Os irmáns Marc e Quim Xifra son socios actualmente da gandería catalá Mas Gener xunto coa súa nai. Cabe resaltar desta explotación que foron os primeiros de toda España e Portugal en apostar polo muxido robotizado hai xa máis de vinte anos, momento no que instalaron un Lely A2 e, posteriormente, outro. Co paso do tempo, substituíron estas unidades por tres A5 con resultados satisfactorios. Máis en Vaca Pinta 45.
Mas Gener é unha explotación familiar situada en Riudellots da Selva (Xirona) e rexentada actualmente polos irmáns Marc e Quim Xifra e pola súa nai, María Sala, quen contan coa axuda de varios empregados. “Son das primeiras xeracións de gandeiros que facemos este traballo porque queremos e non porque nos tocou”, confesou Marc Xifra.
Actualmente dispoñen de tres robots Lely Astronaut A5, cos que moxen 200 vacas e obteñen unha media de muxidos diarios de entre 2,8 e 2,9 litros, chegando aos 8.000 litros ao día.
OS INICIOS DO MUXIDO ROBOTIZADO EN ESPAÑA
Marc Xifra, un dos irmáns, estivo a traballar nunha granxa en Canadá durante un verán e, máis tarde, pasou un ano nos Estados Unidos, en Minnesota, nunha gandería de leite que, naquel momento, en 1997, era a que tiña unha produción máis alta en todo o país. Durante esta experiencia puido coñecer moitos europeos que tamén se formaban alí, o cal foi positivo máis tarde, unha vez que regresou a Europa: “Isto fixo que tivese moita relación con eles e que nos reunísemos de cando en vez”.
Nun deses encontros foi cando Xifra puido coñecer de primeira man o muxido robotizado. Foi en Holanda, onde varios gandeiros visitaron a primeira gandería robotizada que existía, a finais de 1990: “Pareceume incrible. Supoño que a sensación sería similar a cando meu avó viu por primeira vez un tractor”, expuxo.
Máis tarde, tamén estivo presente na feira Agribex de Bruxelas cun grupo de mozos gandeiros. Nese evento, puideron observar un robot de Lely traballando en directo. “Eu estaba todo o día no stand. As vacas muxíanse soas, era a atracción principal da feira”, relatou Marc Xifra respecto diso.
Unha vez de volta en Cataluña, había que facer un proxecto novo na granxa: unha sala de muxido, unha nave… Ao pouco tempo, seu pai pediulle a Marc Xifra que viaxara ata Holanda para poder conversar cos traballadores de Lely. Con todo, aínda non se podía vender o robot en España, aínda que, pouco despois, un comercial da firma holandesa se presentou na explotación e lles ofreceu o robot de muxido. “Fomos os primeiros en asinar un contrato e en empezar a utilizar un A2, sobre o ano 2000. A experiencia foi moi grata; grazas a iso, aínda estamos a traballar con vacas e o meu irmán enganchouse a elas”, narrou Xifra.
Por aquel entón, mantiveron a sala de muxido e foron crecendo aos poucos. Instalaron unha nova nave, no ano 2008 puxeron o segundo A2 e, en 2020, cambiaron os dous A2 por dous A5. En outubro do 2023 implantaron unha terceira unidade do A5. “Creo que grazas aos robots de Lely seguimos estando no sector cunha boa calidade de vida”, indicou Marc.
MOI BOAS CIFRAS E TRÁFICO LIBRE
Os niveis de produción aumentaron na granxa cos Lely Astronaut A5 que instalaron recentemente en substitución dos modelos anteriores: “Estamos nunha media de entre 39 e 41 litros por vaca e día”, expuxeron. Con respecto disto, Marc Xifra informou de que estes robots poden muxir ata a 65 exemplares con medias moi altas e en tres muxidos diarios: “Polo que me contan e polo que vexo, Lely é o Ferrari dos robots”.
Así mesmo, Marc Xifra afirmou ser un defensor do tráfico libre: “A vaca vai ao muxido cando ela quere, ao seu ritmo. Outro aspecto no que me fixei é que con este sistema aumentan a súa lonxevidade”. “As vacas teñen que estar cómodas, ben e con tráfico libre, que é o mellor que hai”, engadiu Quim Xifra.
Tamén notaron que todo isto lles axudou moito economicamente: “Nos últimos anos vendemos excedente de exemplares de recría. Os clientes volven e repiten, así que é satisfactorio ver que os teus animais non son só bos na túa casa, senón que tamén o son noutras zonas. Todo isto foi grazas ao robot”.
Dos A5 destacaron en Mas Gener o volume de información útil que proporcionan, por exemplo, os celos ou a detección dalgunha patoloxía, ademais de datos de ruminación, produción de leite diario... E todo se pode consultar desde o móbil, co cal resulta ser unha maneira de traballar moi agradable tanto para os animais como para os traballadores da granxa.
Un dato interesante dos socios da explotación é que, cando instalaron unha das súas naves, xa pensada para os robots, déronse conta de que era necesario incluír unha área de separación para poder dividir aos animais. “As vacas que produciran máis de 70.000 litros de leite agradecían ter un parque onde poder deitarse máis libremente”, expresou Marc Xifra.
Actualmente, tal e como conta Quim Xifra, teñen un robot en cama quente para vacas máis adultas, de entre catro e sete partos e, os outros dous, con cubículos: un para primíparas e outro para animais de dous ou tres partos.
AS VANTAXES DO LELY ASTRONAUT A5
Despois de vinte anos traballando co muxido robotizado, Marc Xifra ten moi claros cales son os beneficios dos A5. En primeiro lugar, recalca a súa fiabilidade: “Tes moi poucas alarmas. Nun ano, de ter que vir pola noite tres ou catro veces. Iso non é nada”. Ademais, engadiu que no caso de ter que acudir á granxa por unha alarma, podes solucionar o problema moi facilmente. Con respecto ás cifras de vacas falladas, tamén son mínimas; moitas veces, ningunha.
Acerca do cambio do A2 ao A5, as melloras que percibiron en Mas Gener foron varias. Quim Xifra afirmou que “a vaca entra recto, mellor, non está angustiada dentro do box. Ademais, é moi rápido e áxil conectando o brazo, moi forte, acepta patadas… Eu, ás veces, pregúntolles aos técnicos que máis se pode mellorar do A5, porque non se me ocorre nada”.
Por outra banda, Marc Xifra destacou que entre el e o seu irmán poden xestionar o negocio traballando unha fin de semana cada un, gozando de vacacións en familia e atendendo as necesidades persoais que lles van xurdindo, o que sería máis complexo cunha sala de muxido.
En canto ao benestar animal, desde a gandería declararon que a máquina trata ben os animais e que é óptima para eles. Ademais, grazas aos robots de muxido, os gandeiros volven gozar dos seus exemplares, xa que poden traballar con eles individualmente, tal e como subliñou Marc Xifra.
UN FUTURO PROMETEDOR E SUSTENTABLE COS ROBOTS
Quim Xifra resaltou que ultimamente cada vez máis gandeiros están a instalar os robots nas súas explotacións, probablemente para reducir a man de obra e ser máis eficaces.
“Eu loito porque o sector agrario siga cara adiante a través da miña organización”, —explicou Marc—, “tamén consegues darlles máis calidade de vida aos traballadores: se a xente está satisfeita e feliz, todo sae mellor”.
Xifra concluíu que, na súa opinión, os robots viñeron para quedar: “Cada día están a funcionar máis, desde Lely foron uns visionarios e puideron ser capaces de sacar un produto que se vai mellorando xeración tras xeración, o cal fai que ser gandeiro sexa fácil e que se vaian a preservar as explotacións familiares e as granxas grandes do noso país”.