Nanta, primeira empresa de produción de pensos compostos en obter a certificación FSSC 22000 de seguridade alimentaria

Nanta deu un novo paso na súa aposta pola máxima calidade e seguridade dos seus produtos tras converterse na primeira empresa de pensos compostos do noso país en lograr a máxima certificación de seguridade alimentaria, a FSSC 22000, dentro da categoría Production of Feed, para oito das súas fábricas en España e Portugal.

Para a súa obtención, desde a compañía explican que asumiron unha serie de requisitos adicionais ata agora non contemplados, como a “Mitigación da fraude alimentaria” e o “Food Defense”, orientados á prevención de accións ou fraudes intencionadas que puidesen comprometer a inocuidade dos alimentos, así como un requisito de “Formulación de produtos”, que ten en conta o control de sustancias, nutrientes ou ingredientes que puidesen ter efectos adversos nos animais ou afectar á seguridade alimentaria.

Para isto, levaron a cabo unha análise de vulnerabilidade e implementaron as medidas preventivas oportunas, un procedemento de control para avaliar os factores de risco e implantar medidas de control axeitadas e efectivas en cada momento, orientadas a facer fronte á fraude alimentaria, incluída a auditoría de toda a cadea de valor, desde os diversos provedores e a súa cadea de subministración, ata a integridade dos produtos e os seus envases.

Así mesmo, Nanta fixo investimentos nas fábricas certificadas, enfocadas á protección das instalacións, e quixo involucrar a todos os departamentos e dedicar recursos á formación de todos os seus empregados no manexo e aplicación dos novos protocolos, tarefas e procedementos establecidos. O obxectivo é cumprir cos novos estándares de calidade e minimizar os riscos da fraude alimentaria que, neste caso, podería afectar á saúde de consumidores e animais, ademais de producir un impacto negativo sobre a reputación e estabilidade económica das operacións do grupo.

A FSSC 22000 é unha certificación voluntaria de xestión da seguridade alimentaria concedida por Aenor que supón unha ampliación importante do actual sistema da compañía, que pasa a adaptarse á nova versión da norma ISO 22000 (2018), xunto co cumprimento dunha especificación técnica para os prerrequisitos (ISO TS 22002_6 2016) e para os requisitos adicionais esixidos por FSSC para o sector da alimentación animal.