales Manager de SenseHub® en MSD Animal Health

 

"O noso equipo interactúa a diario cos responsables dos sistemas para dar solución a calquera aspecto"

Que retos implicou a instalación do sistema SenseHub® no Grupo Reigada? 
Un dos principais desafíos foi atopar a forma de poder integrar as tres granxas, con distintas localizacións, e poder traballar coas tres, e as súas peculiaridades, dentro dun mesmo sistema. 
Outro reto importante era a cantidade de animais, pois falamos dun volume moi grande e tiñamos que conseguir optimizar o número de colares instalados para que o investimento fose o máis asumible economicamente.
O terceiro punto destacable, e que valoramos moito, foi o feito de que a responsable da parte sanitaria é unha veterinaria. Ela facilitounos moito a forma de implantar os sistemas, pero todo iso tamén esixiu pola nosa banda moito rigor en todos os datos e que o sistema lle proporcionase toda a información que ela precisa para o seu traballo. 
 
Como é o asesoramento posvenda desde que os colares están postos en marcha?
Unha vez que instalamos o sistema, o noso equipo de veterinarios interactúa practicamente a diario cos responsables dos sistemas en cada granxa para dar solución a calquera dúbida ou a calquera aspecto que podamos axustar.
A realidade de cada granxa é particular e para nós é moi importante que os nosos técnicos estean en constante comunicación cos técnicos das granxas, para poder optimizar os sistemas ao máximo. 
Ademais, despois da instalación inicial, fanse unha serie de visitas periódicas para darlle formación aos usuarios e para realizar un seguimento sobre como se está implementando todo o sistema, como están a funcionar con el e se se necesita mellorar nalgún aspecto.