Xornada de portas abertas de Lely

Lodos y Pérez namora a propios e estraños

Lely ofreceu na Pastoriza (Lugo) unha completa xornada de portas abertas en SAT Lodos y Pérez na que os asistentes puideron coñecer todos os detalles do proceso de traballo desta gandería de referencia. Toda a información, en Vaca Pinta 37.

No marco incomparable dunha das mellores granxas de leite de Europa no que a produción e instalacións se refire, o xoves 16 de febreiro celebrouse en SAT Lodos y Pérez unha xornada de portas abertas levada a cabo por Lely coa colaboración de ABS, Piensos Rego, Lebriquim, Construcciones Coseco e SGMuiña. Esta explotación leiteira da provincia de Lugo cativou a todos os asistentes.


Lodos y Pérez é a gandería española con más de 150 vacas en muxido que ten os mellores resultados de media por vaca, cunha produción total anual próxima ao millón de quilos

Centenares de persoas déronse cita na Pastoriza, onde puideron coñecer de primeira man como é a rutina dunha explotación que produce case 50 kg de leite por vaca e día nos seus tres robots de muxido Lely Astronaut A5. Entre as ganderías de España con rabaños superiores ás 150 vacas en muxido, esta é a que ten os mellores resultados de media por vaca, cunha produción total anual próxima ao millón de quilos producidos por robot.

UN EVENTO EXITOSO CON ASISTENTES VARIADOS

O encontro transcorreu baixo un sol practicamente primaveral e cunha temperatura moi agradable para ser o mes de febreiro, de case 18 graos centígrados, o que fixo que máis xente se animase a participar na xornada.

O público que acudiu foi maioritariamente galego, pero tamén houbo gandeiros das provincias veciñas de Asturias, León, Cantabria, Valladolid, Zamora... e xente que veu de Portugal e Cataluña só para ver como funciona esta gandería, destacable en canto a produción e singular na súa construción. A nave goza da altura máxima permitida, máis de once metros no punto máis alto, e está aberta polos seus catro lados, polo que ten unha ventilación envexable.

IMPRESIÓNS MOI POSITIVAS

Os asistentes finalizaron o día moi satisfeitos despois de poder coñecer a explotación. “Vexo unhas vacas moi ben coidadas, cunhas camas de area cómodas; non me estraña que produzan litros da maneira na que o fan”, comentaba un gandeiro asturiano. Outro, procedente de León, resaltaba tamén: “Vese que as vacas, ao poder circular de forma libre e muxirse cando queiran, producen máis litros de leite ao día, pero tamén hai que ter en conta que a granxa ten unha forraxe excepcional”.

Un visitante da provincia da Coruña destacaba, ademais, “paréceme unha grande idea non ter trabadizas para as vacas, véselles mellor á hora de acudir ao presebe e semella que o fan sen ningún tipo de medo. A única dúbida é no que respecta a saneamento e reprodución, pero vexo que o teñen todo moi controlado”. Outro gandeiro, do sur da provincia de Lugo, asegurou que “o que máis me chama a atención é o cow confort que hai dentro da cuadra, comodidade e amplitude a partes iguais. Vese tamén o rabaño moi tranquilo; ata un día coma o de hoxe con xente por aquí, as vacas están moi ao seu aire e acoden igual ao robot”.

Un participante da xornada, da provincia de Valladolid, apuntou que “se ve que os robots traballan ben, que os cuarteiróns quedan todos correctamente muxidos e que a vaca non sofre nada dentro do box, é máis, non é que non sufra, é que acode de maneira voluntaria ao robot unha vez tras outra. Creo que os Lely Astronaut non teñen competencia neste sector, son a mellor máquina”.

Durante o día, os asistentes puideron tamén gozar dunha comida a pé de granxa nunha carpa instalada especificamente para a ocasión, na que non faltaron nin o polbo nin o churrasco.