No número 37 da revista Vaca Pinta entrevistamos a Roberto Blasco, responsable de Negocio Agro de Santander en Galicia, e Juan Ramil, especialista Agro de Santander en Vilalba e propietario dunha gandería de vacún en ecolóxico, sobre a implantación dos Corner Agro de Banco Santander.
ROBERTO BLASCO
Que obxectivos se propoñen cos Corner Agro?
Somos conscientes da importancia que ten o sector agroalimentario, especialmente en Galicia, e queremos estar preto dos nosos clientes, porque entendemos que é a mellor maneira de coñecer as súas necesidades, de axudalos e de darlles un servizo de calidade.
Os Corner Agro xorden como punto de encontro para agricultores, gandeiros e demais empresas do sector agroalimentario, onde son recibidos por un xestor especializado, que lles ofrece as mellores solucións financeiras e non financeiras. En definitiva, queremos que sexan os puntos onde compartir as súas experiencias e desenvolver os seus proxectos.
Como está a ser a súa implantación?
É un proxecto que lanzamos en Galicia no mes de xaneiro, coa apertura dos nosos primeiros Corner Agro, dedicados aos principais sectores agroalimentarios da nosa comunidade: gandeiro, agrícola, vitivinícola e mar.
A acollida por parte dos nosos clientes está a ser francamente boa, así que estes puntos serán os primeiros de moitos.
Cales cre que son as necesidades máis importantes demandadas polo sector?
Apostamos firmemente pola dixitalización do sector. Por iso, contamos cunha liña de financiamento de I+D+i Agro, co fin de que o sector teña acceso a profesionalizar as súas explotacións e mellorar os seus rendementos. Fomos a primeira entidade en lanzar unha app orientada ao sector agroalimentario, somos capaces de ofrecerlles o anticipo da PAC aos nosos clientes a través de canles dixitais, de modo que en só tres clics poidan dispoñer do importe do anticipo nas súas contas estean onde estean, e en 2022 reforzamos a nosa aposta por este sector co lanzamento do Fondo Agro Smart, dotado con 500 millóns de euros, co que ofrecemos financiamento a longo prazo a través de instrumentos de débeda e estruturas flexibles para dedicar ata un 20 % dos recursos a investir en capital.
Adoptaron algunha medida en relación cos trámites da nova PAC?
Contamos cun equipo de enxeñeiros técnicos agrícolas especializados, que levan connosco máis de vinte anos para dar o mellor asesoramento, algo moi importante sobre todo nesta campaña con todas as novidades que trae a PAC. A tramitación é totalmente gratuíta e aqueles clientes que a anticipen por importe igual ou superior a 2.500 euros recibirán a subscrición ao caderno de campo dixital, unha ferramenta clave e necesaria a día de hoxe para a xestión das explotacións.
JUAN RAMIL
“O fundamental é a especialización, falamos o seu mesmo idioma”
Que solucións lles ofrecedes aos clientes desde o Corner Agro?
O Corner Agro inaugurouse no mes de xaneiro porque o banco está a apostar decididamente polo sector agro e Vilalba é un punto importante, pois aproximadamente un 30 % dos nosos clientes se dedican a este sector.
O fundamental deste espazo é a especialización, é dicir, o cliente comproba o coñecemento que temos, porque falamos o mesmo idioma, e nós detectamos as súas necesidades e ofrecémoslle as solucións máis adecuadas. Ademais, acompañámolo durante a realización do proxecto e iso achégalle moita tranquilidade.
Á parte de especialista agro, é tamén gandeiro. Que retos afronta o sector?
O meu amor pola natureza vén desde a miña nenez e, hoxe en día, tanto á miña muller coma a min encántanos todo o que teña relación co medio ambiente. Comezamos a traballar con razas autóctonas, con 10 vacas e 13 ha, e agora temos 54 e 230 ha. Ás veces, os hobbies convértense en algo máis, a actividade gandeira valeume para poder especializarme no banco en algo que realmente me enche e poder transmitírllelo aos clientes.
O ámbito rural enfróntase a un problema de despoboamento moi importante e tamén de substitución xeracional, ademais será fundamental saber seguir as tendencias que indica a UE con respecto a unha maior sustentabilidade e unha maior conservación do medio ambiente.
Debemos asumir este futuro e creo que Galicia está preparada para iso. Contará con todo o noso apoio, como entidade, e así o estamos demostrando coa creación destes Corner Agro.