DOUS A5 E DOUS A4 EN GANADERÍA CASA CEGARITO

Menor carga de traballo e maior comodidade para as vacas co tráfico libre

Ganadería Casa Cegarito, situada no concello de Navia (Asturias), foi o lugar escollido por Lely para o desenvolvemento dunha xornada de portas abertas o 30 de novembro, na que lles amosaron aos visitantes todas as características e os beneficios do robot de muxido Astronaut A5; nesta explotación dispoñen de dous e, a maiores, teñen dous A4. Contámolo en Vaca Pinta 42.

Pedro Suárez é socio de Ganadería Casa Cegarito xunto coa súa muller, Yasmir Lanza. Na xestión da gandería tamén colaboran os seus pais e un empregado. “Nesta granxa, que é moi familiar, fan un uso eficiente da man de obra. Buscan obter un retorno a un investimento moi grande e practicamente ningunha das súas accións son improvisadas: todos os días se fai de todo e cada un dos integrantes sabe que tarefas debe realizar”, aclarou Alberto Sánchez, responsable de vendas e marketing de Lely Center Los Corrales.
Na granxa hai dous lotes diferenciados: un deles con dous robots para as vacas adultas; o outro, tamén con dous Astronaut, para as xovencas. Por outra parte, están as xatas. O seu número de animais en muxido é de 190 actualmente: “A idea é seguir crecendo ata os 220 e poñer a 55 exemplares por robot”, explicou Suárez. A recría da gandería sitúase en dúas naves alugadas, onde posúen outras 180 xovencas. 


CATRO LELY ASTRONAUT: MELLORES HORARIOS E MÁIS DATOS DOS ANIMAIS
Hai xa nove anos que nesta explotación, situada en Polavieja, Navia (Asturias), decidiron confiar en Lely e nos seus robots de muxido, momento no que adquiriron dous A4 cos que continúan traballando a día de hoxe. “Estivemos muxindo durante os últimos nove anos unhas 140 vacas con eses dous robots, colocados cola con cola, cunha área de separación”, expuxo Alberto Sánchez.
Máis recentemente, cando decidiron crecer, colocaron un A5 coas novas instalacións e este ano incorporaron outro A5 a maiores: “Os A5 van un paso por diante que os A4 en seguridade ou en fiabilidade”, expresou Suárez. Tamén indicou que, ademais dos robots de muxido, teñen un Lely Collector para a limpeza da granxa, un Lely Juno que arrima a comida, e a Lely Calm para amamantar as xatas.
“Estou contento cos robots. É unha forma diferente de traballar, pero que eu a vexo moi ben: un horario máis libre e máis datos dos animais; distinto, pero mellor”, confesou o socio da granxa, que así mesmo engadiu que para as vacas resulta beneficioso, xa que están máis controladas no tema das enfermidades, pasan menos tempo de pé, están máis tranquilas e cómodas e, finalmente, a media de muxidos que se consegue na explotación é alta: “Trátase dun sistema bo para elas e tamén para nós”, afirmou.


TRÁFICO LIBRE EN GANADERÍA CASA CEGARITO
“Para nós o tráfico libre é un piar á hora de conseguir un correcto funcionamento das granxas”, sinalou Alberto Sánchez. Desde Lely apuntan que con este sistema se logra un bo descanso dos exemplares e, ademais, os operarios non os molestan constantemente. Outro aspecto que cabe resaltar deste sistema é que os animais comen, beben, móxense e socializan cando eles mesmos o deciden, sen ningún tipo de imposición externa.
Un dos beneficios que trae consigo o tráfico libre, tal e como conta Sánchez, é a diminución da carga de traballo, ademais de que non se perturba a vaca e deixámola que ela actúe por si soa, é dicir, que sexa unha vaca. “Unha vaca que non vaia ao robot polo motivo que sexa, tanto en tráfico libre coma en forzado, haberá que acabar levándoa. Polo tanto, nós preferimos deixalas tranquilas e que elas decidan”, manifestou Sánchez, ao tempo que declarou que, deste xeito, hai menos accidentes e menos problemas de bullying. 


ALIMENTACIÓN CON CAMPOASTUR
Un elemento que se debe ter en conta en calquera gandería para obter a máxima eficiencia e asegurar o benestar animal é a alimentación. “Os animais deben comer unha ración parcialmente mesturada e hai que diferenciar entre os distintos exemplares” –contou Alberto Sánchez–, “ao final, as nosas protagonistas teñen que vivir mellor, hai que conseguir máis lonxevidade, evitar as coxeiras e, en definitiva, todo isto redundará nun beneficio para o gandeiro”. 
Nesta granxa confían en Campoastur para a alimentación dos animais: “O carro vén todos os días. Nunhas gabias de formigón teño o millo e os silos de herba, que mo carga a diario”, concluíu Pedro Suárez. Tomás Zaballos, que asistiu á xornada, forma parte da devandita cooperativa de gandeiros, cuxa actividade principal é a fabricación de pensos. 

O LELY COLLECTOR, UNHA MÁQUNA IMPRESCINDIBLE 
Un dispositivo que axuda aos socios de Ganadería Casa Cegarito a asegurar a limpeza da súa explotación é o Lely Collector, que succiona o esterco en solos sólidos e o almacena na súa cuba de 350 litros. Posteriormente, transpórtao ata o canal de descarga e deposítao alí para que, finalmente, se vaia á fosa de xurro. Conta cunha base de carga e con cargador de auga, xa que, ademais de aspirar o esterco, humedece á súa vez o solo para evitar esvaróns e que a superficie quede máis limpa aínda.
Proximamente, en marzo de 2024, Lely sacará á venda o seu novo Collector C2. “Con esta máquina ampliaremos a capacidade de traballo ata cinco horas máis cada día e, polo tanto, conseguirá limpar superficies de ata 750 metros”, indicou David Mosquera, comercial de Lely Center Los Corrales. Outras novidades que se poden resaltar deste último modelo son a súa carga por indución e a súa nova batería.