As ganderías de Galicia, Asturias e Cantabria, que nutren de leite a Nestlé, conseguirán reducir en máis de 43.600 toneladas as súas emisións de dióxido de carbono ao final deste ano. A iniciativa forma parte dunha estratexia da compañía, que pretende diminuír o lanzamento de gases de efecto invernadoiro a través da instalación de placas solares, a cobertura das fosas de purín ou a mellora do benestar animal. Case un centenar de granxas xa incluíu nas súas instalacións algunha destas medidas.
Nestlé colabora desde 2021 coa Fundación Global Nature no desenvolvemento dun proxecto piloto para acurtar as emisións dos seus provedores lácteos. Estas melloras supuxeron unha inversión de máis de 2,5 millóns de euros por parte da empresa.
Ao redor de 40 ganderías contan con placas solares nas súas naves, mentres que unhas 25 levaron a cabo o recubrimento das fosas onde se almacenan os puríns. Medio cento de negocios implementou reformas centradas no benestar animal, baseadas na mellora da climatización dos establos para manter a produción no verán mediante a instalación de ventiladores, techos illantes e humidificadores.
Ademais, Nestlé suplementou a ración do gando cun aditivo que reduce entre o 30 % e o 40 % o metano que emiten as vacas no seu proceso de dixestión. Máis de 8.000 animais reciben xa este aditivo e diminuíron unhas 10.500 toneladas as emisións de CO2 no último ano.
A compañía retribúe cunha prima económica sobre o prezo do leite a determinadas explotacións por desenvolver prácticas dirixidas a rexenerar a calidade do solo. A maiores, traballan xa cunha agricultura rexenerativa nos cultivos que proporcionan alimentos ás vacas, como outro método para ser máis sostibles.