José Antonio Batalla e Noelia Viqueira son os propietarios actuais da gandería González Batalla e eles sós, coa única axuda de dous robots R9500 de GEA en tráfico libre, sacan adiante todo o traballo que supón esta granxa de 190 animais, con 100 produtoras. Ver en Vaca Pinta 43.
Esta explotación familiar, da localidade coruñesa de Lousame, naceu nos anos 80 con 40 vacas e o seu crecemento paulatino, con base en recría propia, provocou que no ano 2021 comezasen a pensar na construción dunha instalación nova deseñada con robots de muxido co principal obxectivo de conciliar a vida laboral coa familiar.
Noelia, que traballaba a quendas nunha industria láctea, tomou a decisión de deixar o seu emprego anterior para dedicarse ao 100 % á gandería e co fin de que a flexibilidade de horarios que este proxecto lles podía achegar lles facilitase as condicións que requiren dous nenos pequenos.
A día de hoxe e tras case ano e medio de traballo con robots en tráfico libre, logran rematar a súa xornada laboral sobre as seis e media da tarde cunhas medias de 41 litros por animal e día, e 2,8 muxidos por vaca.
Localización: Lousame (A Coruña)
Número total de animais: 190
Vacas en muxidura: 100
Media de muxidos: 2,8
Media de produción: 41 l/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 4,00 %
Porcentaxe de proteína: 3,58 %
RCS: 170.000 cél./ml
Cando empezaron a muxir cos dous robots de GEA e que sistema tiñan antes de instalar estes robots?
Antes tiñamos unha sala de muxido de espiña de peixe 5x2 con medición electrónica e retirada automática. Empezamos a traballar co muxido robotizado de GEA o 25 de outubro de 2022.
Como foi o proceso de cambio?
Comezamos afacendo os animais a pasar polo robot con penso unhas tres semanas e, logo, o día 25 de outubro de 2022 arrincamos os robots ás cinco da tarde. Ao día seguinte, comezamos de novo a meter vacas ao robot ás catro da mañá, esa xornada apagouse a sala e ata hoxe.
O proceso de cambio, ao comezo, é un pouco complicado, polo cambio no sistema de muxido e porque a metodoloxía de traballo cambia un pouco. Non é só causa do muxido.
Creo que nos custou máis a nós que aos animais. Non queriamos perder produción e tivemos que ir cambiando aos poucos a alimentación. Desde que pasou un mes e adaptamos a ración definitivamente xa se notou un cambio importante.
No cambio de sala a robot, descartaron vacas, foron crecendo aos poucos con recría propia ou compraron novos animais?
Nós crecemos sempre con recría propia, gústannos moito as vacas frisonas e ir seleccionando os nosos animais.
Non descartamos vacas ata xaneiro deste ano. Iso si, agora empezamos a seleccionar aproveitando as rotacións de todas as vacas. Deixámolas pasar polo robot a todas e agora estamos a eliminar por motivos diversos: conformación ou dureza no muxido, máis que nada.
Os robots de muxido permítenlles maior flexibilidade e conciliación familiar?
Na granxa traballamos a miña muller e eu. A nosa xornada empeza ás seis da mañá. Miro sempre a aplicación de móbil para ver o estado do rabaño e saber con que nos imos atopar.
Chegamos á granxa e o primeiro que facemos é arrimar a comida, limpar as camas e achegar os atrasos. Agora mesmo temos catro no lote de multíparas e tres no de primíparas, máis ou menos.
Limpamos o comedeiro, porque ás sete vén o carro e, logo, atendemos a recría, dámoslles o leite e encamámolos. Terminado o traballo coa recría, volvemos ás camas ata as oito, hora na que rematamos a nosa primeira parte de xornada, porque imos almorzar e levar os pequenos ao colexio.
Ás nove volvemos á granxa porque sempre hai cousas que facer: papelame, inseminacións, vacinas… O noso plan é facer o traballo forte pola mañá. Á unha ímonos comer e non volvemos ata as cinco da tarde. A esa hora volvemos meter os atrasos, facemos de novo as camas e sobre as seis e media da tarde finalizaría a nosa xornada. Así podemos conciliar a nosa vida familiar moito mellor.
Por que elixiron GEA?
Nós eliximos GEA porque nos gustaba moito como moxe.
Por unha banda, valoramos moito tamén a separación por cuartos e a opción de colocación manual, porque cando pare unha xovenca os primeiros días entran moi nerviosas. Coa opción manual a súa adaptación é máis fácil e con vacas moi adultas, ás que lles custa máis, podes aproveitar igual toda a súa lactación. Ademais, son máquinas moi silenciosas.
Doutra banda, xa coñeciamos o servizo técnico e estamos moi contentos con eles, porque xorde calquera problema e sempre están atentos para solucionar nun momento.
Vemos unhas instalacións moi coidadas e moi funcionais. GEA interveu no seu deseño?
Si. Eu tiña a miña idea máis ou menos clara e sabía o que quería, pero necesitaba plasmala nun papel.
Nesta tarefa interveu GEA e nese sentido botáronme un bo cable.
Deseñamos zonas de descanso, os corredores moi amplos e tamén dúas áreas de separación, unha para cada robot. Facilítanche moito o traballo.
Nós viñamos dunha granxa totalmente oposta, con corredores estreitos, con moi pouca luz e cos animais moi amontoados. Estabamos fartos de ver os animais así e, co tráfico libre, valoramos moito o contrario.
Teñen algún equipamento máis de GEA?
Si. Contamos cos colares CowScout, que nos proporcionan información moi importante en canto a ruminación, actividade e celos.
Ás veces o colar detecta baixo índice de actividade ou de ruminación e, se lles prestas atención a eses problemas, podes solucionar algunha enfermidade cun pouco de antiinflamatorio.
Pensan en crecer ou instalar máis robots no futuro?
A nave si que quedou deseñada para poder crecer, pero non temos esa idea.
Estamos moi cómodos así, con este tamaño e con dous robots, pero si o valoramos e deixamos todo preparado para poder desdobrar unha terceira fila de camas e poder montar outros dous robots máis.
Vemos que esta granxa conta cun deseño en tráfico libre. Cales son as súas características?
Nesta granxa optouse por un deseño en tráfico libre, cuns corredores de exercicio moi anchos, con máis de cinco metros; unha zona moi ampla xusto diante do robot, onde non hai ningún tipo de porta de selección, e unha área de separación con cama quente, onde o manexo do posparto é moi práctico.
Que destacaría do traballo de Farming Agrícola nesta instalación?
Cabería subliñar o asesoramento á hora do deseño, xunto cos propietarios, para buscar unha granxa o máis práctica e eficiente posible para o día a día. O obxectivo final era que unha persoa puidese manexar un parto ou meter unha vaca rapidamente ao robot.
Tamén me gustaría resaltar o asesoramento á hora da posta en marcha, acompañando os gandeiros en todo momento para sacar o máximo partido á máquina desde o minuto cero.
Por último, tamén lle damos moita relevancia ao plan de mantemento que implantamos en todas as máquinas, pois estamos convencidos de que é unha maneira de traballar segura para que os robots fallen o menos posible e estean a funcionar as 24 horas, os 365 días do ano.