Nanta fai públicos os resultados da súa enquisa sobre a recría de xovencas

Nanta fai públicos os resultados da súa enquisa sobre a recría de xovencas

O manexo do calostro e a escaseza de datos son os puntos máis críticos nas granxas de recría de xovencas segundo as informacións obtidas deste estudo de Nanta que abarca explotacións de España e Portugal

A consulta centrouse en explotacións de entre 25 e 1.100 vacas (a maioría de entre 50 e 150 animais), atendendo a puntos fundamentais como a contorna ao nacemento dos xatos (ambiente e calostro), o período de lactación (leite e lactoremplazante, pensos de arranque, contorna e benestar, e profilaxe) e os controis de diferentes puntos clave da granxa e as medicións en peso e altura dos animais.

Os resultados consolidados apuntan a que este último é precisamente o punto máis débil. Soamente o 22 % das granxas incluídas no estudo realiza medicións do tamaño e peso das xatas ao nacemento e destete, e establecen obxectivos neste sentido. Isto é así a pesar de ser clave para a rendibilidade da explotación, ao permitir a selección dos mellores animais, aqueles con máis madurez metabólica, máis durabilidade no rabaño e os máis produtivos.

Tampouco o manexo do calostro sae ben parado, existindo bastantes lagoas na forma de administralo e dosificalo, a pesar de xogar este un papel fundamental na saúde da xata e no rendemento da futura vaca produtora.

Por outra banda, a existencia de programas vacinais implementados e revisados por un veterinario é tamén unha materia pendente (o 72 % das granxas consultadas non contan con eles).

En canto aos puntos fortes, destacar que o 52 % destas contan con locais específicos para o parto, aínda que tan só o 48 % realiza a necesaria limpeza tras cada parto e o 41 % desinfecta o embigo dos neonatos para evitar infeccións neste momento tan delicado da vida do animal. Tamén a dispoñibilidade da auga resulta un punto forte, xa que o 64 % dos gandeiros enquisados ten claro que debe estar dispoñible de forma continua (64 %) ou polo menos habitual (32 %). Finalmente destacar tamén como fortaleza a dispoñibilidade de forraxe desde os primeiros 15 días de vida do animal (aínda que tan só no 23 % das explotacións se trata de forraxe picada).

Con enquisas como esta, Nanta pretende achegar coñecemento sobre a situación real das granxas na Península Ibérica, obtendo un punto de partida sobre o que establecer programas de mellora en prol da eficiencia, sustentabilidade e rendibilidade do sector gandeiro.