Naturleite adquire Cereales Rego e reforza o seu compromiso con Galicia

Naturleite, empresa do grupo Covap (Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches), referente na fabricación e comercialización de produtos lácteos galegos e situada na localidade lucense de Meira, adquiriu Cereales Rego co obxectivo de reforzar os servizos que lles ofrece ás ganderías de Galicia.

Por medio desta operación, Naturleite incorpora aos seus activos esta fábrica de pensos situada tamén en Meira, destinada á produción, almacenamento e distribución de pensos para as especies bovina, porcina e aviaria, adscrita ao sistema de Calidade Galicia Alimentos Seguros (Galis).

O acordo alcanzado non só garante os actuais postos de traballo, senón que confirma a aposta de Naturleite por Galicia desde a súa chegada en 2019. Desde entón, a compañía non deixou de crecer, pechando 2022 cunha produción de 130 millóns de litros procedentes de 11.000 vacas en muxidura, todas elas en Galicia. Para facelo posible, conta cun persoal de 84 persoas, cuxo esforzo e implicación permitiron fortalecer, en apenas catro anos, un proxecto que, xunto a Mercadona, e baixo a marca Hacendado, distribúe a toda España unha ampla gama de produtos de calidade, como leite fresco e UHT.

Para Ricardo Delgado Vizcaíno, presidente de Naturleite, "a compra de Cereales Rego pon de manifesto o compromiso que desde o inicio mantivemos con Galicia e co seu sector primario, un dos factores clave do noso modelo. Con esta adquisición reforzamos o servizo que podemos ofrecerlle ás ganderías galegas, neste caso na área da elaboración de pensos non só para gando vacún leiteiro, senón tamén para vacún de carne, porcino ou aviario, incorporando unha actividade que tradicionalmente estivo moi vinculada a Covap, con centros de alimentación animal en Andalucía e recentemente tamén en Estremadura, abarcando toda a cadea alimentaria, desde a orixe".

Raúl Pedro Rego Fernández, propietario desta empresa familiar desde hai máis de 30 anos, sinalou: "Teño a crenza de que Cereales Rego, o equipo e a atención a clientes incorpóranse a un proxecto co que me identifico polos valores e modelo que compartimos, centrado en achegarlle valor á gandería galega".