Naturleite, recoñecida co selo de calidade Galega 100 %

A empresa Naturleite, afincada en Meira (Lugo), acaba de conseguir a marca de calidade Galega 100 %.

Recollen cada ano máis de 115 millóns de litros de leite a 120 ganderías galegas, todas da provincia de Lugo e situadas a menos de 40 quilómetros de distancia con respecto á fábrica, que transforman baixo estritos controis de calidade para elaborar un total de 11 referencias, entre leites clásicos, sen lactosa e frescos, que embotellan en envases 100 % reciclables.

Naturleite produce para o seu cliente Mercadona e cobre a demanda dos consumidores de todo o país a través de plataformas situadas en Villadangos del Páramo (León), Vitoria-Gastéiz (Álava), Zaragoza, Huévar del Aljarafe (Sevilla), Granadilla de Abona (Tenerife), Ingenio (Gran Canaria) e as recentemente incorporadas Sant Sadurní d´Anoia (Barcelona) e Ciempozuelos (Madrid).

REQUISITOS PARA SER GALEGA 100 %
O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (Ligal) é o titular da marca de garantía Galega 100 %, cuxo obxectivo é que as empresas poidan garantir aos consumidores que a materia prima principal dedicada á elaboración de leite e produtos lácteos procede exclusivamente de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada, creado mediante o Decreto 57/2010, de 8 de abril, as cales cumpren os seguintes requisitos: estar en posesión da carta verde de saneamento gandeiro, dispor dun historial de cumprimentos acreditado en parámetros que garanten a calidade do leite e non ser sancionadas por incumprimentos en materia de condicionalidade, sanidade e benestar animal e seguridade alimentaria durante os últimos seis meses. 

En canto á trazabilidade do produto, o selo Galega 100 % tamén certifica toda a fase de proceso desde a produción na explotación ata a entrada no centro de transformación a través do establecido no Real Decreto  217/2004, de 6 de febreiro, polo que se regulan a identificación e rexistro dos axentes, establecementos e colectores que interveñen no sector lácteo, e o rexistro dos movementos do leite. Os operadores terán que certificar ademais a dispoñibilidade efectiva dun sistema que garanta a trazabilidade dos produtos desde a transformación ata o punto de venda.

Así, a marca Galega 100 % non só identifica a orixe do leite dos produtos elaborados en Naturleite senón que é un selo de calidade que avala todo o proceso de produción, desde a súa orixe en granxa ata o seu consumo.